Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 05 Decembro, 2018
    Conde subliña que os premios do Comercio Galego deixan patente que o sector sabe reiventarse para afrontar novos retos
    O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, subliñou hoxe na entrega dos Premios do Comercio Galego 2018 que os galardoados neste certame deixan patente que o comercio de proximidade sabe reinventarse para afrontar novos retos. Na súa intervención, Conde, que destacou o enorme esforzo que está a realizar o comercio galego por adaptarse ás cada vez máis esixentes demandas dos consumidores. Neste sentido, as prioridades da Xunta neste eido para o próximo ano seguirán sendo a dixitalización e a innovación do sector, un ámbito ao que se destinará preto dun 12% máis no orzamento. Esta decisión permitirá a posta en marcha de novas iniciativas como os laboratorios dixitais, que asesorarán e guiarán aos comerciantes nesta materia; e tamén posibilitará incidir en aspectos como a ecoinnovación, buscando a sustentabilidade ambiental e a aposta por un sector comercial vinculado ao coidado do entorno. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, que sinalou que nos últimos seis anos a Xunta colaborou coa posta en marcha de máis de 4600 actuacións de dixitalización no pequeno comercio galego, fixo fincapé en que, no actual mercado global, cómpre converter os desafíos en oportunidades, e que o comercio de proximidade ten no trato coidado e na calidade a súa mellor carta de presentación. Distincións autonómicas e provinciais Os Premios do Comercio Galego 2018 distinguen os establecementos a nivel provincial e autonómico que na súa xestión comercial executan accións innovadoras que comporten unha clara diferenciación e unha mellora na fidelización e a personalización do servizo e do produto. Para iso, valórase a transformación dixital, os servizos engadidos á propia oferta comercial, accións promocionais especiais e utilización de ferramentas tales como a web e as redes sociais como canles de comunicación e venda e a integración entre as canles on line e off line. O Premio Comercio de Galicia está dotado cunha contía de 3.000 euros; o Premio Comercio Provincial, cunha contía de 2.000 euros por provincia; e o Premio Iniciativa Dixital para asociacións de comerciantes, cunha contía de 1.500 euros. Nesta ocasión, o Premio Comercio de Galicia 2018 recaeu en Del mar al plato, unha peixería viguesa que vende on line e de xeito presencial, e que envía a empresas e domicilios o produto das lonxas galegas, sen intermediarios, en menos de 24 horas. Na Coruña, resultou gañador o establecemento compostelán Le Petit Coin, con moda e decoración centrada nos máis pequenos. Entre outros aspectos, o xurado destacou que empregan o chat como nova canle de márketing, así como o deseño da súa páxina web e a presenza en redes sociais. En Lugo, resultou premiado o bazar Tobarix, un comercio con gran tradición do que se destaca, ademais do seu uso da rede, a participación en diferentes iniciativas de dinamización comercial e a súa implicación na vida da cidade. No que respecta a Ourense, o recoñecemento correspondeulle a The Cosmethics, unha tenda de cosméticos naturais e orgánicos de alta gama con sede en Allariz e que desenvolve boa parte da súa actividade a través do comercio electrónico, con envíos totalmente personalizados e orientando en base ao tipo de pel de cada persoa. No tocante á provincia de Pontevedra, prémiase o negocio vigués Sémola, dedicado á elaboración de pan e doces. Á hora de conceder o galardón, destácase o deseño das tendas, a presenza on line e a posta en marcha de campañas promocionais. Do mesmo xeito, tamén se destaca a elaboración de produtos pensados especialmente para nenos, con packaging propio deseñado por unha ilustradora. Ademais, dentro dos Premios do Comercio Galego tamén se inclúe o premio Iniciativa Dixital, para asociacións de comerciantes. Nesta categoría elíxese entre aquelas asociacións que poñan en práctica proxectos tecnolóxicos vinculados ao comercio que inclúan presenza na rede, utilización de novas tecnoloxías e que incrementen a fidelización e os servizos prestados aos clientes. Resultou gañadora a Asociación de Empresarios do Deza, pola súa iniciativa de fidelización APP bigpoint, unha aplicación que permite aos usuarios acceder ás ofertas do comercio local e recuperar parte do importe das súas compras para realizar outras. Máis información

  • Páxina 1 de 1

  • Mostrando do 1 ao 1 dun total de 1 rexistros