Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 12 Xuño, 2014
    Cores Tourís destaca as máis de 40 accións de impulso ao comercio de proximidade de Pontevedra con preto de 1 millón de euros para CCAS e Prazas de Abastos

    Pontevedra, 12 de xuño de 2014.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá en Pontevedra, o apoio con preto de 1 millón de euros (975.026,73 euros) á posta en marcha de máis de 40 accións de impulso ao comercio de proximidade aos 25 centros comerciais abertos e 17 asociacións de praceiros da provincia de Pontevedra que resultaron beneficiados polas axudas que vén de resolver a Consellería de Economía e Industria.

    Cores Tourís visitou o Centro Comercial Aberto-Zona Monumental de Pontevedra, acompañado do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, para destacar estes datos e felicitar a esta asociación polos seus 25 anos de existencia que celebrarán mañá ao longo dos próximos días con diversas actividades, segundo apuntou o presidente do centro comercial, Miguel Lago. “Comezaremos mañá cunha tarde de compras diferente, alargando o noso horario ata as dez da noite, con descontos, promoción e degustación de produtos”, explicou o responsable de Zona Monumental.

    O delegado territorial agradeceu a esta entidade o seu traballo en pro do pequeno e mediano comercio e recordou que, precisamente, as axudas que hoxe veu a dar a coñecer no Centro de Negocios de Pontevedra teñen como finalidade seguir a potenciar o comercio de proximidade, a través dun programa de apoios ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e as prazas de abastos. “A Consellería de Economía e Industria incrementou as axudas concedidas dentro deste programa nun 7% con respecto ao ano pasado, potenciándose dúas figuras clave para o comercio galego, mediante o apoio a actuacións que permitirán impulsar as vendas, atraer nova clientela e mellorar os servizos que ofrecen”, matizou.

    Así, 25 centros comerciais abertos de vilas e cidades de toda a provincia obtiveron apoios para diferentes actuacións entre as que se inclúen campañas de dinamización, sistemas de fidelización de clientes ou sinalización comercial externa, mentres que 17 asociacións das prazas de abastos conseguiron axudas para poñer en marcha de iniciativas, entre as que se inclúen ademais das sinaladas melloras en instalacións colectivas e equipamentos.

    Das 42 accións de impulso da provincia, 22 corresponden a asociacións de praceiros ou centros comerciais abertos de concellos dependentes da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, “en total, case 502.000 euros destinados a 13 CCU e 9 asociacións de prazas de abastos”, matizou Cores Tourís.

    En relación ao ano pasado, incorporáronse a este programa na provincia de Pontevedra os CCA de Vilanova Centro e Vigo Vello, así como o CCA de Tui. “No caso concreto de Zona Monumental Pontevedra, cabe destacar a subvención de 33.000 euros que recibirá dentro desta orde de axudas, que poderá destinar a posta en marcha de iniciativas como a dinamización comercial, os sistemas de fidelización, a sinalización comercial ou a mellora de competitividade, aínda que tamén poderá afrontar gastos da súa unidade xerencial”.

    A maiores, a asociación da praza de abastos de Pontevedra tamén recibirá unha axuda con estes mesmos fins de 7.574 euros.

    “Os apoios para cada centro comercial aberto poden chegar ata os 40.000 euros e alcanzar ata o 80% do investimento subvencionable, en función da poboación dos concellos nos que están situados e do número de establecementos asociados. No caso das asociacións das prazas de abastos, a porcentaxe de axuda é do 70%, sendo a subvención máxima de 9.800 euros”, especificou o delegado territorial.

    Estratexia específica para o impulso ao sector comercial
    Segundo apuntou José Manuel Cores Tourís, este programa enmárcase na estratexia específica da Xunta para impulsar o sector comercial e mellorar a súa competitividade, centrada en eixos como o apoio ao asociacionismo, o emprendemento, o relevo xeracional, ou a innovación; estratexia dentro da cal se levan activado no que vai de ano programas de axudas dotados con máis de 6,5 millóns de euros.

    Así, “a maiores tamén cabe destacar, no eido do impulso ao asociacionismo comercial, a posta en marcha doutra orde destinada a apoiar o labor que desenvolven as federacións de comerciantes e asociacións de ámbito superior ao municipal, dotada con 800.000 euros para toda Galicia e en fase de resolución”, explicou o delegado territorial.

    Activouse así mesmo o programa de apoios aos concellos galegos para potenciar os mercados e prazas de abastos e impulsar a competitividade do comercio de proximidade, dotado con 3,1 millóns de euros, tamén en fase de resolución, e, no ámbito do emprendemento, está aberto á presentación de solicitudes ata o 30 de xuño a nova convocatoria para a apertura de establecementos comerciais, que conta cunha dotación inicial de 500.000 euros.

    Máis información
  • 10 Xuño, 2014
    Raquel Arias considera que a Xunta “reforza a aposta polo comercio de proximidade” de Lugo ao incrementar en case un 29% as axudas a asociacións de comerciantes da provincia

    Lugo, 10 de xuño de 2014.- A Xunta de Galicia incrementa en case un 29% as axudas ás asociacións de comerciantes de Lugo para accións de dinamización do comercio local, tanto nos centros comerciais abertos como nas prazas de abastos.

    Así o expuxo hoxe a delegada territorial, Raquel Arias, quen deu conta do programa de axudas co que a Consellería de Economía e Industria fomenta o asociacionismo no comercio co obxectivo último de “contribuír á construción dun sector comercial máis competitivo e dinámico”.

    A consellería resolveu a distribución de axudas por importe de preto de 220.000 euros (219.457,04 euros) para a revitalización e dinamización dos centros comerciais abertos de Viveiro, Chantada, Sarria, Monforte de Lemos, Lugo, Sarria e Ribadeo, así como para ás asociacións de comerciantes da praza de abastos destas dúas últimas localidades.

    Esta liña de axudas servirá para “impulsar accións de dinamización da demanda” no comercio local, que é “o que máis preto está dos veciños, colabora na sostibilidade e no pulso das vilas, e ao que, polo tanto, aféctalle o que nelas ocorra”, segundo explicou a delegada, que estivo acompañada na presentación polo xefe territorial de Economía e Industria, José Manuel Vázquez Leirado..

    Deste xeito, grazas a estas axudas os centros comerciais abertos e prazas de abastos beneficiadas desenvolverán 64 actuacións relacionadas coa dinamización comercial (48 actuacións), sistemas de fidelización de clientes (5 actuacións), sinalización comercial externa (4), unidades xerenciais e instalacións e equipamentos (nas prazas de abastos).

    Arias fixo mención especial ás prazas de abastos por ser “referentes na venda de produtos frescos e de calidade”. Neste eido, as axudas inciden na mellora de dotacións, apostando “polos mercados que levan a cabo unha venda moderna, con servizos, diversidade e excelencia, buscando conservar a tradición da compra ao tempo que se da resposta ás novas demandas dos consumidores”.

    A delegada aplaudiu o labor que desenvolven tanto os centros comerciais abertos como as asociacións de comerciantes das prazas de abastos, “constantemente preocupados por subir o listón, por mellorar a calidade, atención e o servizo que prestan aos consumidores” e animou aos responsables de comercios retallistas doutras vilas lucenses a seguir o camiño que manteñen estas asociacións.

    Máis información
  • 30 Maio, 2014
    As 'Compras na túa vila teñen premio' recompensa a confianza dos clientes do comercio de proximidade ferrolán

    Ferrol, 30 de maio de 2014.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe en Ferrol na festa final e entrega de premios da campaña de dinamización comercial As compras na túa vila teñen premio. Tal e como salientou Vázquez Abeal, esta iniciativa organizada pola Federación Galega de Comercio, a Federación de Comercio de A Coruña e as asociacións de comerciantes CCA Ferrol A Magdalena e Novo Ferrol, conta coa colaboración da Consellería de Economía e Industria, dentro da estratexia de impulso ao comercio de proximidade, na que o apoio ao asociacionismo comercial constitúe un eixo prioritario.

    A campaña, que se desenvolveu entre o 19 e o 30 de maio co obxectivo de reforzar o comercio de proximidade e dinamizar as vendas, rematou hoxe co sorteo de premios por un total de 4.000 euros (cinco tarxetas regalo de 300 euros e 25 tarxetas regalo de 100 euros).

    As compras na túa vila teñen premio chega na súa sétima edición, que se desenvolverá ata o mes de outubro, a cinco localidades galegas. O acto final da campaña en Ferrol contou cun completo programa de actuacións para nenos desde primeira hora da tarde, que culminou coa actuación do grupo musical Broken Peach.

    Máis información
  • 26 Maio, 2014
    “As compras na túa vila teñen premio” dinamizará as vendas do comercio compostelán premiando a confianza dos seus clientes

    Santiago de Compostela, 26 de maio de 2014.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe na presentación da iniciativa de dinamización comercial As compras na túa vila teñen premio, unha campaña posta en marcha pola Federación Galega de Comercio e a Federación de Comercio de A Coruña coa colaboración da Consellería de Economía e Industria que ten por obxectivo poñer en valor o comercio de proximidade e impulsar as vendas premiando a confianza dos clientes, sorteando entre os participantes tarxetas de compra por un total de 4.000 euros.

    Nos días de duración da campaña, que bota a andar hoxe e que se desenvolverá ata o 6 de xuño, os consumidores que aposten polo comercio tradicional de Santiago de Compostela poderán presentar os seus tíckets de compra na carpa situada na praza Roxa ou ás promotoras que se atoparán polas rúas da cidade, que lles entregarán boletos de participación para o sorteo final que terá lugar o venres, 6 de xuño, nunha carpa situada na mesma praza Roxa, dentro do programa dunha festa de peche que contará con actuacións para nenos e adultos.

    Neste acto, que se celebrará ese día ás 20 horas, sortearanse 5 tarxetas regalo de 300 euros e outras 25 por valor de 100 euros, e os posuidores dos boletos deberán estar presentes para converterse en gañadores.

    As compras na túa vila teñen premio chega na súa sétima edición, que se desenvolverá ata o mes de outubro, a cinco localidades galegas. O apoio a esta iniciativa enmárcase na estratexia de impulso á mellora competitiva do comercio de proximidade da Consellería de Economía e Industria, na que o apoio ao asociacionismo comercial é un dos eixos estratéxicos.

    Máis información
  • 21 Maio, 2014
    Hoxe publícase no BOE a convocatoria para o ano 2014 dos Premios Nacionais de Comercio Interior

    Orden ECC/825/2014, de 6 de mayo, por la que se convocan para el año 2014 los Premios Nacionales de Comercio Interior.
     

    Máis información
  • 19 Maio, 2014
    Hoxe sae publicada no DOG as axudas aos titulares de obradoiros artesanais para o fomento da comercialización da artesanía galega.

    ORDE do 30 de abril de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos/ás titulares de obradoiros artesanais para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector artesán e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento IN201G).

    Máis información
  • 19 Maio, 2014
    O IGC achega aos consumidores ribadenses a iniciativa “Dálle luz á túa factura” para facer máis comprensible o recibo eléctrico

    Santiago, 19 de maio de 2014.- O Instituto Galego de Consumo ofrecerá mañá martes, 20 de maio, unha xornada informativa en Ribadeo para achegar aos consumidores e usuarios o programa Dálle luz á túa factura, unha iniciativa de divulgación, formación e sensibilización coa que a Consellería de Economía e Industria persegue facer máis compresible a factura da luz resolvendo as dúbidas da cidadanía e fomentando, ao mesmo tempo, o aforro enerxético.

    No encontro, que se celebrará a partir das 11 da mañá no Centro Sociocomunitario de Benestar de Ribadeo, na rúa Ibáñez, presentarase o simulador eléctrico, unha aplicación dispoñible na web igc.xunta.es que permite aos usuarios obter información sobre cada un dos elementos que conforman a factura eléctrica, personalizala e adaptala ao seu caso concreto recomendando unha potencia a contratar. Esta ferramenta, dispoñible na web igc.xunta.es, separa, tamén, o consumo do fogar, determinando o equipamento eléctrico co que conta a vivenda e as posibilidades de optimizar o seu consumo.

    Os asistentes poderán consultar as súas dúbidas a respecto da factura eléctrica e resolver diferentes casos prácticos, así como obter información sobre as distintas vías para darlle solución as súas reclamacións. Ademais, recibirán consellos sobre como reducir o consumo de enerxía no fogar.

    Máis información
  • 14 Maio, 2014
    A Xunta premia no concurso escolar Consumópolis os mellores tweets para promover o uso responsable das tics

    Santiago, 14 de maio de 2014.- A presidenta do Instituto Galego de Consumo, Sol Vázquez, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, entregaron hoxe os premios da fase autonómica do certame escolar de consumo responsable Consumópolis, en cuxa novena edición participaron máis de 1.200 escolares galegos e que este curso estivo centrado no uso responsable das tecnoloxías da información e a comunicación.

    Baixo o lema Consumir entre pantallas, tras completar a primeira etapa do certame, consistente nun percorrido dun xogo en liña sobre consumo responsable e calidade de vida, o alumnado traballou en grupos de 5 coordinados por un docente na redacción dun “tweet” (un texto que non pode superar os 140 caracteres de extensión) cun consello ou mensaxe sobre consumo responsable en relación co uso das TICs. Esta mensaxe, dirixida ao alumnado da mesma idade, intégrase nun cartel cunha imaxe que apoia o texto e reflicte o contido do texto.

    Na fase autonómica, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, a través do IGC, e en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, establecéronse tres categorías por idades, concedéndose premios para os 3 mellores traballos de cada categoría dotados con 1.000, 600 e 300 euros, que poderán empregar para actividades ou material pedagóxico. Os primeiros premios de cada categoría representarán a Galicia na fase nacional, organizada polo Instituto Nacional de Consumo.

    Na categoría de 3º ciclo de primaria clasificouse en primeiro lugar o colexio Pablo VI- Fátima da Rúa (Ourense), mentres que o segundo premio recaeu no CEIP Lourido de Poio (Pontevedra) e o terceiro no CEIP Santa Rita de Galdo, en Viveiro (Lugo).

    No tocante a 1º e 2º ciclo de ESO, equipos do IES O Couto de Ourense recibiron o primeiro e o segundo premio, mentres que o terceiro foi para alumnos do CPI Ramón Piñeiro de Láncara (Lugo).

    Xa na categoría de 3º e 4º da ESO, foi tamén para o IES O Couto o primeiro premio, mentres que o segundo recaeu no IES Manuel García Barros da Estrada (Pontevedra) e o terceiro no IES de Poio (Pontevedra).

    Os escolares galegos son dos que en máis ocasións foron gañadores dos premios nacionais en distintas categorías, o que amosa a gran preparación do alumnado galego e a gran labor desenvolvida neste ámbito desde o Instituto Galego de Consumo, que forma parte desde o seu inicio do equipo de traballo a nivel nacional que desenvolve a estrutura pedagóxica do certame cada ano.

    Coa posta en marcha desta iniciativa a Xunta continúa a traballar na mellora da formación dos máis novos en consumo, co obxectivo de aumentar o coñecemento e a defensa dos seus dereitos neste eido.

    Máis información
  • 13 Maio, 2014
    Hoxe publícase no BOE o Acordo polo que se abre o procedemento para a concesión de préstamos para á Modernización do Comercio Interior

    Resolución de 28 de abril de 2014, de la Secretaría de Estado de Comercio, por la que se publica el Acuerdo de la Conferencia Sectorial de Comercio Interior de 11 de marzo de 2014, por la que se efectúa la convocatoria para 2014 y se establece el procedimiento para la concesión de préstamos con cargo al Fondo Financiero del Estado para la Modernización del Comercio Interior.
     

    Máis información
  • 06 Maio, 2014
    O CCA de Lalín premia os clientes que escollan o seu establecemento favorito na iniciativa ‘Máis que comercio!’

    Lalín (Pontevedra), 6 de maio de 2014.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, salientou esta mañá que a iniciativa de dinamización comercial Centros Comerciais Abertos Máis que comercio!, que se desenvolverá no centro comercial aberto de Lalín durante todo o mes de maio, busca impulsar as vendas do comercio de proximidade premiando a confianza dos seus clientes.

    As persoas que merquen nos negocios asociados ao centro comercial aberto da vila dezá ao longo do mes recibirán un cupón por cada 5€ de compra, o que lles permitirá participar nun xogo en liña na web www.maisquecomercio.com. Nesta páxina, votando ao seu establecemento favorito, poderán conseguir unha tarxeta regalo de 200 euros e outras dúas de 100 euros para mercar no comercio local, ademais de outros agasallos. Ao remate do mes, o establecemento seleccionado polos clientes recibirá un recoñecemento público ao seu labor.

    A iniciativa da Consellería de Economía e Industria Centros Comerciais Abertos. Máis que Comercio! percorre os diferentes centros comerciais abertos de Galicia durante todo o ano, resaltando os valores do comercio de proximidade como a calidade, o trato ao cliente, a diferenciación e a variedade.

    Ao mesmo tempo, destácase o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos, unha fórmula que permite, desde o asociacionismo, o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade.

    Máis información
  • 01 Maio, 2014
    Feijóo anuncia un paquete de financiamento para apoiar 1.000 novos proxectos empresariais a través dunha batería de medidas que mobilizarán 200 millóns de euros

    Santiago, 30 de abril de 2014.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, tras o Consello da Xunta, a aprobación do Programa Galicia 1000, un paquete financeiro para apoiar 1.000 novos proxectos empresariais a través dunha batería de medidas que mobilizarán 200 millóns de euros.

    Feijóo subliñou que se trata dun programa “importante” para conseguir facilitar novos avances na rexeneración do tecido produtivo; para facilitar a recapitalización das empresas; e para facilitar a execución de novos investimentos polas firmas en disposición de investir e crear emprego na comunidade.

    Neste contexto, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou a importancia dun programa que reforza as ferramentas dispoñibles co obxectivo de “cubrir todas as necesidades financeiras do noso tecido empresarial e facilitar o acceso ao crédito”. Para isto, destínanse 50 millóns a través de catro instrumentos financeiros: fondos de capital risco, préstamos, bonificacións de tipos de interese e avais.

    Conde resaltou as posibilidades que ofrece unha “actuación realista” que achega aos empresarios e emprendedores galegos un paquete integral de financiamento para dar resposta ás súas necesidades actuais. “O primeiro grupo de actuacións suma 32,5 millóns de euros en iniciativas centradas en fondos de capital risco e préstamos participativos”, apuntou Conde. Deste xeito, financiaranse 70 operacións que permitirán reforzar o capital, actuar en sectores estratéxicos ou apoiar proxectos que impulsen a atracción de investimento cara Galicia.

    Así mesmo, proseguiu Conde, “destinamos 8 millóns de euros a préstamos Jeremie, unha iniciativa pioneira en Galicia que permitirá outorgar préstamos ás empresas con fondos europeos, dando resposta ás súas necesidades para afrontar investimentos que impulsen a súa competitividade”. Desta forma, segue a avanzarse na eficiente utilización dos fondos europeos cun retorno continuo para o tecido empresarial.

    O terceiro grupo de actuacións suma máis de 2 millóns de euros para bonificar os tipos de interese dos préstamos e microcréditos outorgados polas entidades financeiras canalizados polo ICO. O obxectivo, salientou o titular de Economía e Industria, é “favorecer o emprendemento e a competividade en condicións máis vantaxosas, e achegar liquidez para desenvolver as súas actividades”.

    “Por último –proseguiu-, a cuarta ferramenta de financiamento que seguimos a poñer a disposición dos empresarios galegos son os avais”. Achéganse aquí 7,5 millóns para avalar operacións de acceso ao circulante, tanto para reforzar proxectos xa existentes como para impulsar a creación de novas empresas.

    Deste xeito, se na pasada lexislatura a Xunta apoiou con avais e préstamos as empresas galegas, consciente de que os últimos anos de crise económica debilitaron tanto os recursos propios das industrias como a súa posición global para acadar financiamento alleo nas entidades financeiras, Feijóo salientou a necesidade de habilitar instrumentos financeiros axeitados para promover a rexeneración e a recapitalización das empresas, que será fundamental para consolidar a recuperación da economía e a xeración de emprego.

    Así, o Goberno galego segue a dar os pasos necesarios para facilitar o acceso ao financiamento do tecido empresarial, explicou o presidente, quen lembrou que “entre o ano 2009 e o ano 2013 se deron máis avais e máis préstamos que os que concedeu a Xunta de Galicia desde que existe. Imos, a partir do ano 2014, a proseguir este camiño, con algunhas modificacións, dado que a situación económica está mudando tibiamente, acompañando aos emprendedores, agora que os indicadores, como digo, empezan a sinalar tibiamente algunha melloría”, afirmou. Este é precisamente o obxectivo do Programa Galicia 1000 aprobado hoxe polo Consello da Xunta coa finalidade de darlle á promoción da actividade empresarial un impulso que contribúa a consolidar a recuperación económica que comezan a reflectir os principais indicadores.

    Máis información
  • 30 Abril, 2014
    Feijóo salienta o esforzo dos empredores galegos que souberon comprender, ante un mercado nacional en crise, a necesidade de apoiarse con máis intensidade na economía exterior

    Arteixo, 27 de abril de 2014.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o esforzo dos emprendedores galegos que souberon comprender que, cun mercado nacional en crise, era necesario apoiarse con máis intensidade na economía exterior. “Déronse conta que en época de dificultade o que hai que facer é vender, pero non a un país que non compra, senón ás economías emerxentes que non están en recesión, senón en pleno crecemento económico”, dixo.

    Durante a apertura das Xornadas de Empresas sobre “Internacionalización, Financiación y Experiencias Empresariales”, organizadas por La Voz de Galicia, o titular da Xunta aseverou que grazas a este esforzo Galicia rexistra hoxe 6.400 empresas exportadoras, un incremento do 29%; ademais de resaltar o grande éxito, como puxeron en valor algúns estudos que indican que, de non se ter producido este aumento, a caída do PIB per cápita tería sido dúas veces maior ao longo do período de recesión que sufriu toda España.

    Diante deste panorama, Feijóo avogou por seguir transitando por esta ruta, por seguir apostando pola internacionalización da forma máis intensa posible; “porque é o noso pasaporte no futuro para que Galicia siga mellorando a súa economía con independencia de que España inicie un período de crecemento económico”, sinalou, ao que engadiu que levantar muros, pola contra, teríanos impedido “iniciar unha senda de crecemento económico”.

    Do mesmo xeito que os emprendedores son conscientes de que no exterior teñen oportunidades para mellorar a competitividade dos seus negocios, o presidente da Xunta incidiu no compromiso e apoio do Goberno galego nesta senda. Se ben salientou que a estratexia de apertura económica non só require da vontade emprendedora e do compromiso institucional, senón que tamén demanda a implicación das entidades financeiras.

    Captar investimentos na comunidade
    Ademais de dar un forte impulso á internacionalización das industrias para que poidan mellorar a súa competitividade, Feijóo subliñou tamén a necesidade de apostar pola captación de investimentos na comunidade.

    Neste eido, afirmou que Galicia demostra ser un lugar propicio para investir e preséntase ante o mundo como un marco estable para facer negocios. É unha comunidade que ofrece grandes posibilidades ao exterior, como así o demostra o feito de que cada vez máis empresas estranxeiras –como Pemex, Citic Group ou Citroën- estean depositando a súa confianza en nós. “Constitúen os mellores exemplos de que a nosa terra é un bo lugar para facer negocio”, aseverou ao respecto.

    Feijóo fixo fincapé en que unha Galicia illada, pechada aos investimentos estranxeiros, incapaz de abrir os seus produtos e as súas empresas a mercados emerxentes, sería unha Galicia anquilosada. “Do intercambio que propicia a internacionalización xorde prosperidade e xorde desenvolvemento”, aseverou, logo de subliñar que os últimos anos de crise reforzaron esa cultura de internacionalización.

    Ao fío disto, lembrou que en 2013 se acadou o récord histórico de exportacións, cun total de 18.400 millóns de euros (un incremento do 11% desde 2012 e un 32% desde 2009). Esta cifra segue consolidándose neste ano 2014, xa que en febreiro deste ano e febreiro do exercicio anterior as exportacións creceron outro 14,4%.

    Así mesmo, bateuse o récord de balanza comercial, cun superávit superior aos 4.000 millóns, un 143% máis que en 2012; e alcanzouse o máximo histórico da taxa de cobertura, que foi o 128%.

    Máis información
  • 29 Abril, 2014
    Francisco Conde salienta o papel de Expourense como “referente” dos recintos feirais galegos e “motor para o crecemento e o emprego”

    Ourense, 29 de abril de 2014.- O conselleiro de Economía e Industria e presidente do padroado da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Francisco Conde, salientou hoxe na presentación da Memoria de actividades 2013 o importante papel que xoga na dinamización económica de Ourense este recinto feiral que se consolida ano tras ano como un referente en Galicia.

    Conde lembrou que Ourense é unha absoluta prioridade para a Xunta, comprometida co reequilibrio territorial, e que neste contexto Expourense se configura como unha ferramenta clave para a cooperación, conseguindo involucrar os diferentes axentes económicos e sociais na súa actividade, e un núcleo prioritario ao que seguir apoiando como “motor para o crecemento e o emprego”.

    O conselleiro de Economía e Industria afirmou que as máis de 123.000 persoas que visitaron o ano pasado Expourense son testemuña do saber facer dunha institución de cuxo traballo se beneficia todo o tecido empresarial ourensán e o conxunto da sociedade, abrindo novas oportunidades de negocio para empresas e emprendedores, servindo de ponte cara novos mercados e clientes, e impulsando a calidade e a capacidade innovadora das empresas.

    Neste sentido, Conde lembrou que precisamente emprendemento, internacionalización e innovación son os eixos de actuación do traballo do Goberno galego para apontoar a reactivación da economía. Destacou ademais que a actividade de Expourense vai máis alá do local, e fixo así fincapé na cooperación transfronteiriza con Portugal, a participación da Fundación en diferentes institucións e foros institucionais, ou o apoio á chegada das empresas galegas a novos mercados a través da rede de delegados en 18 países.

    Afirmou o conselleiro de Economía e Industria que esta aposta internacional se reforza ano a ano, destacando que neste 2014 tres das feiras de Expourense contan co selo de internacionalidade: Xantar, Funergal e Termatalia. Conde, que destacou que as actividades de Expourense serven para potenciar sectores estratéxicos para a provincia e teñen un efecto multiplicador no seu entorno, salientou que esta institución está a contribuír de maneira clave na reactivación económica da provincia, avanzando na proxección exterior do seu tecido emrpesarial, servindo de plataforma para que autónomos e emprendedores poidan atopar novos clientes e mercados, e acollendo e impulsando novas iniciativas.

    “Os retos cada vez son máis altos, e estou convencido de que entre todos, traballando en rede, poderemos conseguilos”, salientou o conselleiro, quen felicitou a todo o equipo de Expourense polo seu traballo.

    Máis información
  • 29 Abril, 2014
    Economía e Industria informa aos emprendedores lucenses dos instrumentos e servizos de apoio que se achegan a través da unidade Galicia Emprende

    Lugo, 29 de abril de 2014.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, participou hoxe na apertura dunha xornada técnica destinada a informar dos diferentes servizos e instrumentos de apoio e asesoramento que permite a Unidade Galicia Emprende.

    Arias incidiu en sinalar que ningún proxecto viable debe quedar sen financiación, para o que a Xunta pon en marcha iniciativas que favorecen que o emprendedor “se centre de cheo en madurar a súa idea de negocio, o seu produto ou o seu servizo, garantindo que se é viable se materialice”.

    Durante a súa intervención a Delegada animou a tódolos presentes a formarse para emprender, tendo perseveranza para superar os posibles fracasos iniciais “É fundamental transmitir a mensaxe, aos futuros emprendedores, de que moitos modelos de éxito xorden logo dalgún fracaso”.

    A delegada territorial aludiu á renovación demográfica como o principal reto da próximos anos, “hai que favorecer un novo modelo de desenvolvemento territorial que garanta unha renovación demográfica. Este desenvolvemento debe estar baseado na sustentabilidade, na diversificación, no aproveitamento dos recursos e capacidades endóxenas, e, sobre todo, na innovación” apuntou.

    Durante a xornada técnica, organizada pola Consellería de Economía e Industria en colaboración con AJE Lugo, explicáronse as distintas posibilidades que achega a devandita unidade impulsada pola Xunta “para facilitar a posta en marcha de novos proxectos ou o desenvolvemento e a consolidación de novas iniciativas empresariais” que sexan unha panca para a recuperación económica.

    Arias recordou a recente entrada en vigor da Lei do Emprendemento, chamada a xerar un marco favorable para a creación e a consolidación de novas empresas, para aproveitar ao máximo o talento do capital humano de Galicia; unha norma que se concibe, segundo salientou a delegada territorial, “para dar máis facilidades e achegar máis financiamento ás persoas que decidan converter unha idea nun proxecto empresarial”.

    A representante do Executivo galego lembrou a activación da Unidade Galicia Emprende como “un instrumento de especial valor para achegar a cada proxecto os servizos e os apoios que poden serlle de maior utilidade”, e informou das diferentes convocatorias abertas de apoio financeiro a emprendedores. Entre elas, destacou o programa Galicia Emprende, disposto para conceder axudas que poden cubrir ata o 50% dos proxectos con investimentos comprendidos entre os 35.000 e os 500.000 euros.

    O prazo para a presentación de solicitudes permanece aberto todo este mes, ata o día de mañá, e os proxectos de investimento en Lugo poden acadar maiores apoios ao abeiro do Impulsa Lugo. O programa compleméntase, entre outros instrumentos, cos fondos de capital risco preparados para apoiar proxectos de novos emprendedores ou proxectos con especiais compoñentes innovadores.

    Na xornada Galicia Emprende desenvolvida esta mañá na sede do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) en Lugo participaron un grupo de 30 emprendedores da provincia, así como 60 alumnos do ciclo de Marketing e Publicidade do CIFP As Mercedes, acompañados por profesorado do devandito ciclo.

    Máis información
  • 26 Abril, 2014
    A Xunta salienta o papel da Feira de Artesanía de Ourense na promoción e a comercialización do produto artesán galego

    Ourense, 26 de abril de 2014.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, salientou hoxe na inauguración da XVIII edición da Feira de Artesanía de Ourense o importante papel que xoga este evento organizado pola Asociacion de Artesáns de Ourense na promoción e comercialización do produto artesán galego, contribuíndo ao reforzo do sector.

    No acto, no que tamén participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, Vázquez Abeal lembrou que precisamente o fortalecemento da comercialización é unha das liñas de acción contempladas no primeiro Plan de Artesanía de Galicia, que se vén de poñer en marcha co obxectivo de conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

    Na feira inaugurada hoxe, e que se celebrará ata o 4 de maio na avenida de Pontevedra, participan un total de 35 expositores. Poden atoparse produtos elaborados á man en materiais como o coiro, a madeira, a cerámica, o téxtil e o vidro; ademais de pezas de xoiería e bixutería.

    O espazo de exposición e de venda directa compleméntase coa celebración de talleres de artesanía en vivo todos os días da feira en oficios de cestería, elaboración de instrumentos musicais, centón ou talla de madeira, entre outros; así como sorteos diarios das pezas que se elaboren nestes obradoiros.

    Máis información
  • 25 Abril, 2014
    O Observatorio Nacional da Artesanía analiza en Santiago os principais retos e estratexias para o sector nos vindeiros anos

    Santiago, 25 de abril de 2014.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presidiu hoxe en Santiago de Compostela a reunión do pleno do Observatorio Nacional de Artesanía, un foro de encontro entre as Administracións públicas con competencias nesta materia cuxa presidencia de turno ostenta na actualidade Galicia.

    No encontro, no que participaron representantes de Andalucía, A Rioxa, Castela e León, Extremadura, Madrid e a Comunidade Valenciana, así como da Fundación Española para la Innovación de la Artesanía (Fundesarte) e da Organización de los Artesanos de España, analizáronse os principais retos e estratexias para continuar a reforzar o sector nos vindeiros anos, desde ámbitos como a innovación e a formación, a comercialización ou a normativa.

    Neste sentido, a directora xeral de Comercio informou sobre o novo Plan de Artesanía de Galicia posto en marcha pola Xunta, no que se recollen liñas de acción ata 2016 para impulsar un sector que na actualidade emprega xa a máis de 5.000 persoas en Galicia, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

    O Observatorio Nacional da Artesanía, que preside Galicia desde decembro de 2012 por un período de dous anos, é un foro de diagnose e análise sobre a situación da artesanía en España cuxo obxectivo é elaborar estratexias a favor do sector establecendo marcos de cooperación e coordinación entre as diferentes comunidades autónomas.

    Entre outros cometidos, encárgase de elaborar informes de consenso con respecto á artesanía, ante as diferentes institucións europeas, recibir información sobre as actuacións que desenvolve cada administración, así como apoiar as artesanías en perigo de desaparición e a comercialización no sector artesán. Así mesmo, o Observatorio Nacional da Artesanía informa das actividades referentes á cualificación profesional dos artesáns e fomenta unha axeitada imaxe da marca artesá.

    Máis información
  • 24 Abril, 2014
    Os participantes no concurso Máis que comercio! en Ribadeo elixen a tenda ‘Siete pecados clothes & accesories’ como o seu establecemento favorito

    Ribadeo, (Lugo), 24 de abril de 2014.- Os participantes na iniciativa Centros Comerciais Abertos Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de marzo nos establecementos asociados ao CCA de Ribadeo elixiron como o seu comercio favorito a tenda de roupa Siete pecados clothes & accesories. Esta campaña, posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria, lévase a cabo cada mes en cinco localidades diferentes da xeografía galega.

    A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, foi a encargada de entregar o diploma aos responsables deste negocio, con preto de catro anos de traxectoria, que foi o que máis clics recibiu en www.maisquecomercio.com, web na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5 euros de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían ao seu comercio preferido.

    A participación nesta iniciativa no centro comercial aberto de Ribadeo foi moi elevada, chegando a rexistrase un total de case 8.000 participacións. No caso de Ribadeo, houbo tamén premios en metálico para mercar no pequeno comercio.

    Arias salientou que, ademais de poñer en valor o traballo dos centros comerciais abertos, Máis que comercio!, que percorrerá Galicia durante todo o ano, desenvolvéndose cada mes en cinco centros comerciais abertos, “resalta os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade”.

    No mes de marzo participaron, xunto con Ribadeo, os centros comerciais abertos de Pontevedra, O Carballiño, Caldas e Calvario (Vigo). Por parte da provincia de Lugo, celebraranse as sucesivas convocatorias en Viveiro e Sarria –no mes de xullo-, Chantada –en agosto- e Monforte de Lemos, en decembro.

    A representante do Executivo galego en Lugo indicou que esta campaña “impulsa o asociacionismo, apoiando o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos, unha fórmula que permite o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade”.

    Máis información
  • 16 Abril, 2014
    Economía e Industria destaca o papel da Mostra do Encaixe de Camariñas como dinamizador económico da zona e do sector artesán galego

    Camariñas (A Coruña), 16 de abril de 2014.- A directora xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, Sol Vázquez Abeal, salientou esta tarde na inauguración da XXIV Mostra do Encaixe de Camariñas a importancia deste encontro como dinamizador económico da zona e do sector artesán galego, así como escaparate da marca Artesanía de Galicia.

    Vázquez Abeal destacou que Camariñas é clave no papel que xoga a artesanía como atractivo diferenciador da oferta turística de Galicia, e como vehículo para proxectar a nosa imaxe no exterior. Do mesmo xeito, resaltou que a Mostra está a consolidarse como punto de encontro para emprendedores artesáns, apostando pola innovación sen perder as raíces e os valores que caracterizan ao produto artesán galego.

    Neste sentido, a directora xeral de Comercio lembrou que precisamente un dos tres grandes retos que se marca o primeiro Plan de Artesanía de Galicia, que vén de poñer en marcha a Xunta, é potenciar unha artesanía innovadora e transversal, promovendo a innovación, a cooperación con outros sectores produtivos como o turismo e a presenza dos produtos galegos artesáns na rede. Ao mesmo tempo, apóstase por afianzar a competitividade, reforzando un sector artesanal competitivo capaz de aglutinar todo o talento artesanal galego; así como por consolidar a marca diferencial, impulsando o posicionamento e prestixio da marca Artesanía de Galicia.

    Nesta edición a Mostra do Encaixe de Camariñas contará con firmas de Brasil, Bélxica, Bulgaria, Estonia, Francia, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, República Checa, Rusia e Suíza, que xunto cos obradoiros de encaixe galegos e nacionais e preto de trinta xoves deseñadores amosarán as súas creacións nun encontro que inclúe diferentes desfiles e un encontro de blogueiros, entre outras actividades.

    Máis información
  • 09 Abril, 2014
    O IGC achega aos consumidores de Vigo a iniciativa “Dálle luz á túa factura” para facer máis comprensible o recibo eléctrico

    Vigo, 9 de abril de 2014.- O Instituto Galego de Consumo ofrecerá mañá xoves unha xornada informativa en Vigo para achegar aos consumidores e usuarios a iniciativa de divulgación, formación e sensibilización Dálle luz á túa factura, coa que a Consellería de Economía e Industria persegue facer máis comprensible a factura da luz resolvendo as dúbidas da cidadanía e fomentando, ao mesmo tempo, o aforro enerxético.

    O encontro celebrarase a partir das 18 horas no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta (Concepción Areal, 8). Na xornada presentarase o simulador eléctrico, unha aplicación que permite aos usuarios obter información sobre cada un dos elementos que conforman a factura eléctrica, personalizala e adaptala ao seu caso concreto recomendando unha potencia a contratar. Esta ferramenta desglosa, tamén, o consumo do fogar, determinando o equipamento eléctrico co que conta a vivenda e as posibilidades de optimizar o seu consumo.

    Os asistentes poderán consultar as súas dúbidas a respecto da factura eléctrica e resolver diferentes casos prácticos, así como obter información sobre as distintas vías para darlle solución as súas reclamacións. Ademais, recibirán consellos sobre como reducir o consumo de enerxía no fogar. 
     

    Máis información
  • 07 Abril, 2014
    Os participantes en Máis que comercio! no Carballiño elixen a Electrodomésticos Penín como o seu establecemento favorito

    O Carballiño (Ourense), 7 de abril de 2014.- Os participantes na iniciativa Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de marzo nos establecementos asociados ao CCA do Carballiño elixiron como o seu establecemento favorito a Electrodomésticos Penín.

    Este negocio, con preto de trinta anos de traxectoria e que emprega a sete persoas, foi o que máis clicks recibiu en www.maisquecomercio.com, web na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5€ de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían ao seu comercio preferido. A participación nesta iniciativa no centro comercial aberto do Carballiño foi moi elevada, chegando a rexistrase un total de preto de 10.000 participacións.

    A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, que foi a encargada de entregar o diploma ao establecemento máis votado, salientou que ademais de poñer en valor o traballo dos centros comerciais abertos, Máis que comercio!, que percorrerá Galicia durante todo o ano, desenvolvéndose cada mes nun centro comercial aberto, ten por obxectivo resaltar os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade.

    Máis información

  • Páxina 22 de 85

  • Mostrando do 421 ao 440 dun total de 1686 rexistros