Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 13 Decembro, 2018
    A Xunta impulsa a compra de Artesanía de Galicia este Nadal como un agasallo único e de calidade
    A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, acompañada pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, convidou hoxe á cidadanía a comprar Artesanía de Galicia este Nadal como un “agasallo único e de calidade”. Nunha visita ao obradoiro compostelán Noroeste, Vázquez Abeal presentou a imaxe coa que se achega de cara ás próximas festas unha visión contemporánea, actual e diferenciada do sector. A iniciativa é un adianto da próxima campaña de imaxe da marca Artesanía de Galicia, coa que se busca achegar unha visión fresca e contemporánea do sector artesán galego, un escaparate da heteroxeneidade do sector e da súa alta calidade, ao tempo que se busca animar a sociedade a valorar a artesanía tradicional galega e a incorporala á súa vida diaria tanto nos espazos de decoración como no relacionado coa moda persoal. A campaña estará composta de diferentes escenas onde as protagonistas serán as pezas feitas e deseñadas en Galicia polos profesionais do sector artesán, como é o caso desta primeira imaxe, inspirada na época do Nadal e orientada a animar a sociedade a que Artesanía de Galicia estea presente tanto nos agasallos coma na decoración dos fogares e dos eventos festivos típicos deste momento do ano. Nesta primeira imaxe aparecen representados oficios como a carpintería de ribeira, a elaboración de redes, a marroquinería, a olería e a cerámica, a forxa, a cestería contemporánea, o téxtil ou a tornaría de madeira. O resultado é unha imaxe actual e contemporánea dunha escena inspirada na época do Nadal, á que lle seguirán outras imaxes que se irán publicando ao longo do ano e nas que se ofrecerán propostas de usos de diferentes pezas en diversos ambientes e situacións. Nova normativa da marca No acto, celebrado no espazo de Noroeste Obradoiro – gañador do Premio Artesanía de Galicia 2016 – a directora xeral de Comercio e Consumo falou tamén da nova normativa da marca Artesanía de Galicia, coa que se ofrece unha imaxe máis actual e máis acorde coas necesidades dos obradoiros artesanais galegos, ao tempo que se avanza na simplificación administrativa para autorizar o uso deste distintivo. Coa actualización da normativa, publicado o mes pasado no Diario Oficial de Galicia, a Xunta avanza na simplificación administrativa e afianza a presenza da marca na comercialización de produtos artesáns, ao tempo que permite reforzar esta distintivo e o seu recoñecemento como un sinónimo de calidade e prestixio. Así, actualízase o manual de uso da marca, con novos deseños de packaging e cun novo deseño de etiquetas intelixentes que levarán incorporado un sistema de código QR con información dixital sobre a persoa artesá e o produto, o proceso de elaboración, e os materiais. Tamén se introducen elementos de identificación e sinaléctica para feiras e outros eventos artesanais, así como a regulación dos elementos de sinalización dixital. Máis información

  • Páxina 1 de 1

  • Mostrando do 1 ao 1 dun total de 1 rexistros