Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 10 Abril, 2019
    A Xunta informa aos comerciantes de Ferrol das axudas para impulsar a competitividade do sector
    A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, mantivo hoxe un encontro con comerciantes de Ferrol, organizado en colaboración co Centro Comercial Aberto A Magdalena, no que informou das diferentes axudas para impulsar a competitividade do sector, ademais de escoitar as propostas e achegas dos participantes na xuntanza. Vázquez Abeal sinalou que, tal e como se informou recentemente no Consello da Xunta, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vai activar nas próximas semanas unha convocatoria de apoios, dotada con 3,8 millóns de euros, para impulsar a dixitalización dos comercios, a mellora da imaxe tanto dixital como física dos locais, a expansión comercial e novas fórmulas de comercialización, ademais de ferramentas que melloren o produto final. Como novidade, destacou que se van tamén conceder axudas para actuacións conxuntas dun mínimo de tres establecementos comerciais contiguos para dotar de homoxeneidade estética da imaxe exterior dos comercios dunha mesma rúa comercial, promovendo así a mellora da paisaxe das zonas comerciais. Ademais, informou de que a Xunta vén de publicar axudas por 2,5 millóns de euros para impulsar a competitividade do comercio mediante a colaboración cos centros comerciais abertos (CCA), asociacións de praceiros e federacións. O obxectivo é impulsar o papel dinamizador do comercio na actividade das vilas e cidades galegas a través de iniciativas que permitan atraer clientela e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 2 de maio. Por unha banda, destínanse 2 millóns de euros á liña dirixida a centros comerciais abertos para proxectos que inclúan iniciativas de dinamización comercial, sistemas de fidelización, sinalización externa ou mellora da competitividade comercial, entre outros. Como novidade, entre as actuacións subvencionables inclúese a creación de sinerxías e oportunidades dixitais a través do asociacionismo, con apoios para a posta en marcha de solucións dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados e mellora e modernización da imaxe do centro comercial aberto, a implantación e mellora do portal web do CCA ou márketing dixital. Cada entidade pode obter apoios de ata 40.000 euros, en función do número de comercios asociados e a poboación da localidade na que estean situados. Esta liña tamén se dirixe a asociacións de praceiros que, ademais de proxectos de fidelización, sinalización, dinamización e competitividade, poderán desenvolver iniciativas relacionadas coa mellora de instalacións e equipamentos. As axudas poden chegar a un máximo de 9.800 euros. A segunda liña, á que se destinan 500.000 euros, está dirixida a asociacións de ámbito superior ao municipal ou federacións para o impulso do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial. Neste caso, os apoios poden chegar aos 49.000 euros. Máis información

  • Páxina 1 de 1

  • Mostrando do 1 ao 1 dun total de 1 rexistros