Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 28 Xaneiro, 2019
    A Xunta informa aos empresarios do polígono do Tambre das axudas dispoñibles para impulsar a actividade económica e industrial
    Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, estivo hoxe no polígono do Tambre -formado por 400 empresas e 6.500 traballadores directos e indirectos- nun networking co tecido empresarial para informar sobre as medidas que a Xunta ten en marcha e as que activará ao longo deste ano co obxectivo de impulsar a actividade económica e industrial da comarca. A xuntanza forma parte da rolda de contactos que está a levar a cabo o conselleiro co tecido empresarial galego para coñecer de primeira man as súas necesidades e intercambiar propostas para seguir impulsando a competitividade industrial. O obxectivo destes encontros é que ningún autónomo, empresa ou emprendedor teña que renunciar aos seus plans por falta de información ou de apoio. Conde destacou que a Consellería activará durante o primeiro trimestre deste ano esta axudas que suman máis de 100M€ vinculadas a diversos campos como as novas tecnoloxías, a internacionalización empresarial, a promoción da eficiencia enerxética, a modernización do comercio local, a mellora das infraestruturas nos parques empresariais e o acceso ao solo industrial, o impulso do emprego e o fomento do emprendemento e a atención aos autónomos. O conselleiro fixo fincapé nos programas relacionados co emprego, como as Unidades Formativas nas Empresas, que acaba de ampliar o prazo de solicitude ata o 11 de febreiro, e que busca formar a 2000 persoas cun investimento de 3,5M€; tamén se acaba da abrir unha nova liña de apoios para a promoción do emprego autónomo que inclúe a contratación indefinida de persoas asalariadas e a consolidación de pemes de nova creación e de base tecnolóxico cun orzamento total de 14M€; tamén se referiu a outros programas cos prazos de solicitude xa abertos como o Galicia Inviste, que con nove millóns de euros busca apoiar 140 novas pemes; as axudas para a mellora das infraestruturas dos parques empresariais e a creación de viveiros industriais e as do Igape para impulsar a dixitalización das pemes galegas, estas últimas cunha mobilización prevista de máis de 13 millóns. Neste último senso, o polígono do Tambre conta con infraestruturas avanzadas de banda ancha de máis de 100Mbps, imprescindible para poder traballar coas tecnoloxías máis avanzadas. Conde explicou que a Xunta apoiará, neste parque, o polo da biotecnoloxía e da madeira, dous sectores estratéxicos que contan na cidade cunha gran capacidade instalada. Así mesmo, salientou que xa están aprobados os apoios para impulsar a eficiencia enerxética en fogares, nas empresas do sector industrial, servizos e no agrícola que mobilizarán máis de 24 millóns. Tamén lembrou que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia o programa Reforma TUR 2019 con 3M€ este ano para axudar a 500 establecementos hoteleiros a realizar investimentos que melloren os seus servizos de cara ao Xacobeo 2021 e que mobilizará 24M€ entre pemes e autónomos da construción. Para rematar, o titular de Economía puxo en valor a Lei de implantación empresarial, lembrando que facilita ao máximo a actividade das empresas a través da simplificación administrativa e con bonificacións fiscais que se amplían no caso de que as compañías estean asentadas en Concellos Emprendedores. Na provincia da Coruña existen na actualidade un total de 28 concellos, entre os que non figura Santiago de Compostela pero si varios da comarca: Ames, Boqueixón, Val do Dubra e Vedra. Máis información

  • Páxina 1 de 1

  • Mostrando do 1 ao 1 dun total de 1 rexistros