Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 26 Abril, 2019
    A Xunta activa axudas por 3,8M€ para impulsar a modernización e dixitalización do comercio de proximidade
    A Consellería de Economía, Emprego e Industria activa un novo programa de apoios dotado con 3,8 millóns de euros para impulsar a modernización e dixitalización do comercio de proximidade galego. A convocatoria, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), céntrase na dixitalización, na mellora da imaxe tanto dixital como física dos locais, na expansión comercial e nas novas fórmulas de comercialización, ademais de no equipamento de ferramentas que melloren o produto final. Entre outras actuacións, no eido dixital apoiarase a implantación e actualización de páxinas web comerciais e a contratación de servizos profesionais de xestión de redes sociais, a introdución de ferramentas de márketing 4.0 ou a implantación de ferramentas de xestión. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 27 de maio. A axuda directa máxima deste programa para os titulares de establecementos comerciais que leven a cabo actuacións de dixitalización poderá chegar a 21.000 euros. Tamén se poderán obter ata 15.000 euros para os proxectos relacionados coa imaxe física do local, 30.000 euros para expansión comercial e ata 33.600 euros para iniciativas relacionadas con novas formas de comercialización e equipamento. A intensidade da axuda, dependendo da actuación que se realice, pode chegar ata o 80% do investimento a realizar. No tocante aos proxectos de modernización integral de locais, apóianse as obras de reforma e acondicionamento, a adquisición de moblaxe e melloras na fachada. Como novidade, concederanse tamén axudas para actuacións conxuntas dun mínimo de tres establecementos comerciais contiguos para dotar de homoxeneidade estética da imaxe exterior dos comercios dunha mesma rúa comercial, promovendo así a mellora da paisaxe das zonas comerciais. Por outra banda, os comerciantes que decidan expandir o seu negocio poderán obter apoios para a apertura dun novo establecemento, baseado no desenvolvemento do mesmo proxecto comercial, na especialización ou diversificación de produtos, na especialización de servizos ao cliente ou na especialización de novas tendencias emerxentes de consumo. O proxecto de expansión comercial deberá incluír un compromiso de contratación de polo menos unha persoa durante un período mínimo dun ano. Para potenciar novas fórmulas de comercialización, a convocatoria tamén contempla axudas para a posta en marcha de tendas efémeras ou pop up, así como de concept stores. Nestas últimas, poderán participar un ou varios comerciantes ou artesáns nun espazo compartido con diferentes propostas innovadoras xa sexan comerciais, culturais, artísticas, de deseño ou gastronómicas, creando unha experiencia única de compra. Ao igual que nas axudas para a modernización integral de locais e na de expansión comercial, no caso das concept stores esíxese contar cun proxecto de decoración e interiorismo. Na convocatoria para a innovación, dixitalización, e implantación de novas fórmulas de comercialización, os comerciantes retallistas e titulares de obradoiros artesáns tamén poderán acceder a apoios para a adquisición de equipamento e ferramentas que melloren o produto final. Máis información

  • Páxina 1 de 1

  • Mostrando do 1 ao 1 dun total de 1 rexistros