Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 14 Maio, 2019
    A Xunta presenta ao sector a nova iniciativa Comercio 360 co obxectivo de impulsar a súa competitividade e modernización
    A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, informou esta mañá na Coruña sobre a nova iniciativa Comercio 360, coa que a Xunta pretende dar un pulo a este sector mellorando tanto a súa competitividade como a súa modernización a través da dixitalización, a economía circular e o produto local. Tal e como explicou a directora xeral aos comerciantes coruñeses, as novas medidas, que se poñerán en marcha a partir deste mes, pretenden dar resposta ás demandas dos clientes, anticipándose ás súas necesidades, e adecuarse aos novos hábitos que se teñen detectado no eido comercial. Cunha visión a tres anos (2019-2021), neste primeiro exercicio destinaranse 5,7M€ para poñer en funcionamento medidas de sensibilización, axudas para a ecoinnovación e laboratorios comerciais, que se suman á convocatoria de modernización e dixitalización do comercio de proximidade que está aberta ata o 27 de maio. A Consellería de Economía, Emprego e Industria promoverá o labor de sensibilización e divulgación do Comercio 360 coa realización de xornadas e a análise de casos de éxito, así como a posta en marcha dun espazo web específico. Por outra parte, impulsará unha liña de axudas á ecoinnovación para impulsar a economía circular e a sustentabilidade no comercio a través da adhesión á plataforma do tícket dixital –que permite aos clientes e comercios coñecer o estado e garantía das súas compras ou vendas evitando a perda ou deterioro do tícket tradicional e minimizando o uso do papel–; da promoción dos ecoenvases realizados con materiais cen por cen biodegradables; ou implantando proxectos de economía circular que fomenten a reciclaxe e os produtos ecolóxicos. Outra das novidades será a creación de sete laboratorios comerciais nas principais cidades galegas para asesorar e impulsar o Comercio 360, achegando aos interesados servizos personalizados de mentoring, comunicación e publicidade, marketing intelligence ou mellora da xestión, entre outros. Esta nova iniciativa, dirixida a pemes de menos de 10 traballadores, enmárcase na Estratexia de impulso á competitividade do comercio de proximidade e ten como obxectivo ofrecer aos establecementos unha folla de ruta para conseguir un comercio diverso, moderno e adaptado ás novas realidades –reforzando tanto a súa imaxe física como dixital– e servizos, o que permitirá dinamizar tamén os centros urbanos das cidades e vilas galegas para facelos máis atractivos aos cidadáns, turistas e visitantes. A Xunta márcase tres obxectivos prioritarios coa posta en marcha desta iniciativa: lograr que 10.000 comercios galegos se sumen á estratexia 360; que máis de 1000 establecementos se beneficien dos servizos de asesoramento; e que 5000 comercios incorporen no seu modelo de xestión a aposta pola sustentabilidade e o tícket dixital Máis información

  • Páxina 1 de 1

  • Mostrando do 1 ao 1 dun total de 1 rexistros