Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 25 Febreiro, 2019
    A Xunta activará nas vindeiras semanas un programa de axudas por valor de 3,8M€ para a dixitalización e a modernización do pequeno comercio
    facebook twitter Compartir O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avanzou hoxe que a Xunta activará nas vindeiras semanas un programa de axudas por valor de 3,8 millóns de euros para impulsar a dixitalización e a modernización de empresas comerciais e artesanais. Así o adiantou nun encontro networking con autónomos e emprendedores dos concellos da Mariña e de Foz, organizado en colaboración co Concello de Foz e Federación de Comerciantes da Mariña. O conselleiro salientou que, con este novo paquete de axudas ao comercio, os beneficiarios poderán desenvolver proxectos de modernización integral de locais ou implantar novas fórmulas de comercialización. En total, dixo, este ano a Xunta vai destinar 14,6 millóns de euros de xeito específico a este sector para beneficiar a máis de 6000 establecementos. Como novidade, resaltou que se destinarán máis de 600.000 euros a promover a ecoinnovación, buscando a sustentabilidade ambiental e aposta por un sector comercial ligado ao coidado do contorno. Activarase outra partida de 500.000 euros para a creación de laboratorios dixitais que permitirán asesorar e guiar ao sector no proceso de dixitalización. E seguirase colaborando activamente coas federacións e asociacións de comerciantes, que desenvolven un papel clave na posta en marcha de estratexias e actuacións conxuntas. Conde destacou que o comercio está a vivir un momento de fondos cambios no que o comercio de proximidade ten que dar resposta ás novas demandas e preferencias dos consumidores, achegando novos servizos e produtos. Este sector, dixo, é un dos principais activos económicos da Mariña. Acceso a solo industrial Na súa intervención, asegurou que o obxectivo da Xunta é seguir avanzando na simplificación administrativa, nos incentivos fiscais para favorecer o acceso a solo industrial e, tamén, en diversas axudas económicas para impulsar a transformación dixital das pemes galegas. Adiantou, así, que no vindeiro mes de marzo o Goberno galego xa terá en marcha ata 30 ordes de axuda á disposición dos empresarios, autónomos, comerciantes e desempregados galegos, que suman máis de 100 millóns de euros. Conde puxo de relevo como, en virtude da Lei de implantación empresarial, o feito de ser Concello Emprendedor supón máis vantaxes á hora de acceder a axudas autonómicas que repercutan sobre o desenvolvemento económico local. Nese sentido, precisou que cinco municipios da comarca contan coa distinción de Concello Emprendedor: O Vicedo, Xove, Cervo, Barreiros e Mondoñedo. E que son, en total, 17 municipios da provincia de Lugo os que están considerados coma tal. No tocante ás facilidades que esta lei establece para acceder a solo industrial, sinalou que a Xunta está a ofrecer máis de 1,25 millóns de metros cadrados de solo empresarial en Galicia con bonificacións que, no caso da Mariña, chegan ao 50 por cento no prezo de venda. Nesta comarca, agregou, a través do concurso público que ten activado Xestur, as empresas poden presentar as súas ofertas para acceder a 15 parcelas no parque empresarial de Cervo, cunha superficie de máis de 27.800m², e a 14 parcelas en Viveiro que suman preto de 38.000m². En total, máis de 65.000m² repartidos en 29 parcelas. Ademais, indicou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) dispón de solo empresarial en Lourenzá susceptible de ser adxudicado en calquera momento en réxime de compravenda bonificada ou en dereito de superficie. Conde concluíu asegurando que, entre as principais liñas de axuda que xa están publicadas no DOG figuran os apoios para a promoción do emprego autónomo; o programa Galicia Inviste, cun orzamento de 9 millóns de euros para achegar financiamento ás pemes; as axudas para dixitalización, que van mobilizar 50 millóns de euros; ou as do programa Reforma TUR 2019, dotadas con 3 millóns de euros, para a modernización dos establecementos hoteleiros. Máis información

  • Páxina 1 de 1

  • Mostrando do 1 ao 1 dun total de 1 rexistros