Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 17 Outubro, 2019
    A Xunta colabora con dez asociacións da provincia de Ourense para continuar traballando na dinamización e revitalización do comercio de proximidade
    A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, informou que ao abeiro dos programas de apoios ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos (CCAs) e prazas de abastos, e do destinado ás asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal ou federacións, este ano resultaron beneficiados na provincia ourensá oito CCAs, unha asociación de praceiros e unha federación cunha achega de preto de 312.000 euros. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou recentemente ambas as dúas resolucións da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Díaz Mouteira explicou que o obxectivo é reforzar o papel destas asociacións na dinamización do comercio na actividade das vilas e cidades galegas a través de iniciativas que permiten atraer clientela e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores. Así indicou que estas axudas permitirán realizar diferentes campañas de dinamización comercial, incorporar sistemas de fidelización, realizar melloras na sinalización comercial externa, así como financiar a unidade xerencial que inclúe os gastos de persoal e de oficina. Como novidade, entre as actuacións apoiadas inclúese a creación de sinerxías e oportunidades dixitais a través do asociacionismo, con axudas para a posta en marcha de solucións dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados e mellora e modernización da imaxe do centro comercial aberto, a implantación e mellora do portal web do CCA ou márketing dixital. Cada entidade pode obter apoios de ata 40.000 euros, en función do número de comercios asociados e a poboación da localidade na que estean situados. Súmase a este programa por primeira vez a Asociación de Comerciantes de Celanova que, xunto cos centros comerciais abertos de Verín, Ribadavia, Carballiño, O Barco de Valdeorras e de tres existentes na capital (Ourense Centro, Ourense Norte e Couto Centro), reciben un total de 275.069 euros. Esta liña tamén se dirixe a asociacións de praceiros que, ademais de proxectos de fidelización, sinalización, dinamización e competitividade, poderán desenvolver iniciativas relacionadas coa mellora de instalacións e equipamentos. As axudas poden chegar a un máximo de 9.800 euros. Precisamente esta é a cantidade obtida pola Asociación de comerciantes e industriais da Praza de Abastos nº1 da cidade das Burgas. Canto á liña dirixida a asociacións de ámbito superior ao municipal ou federacións para o impulso do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial, na provincia de Ourense foi beneficiaria a Federación de Comercio de Ourense que recibiu unha axuda de máis de 27.000 euros. A delegada territorial deu conta destas axudas, coas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa a competitividade do sector comercial, durante a visita que realizou esta mañá ao Centro Comercial Aberto Ourense Centro que obtivo a máxima achega posible, cifrada en 40.000 euros. Asociacionismo comercial Marisol Díaz mantivo unha xuntanza con membros da súa directiva e puxo de relevo o traballo que desenvolve esta asociación comercial desde a súa constitución, a prol da dinamización dos comercios do centro da cidade coa posta en marcha de distintas iniciativas. Os responsables deste colectivo, que conta con 161 establecementos asociados dos que 120 son comercios, traballan pola revitalización integral do comercio do centro de Ourense e a transformación dun espazo comercial moderno, atractivo e competitivo. A representante do Goberno galego coñeceu as accións postas en marcha dentro do Plan estratéxico de actuación 2018-2019 deste CCA que incluíu campañas de dinamización como as que se desenvolven coincidindo co Nadal e o día de San Valentín, a Shopping Night, Black Friday e Compra sen medo. Así mesmo, esta asociación de comerciantes tamén ofertou sistemas de fidelización como o ticket gratuíto de aparcamento para facilitar as compras nos establecementos asociados e a tarxeta Socio Vip destinados aos xerentes e empregados dos comercios pertencentes ao Centro Comercial Aberto Ourense Centro co fin de fomentar o consumo interno entre os comercios asociados. Máis información

  • Páxina 1 de 1

  • Mostrando do 1 ao 1 dun total de 1 rexistros