Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 26 Xullo, 2012
    Fai negocios online co auxe das redes sociais

     

    Chega o “social e-comerce”. O “crowdsourcing” aplicado ao comercio electrónico triunfa xa nalgúns países e en España comezan a nacer os primeiros proxectos empresariais desta nova tendencia.

    O éxito das relacións sociais na rede está comezando a facerse notar no comercio electrónico, transformando incluso os procesos de creación dos produtos. A tendencia chega como sempre de Estados Unidos, onde xa hai negocios de éxito que permiten ao usuario participar no deseño dos produtos.

    Este tipo de tendas online convértense en comunidades virtuais e redes sociais con auténticos fans que opinan, valoran, votan, puntúan, recomendan e nalgúns casos escollen ata os produtos que se fabrican e/ou comercializan.

    Coches, camisetas ou cursos de formación son cocreados na rede entre oferente e demandante

    É o denominado social e-commerce, que xerou xa algúns exemplos de éxito e que comeza a chegar a España, aínda que máis tímidamente. É o crowdsourcing aplicado ao comercio electrónico. Trátase dunha nova filosofía de negocios que se basean nas relacións sociais entre empresas e clientes, que está dando orixe a iniciativas de consumo colaborativo e P2P que están causando furor en Estados Unidos, Reino Unido ou Francia.

    Xa hai exemplos de actividades máis sinxelas, como o deseño e venda de camisetas, pero tamén máis complexas, como a creación dun coche.

    Local Motors

    Un vehículo fabricado polos seus futuros condutores. Ese é o leit motiv de Local Motors, creada nun pobo de Arizona polo emprendedor John Rogers, ex marine, ex consultor, ex profesor de Harvard e ex analista financeiro.

    A través do seu web constrúe e comercializa automóbiles deseñados polos máis de 13.000 membros da súa comunidade, involucrando ao comprador no acabado final dos mesmos. Un exemplo paradigmático de open innovation e crowdsourcing nunha compañía que está chamada a revolucionar a antes todopoderosa industria automovilística en Estados Unidos. Fundada fai catro anos, conta con 20 empregados e produce un vehículo propio, o Rally Fighter, e outro cocreado para a Defense Advanced Research Projects Agency.

    Threadless

    É un dos grandes éxitos mundiais no consumo colaborativo e a aplicación da filosofía do crowdsouring ao comercio electrónico. Nada, como non, en Estados Unidos, foi fundada fai doce anos por dous xóvenes transgresores, Jake Nickel e Jacob DeHart, que a crearon en Chicago con 1.000 dólares dos seus aforros e agora facturan máis de 30 millóns de dólares. Acaba de chegar a España a través de Facebook.

    Trátase dunha tenda online na que calquera diseñador pode enviar a súa proposta de camiseta, cedendo os dereitos de autor. Os case dous millóns de membros da súa comunidade  -en Facebook ten xa case medio millón de amigos tamén-votan e valoran as propostas e aquelas elixidas polos propios usuarios son levados por Threadless á liña de produción para ser despois vendidas por Internet. Unha parte dos ingresos desas vendas son para os diseñadores cuxa proposta terminou fabricándose.

    Tutellus

    Start up tecnolóxica posta en marcha por Javier Ortiz e Curro Gutiérrez, que comezou a súa actividade a principios deste ano. Trátase de servir de plataforma de contacto entre, por unha banda, os formadores, denominados teachers, calquera profesional de todo tipo de sector que queira conseguir uns ingresos adicionais coa impartición de pequenos cursos de habilidades ou sobre hobbies ou afeccións; e, doutro lado, aos usuarios, students na súa plataforma, que se interesan por ese tipo de píldoras formativas.

    Os seus fundadores teñen quince anos de experiencia no mundo online: Curro Gutiérrez é un xornalista reconvertido a emprendedor online que vendeu a súa primeira empresa, Alacante Actualidade, a un grupo inversor antes de embarcarse en Tutellus. E Javier Ortiz, enxeñeiro informático, afronta tamén a súa segunda aventura empresarial, logo de crear Sokartec, unha firma de desenvolvemento de software áxil.

    MovoMovo

    Unha web de aluguer de coches entre particulares en España, que responde a unha tendencia que está sendo impulsada seguramente pola situación económica do noso país. Como se resenten os petos, hai que idear sistemas para facer a vida máis fácil e económica. E este é o obxectivo desta empresa posta en marcha por unha alicantina, Olivia Cruz, e un barcelonés agora afincando na oficina de Valencia de MovoMovo, Santi Breu.

    O concepto xa triunfa en Estados Unidos, coas firmas GetAround e RelayRides; en Reino Unido (Whipcar) e Francia (BuzzCar).

    No noso país MovoMovo xa conta con máis de 2.000 usuarios en 18 cidades e os seus fundadores aseguran que o usuario do vehículo pode chegar a aforrarse un 30% respecto ao custo dos alugueres tradicionais, mentres que os propietarios poden chegar a percibir ata 600 euros ao mes.

    Fonte: Expansión

  • 24 Xullo, 2012
    Os nenos da OMIC aprenden a consumir

     

    Un grupo de 50 nenos de entre 3 e 10 anos que participan na Escola de Verán da Oficina Municipal de Información ao Consumidor visitaron onte o mercado de Elviña. Alí realizaron a súa propia lista de produtos e simularon unha compra para analizar de que poderían prescindir. Ademais, aprenderon a reutilizar obxectos cotiáns para transformalos en xoguetes, disfraces ou ferramentas.

    Fonte: La Voz de Galicia.

  • 24 Xullo, 2012
    Turismo de Sanxenxo inclúe a Casa Mariñeira nun programa de visitas guiadas

     

    Turismo de Sanxenxo incluíu a Casa Mariñeira no programa de visitas guiadas por Portonovo. O obxectivo é enxalzar a tradición mariñera da vila e convertela nun reclamo turístico que complementaría a oferta vacacional do municipio. De feito, “trátase dun espazo idóneo para culminar un percorrido no que se dan a coñecer as tradicións, os costumes e a historia deste pobo tendo en conta que ese é precisamente o obxectivo deste inmoble que agora pertence ao patrimonio público”, explicou a edila de Turismo, Almudena Aguín.

    A empresa organiza dous percorridos. Pola mañá, a partir das 11.00 horas, os interesados recibirán unha charla sobre a historia de Portonovo para despois dirixirse ao Mercado Municipal de Abastos, a praia de Baltar, o porto deportivo e pesqueiro, o campo de San Roque e a capela de Santa Catalina, un percorrido que se complementa cun paseo pola “Rúa dos Viños”, con degustación incluída dun pincho elaborado con produtos do mar e agora tamén a entrada á Casa Mariñeira, que alberga ademais a única tenda exclusiva de Artesanía de Galicia. Para rematar, a sesión de tarde, que parte ás 17.00 horas, denominada “Portonovo, vila mariñeira á tardiña”, permite aos visitantes “coñecer os distintos oficios do mar e os procesos necesarios para transformar as capturas diarias en exquisitas pezas da nosa gastronomía”, comentou a edila.

    Fonte: Diario de Pontevedra

  • 19 Xullo, 2012
    A Escola do Moble logra unha subvención da Xunta para formar a axencias comerciais

     

    Fará o 6 de agosto a selección de alumnos para iniciar o curso o día 9

    Fontes da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada confirmaron onte que a entidade acaba de recibir a notificación, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, da concesión por parte da Consellería  de Traballo e Benestar dunha subvbención para poñer en marcha un curso AFD de axente comercial na Escola do Moble. O obxectivo desta iniciativa formativa é a inserción laboral do maior número posible dos seus participantes.

    O próximo día 6 de agosto ás 12.00 horas efectuarase a selección dos alumnos para o citado curso. O inicio desta actividade formativa está previsto para o xoves 9 de agosto. O seu horario será de luns a venres, das 8.00 ás 15.00 horas.

    Os integrantes do curso terán dereito a percibir unha compensación económica, que dependerá das súas circunstancias profesionais e persoais. Así como un diploma acreditativo da súa formación, se procede, avalado pola Consellería de Traballo e Benestar ou, na súa falta, unha certificación de asistencia ao curso, como tamén das competencias adquiridas ao longo da súa realización.

    A institución organizadora, a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, será a encargada de proporcionar aos alumnos todo o material necesario para desenvolver a actividade formativa, que comprende o material didáctico e os equipos informáticos.

    Todos aqueles interesados en participar neste ensino deberán dirixirse á Oficina de Emprego municipal para a súa inscripción ou ben anotarse na propia institución encargada de desenvolver o curso. O teléfono de atención ao público da Escola do Moble é o da Fundación, o 986573406.

    Fonte. Faro de Vigo.

  • 19 Xullo, 2012
    O comercio amenizará a “noite branca” con bailes, música e tapas

     

    Os comerciantes e hostaleiros ultiman os preparativos para celebrar mañá a noite branca de O Burgo. A iniciativa forma parte do plan de dinamización comercial do Concello de Culleredo en colaboración coa asociación de comerciantes e contará con actuacións musicais, animación de rúa, bailes, degustacións e sorteos.

    Os comercios permanecerán abertos de 20.30 horas a medianoite. Os locais hostaleiros ofrecerán as súas tapas especiais e os negocios descontos de entre o 20 e o 70%. Para animar a asistencia, os locais ofrecerán agasallos directos por compra e sortearán cheques agasallo entre os clientes.

    O centro de O Burgo vestirase para a ocasión cun alumado festivo. Os comercios que participan na iniciativa están situados no centro de O Burgo: a praza Europa, a rúa Sanjurjo de Carricarte, Hersa e a avenida Galicia. As empresas participantes, en total 55, estarán adornadas con globos brancos e os comercios disporán a maiores de velas brancas e alfombras rosas.

    Os actos arrincarán ás 18.30 horas cunha exhibición de baile da escola de baile Salbame. A actuación servirá de aperitivo á noite branca, que arrincará ás 20.30 horas con animacións de rúa. Unha hora despois actuará o grupo Marian Ledesma e os T. Bros, que se prolongará ata case o término da festa.

    A edila de Promoción Económica, Marta Iglesias, avanzou onte que non se trata dunha actuación illada". Trátase, explicou, da primeira de varias iniciativas para dinamizar as distintas zonas comerciais do municipio. O presidente dos comerciantes de O Burgo, Antonio Seoane, confía en que a iniciativa sexa "un bo empuxe".

    Fonte: La Opinión de A Coruña

     

  • 19 Xullo, 2012
    O comercio local oponse á liberalización de horarios

     

    Aempe e Federación Provincial rexeitan as rebaixas durante todo o ano

    «As medidas de liberalización dos horarios comerciais e de rebaixas están deseñadas para satisfacer as demandas das grandes superficies e debuxan un panorama desolador para o pequeno e mediano comercio», así o expuxo a Federación de Comercio de Pontevedra. A agrupación provincial mostrou a súa firme oposición fronte ao conxunto de medidas aprobadas polo Consello de Ministros o pasado venres, ao sentirse directamente prexudicado pola batería de decisións adoptada polo Executivo.

    A mesma postura adoptouse na Mesa Local de Comercio, convocada na tarde de onte nunha sesión extraordinaria. O organismo asesor, formado por asociacións de comerciantes e consumidores e presidido pola edila de Promoción Económica, Carlota Román, analizou o impacto das medidas sobre as empresas da localidade, incidindo especialmente na flexibilización dos horarios.

    «A medida liberalizadora é especialmente lesiva para a cidade de Pontevedra, dado o gran peso do sector comercial minorista. Característica á que hai que engadir ou importante número de empregados públicos, un colectivo que ven de ver eliminada a paga extraordinaria de Nadal», transmitiu o órgano, quen calcula que o impacto sobre os empregados da Administración dará unhas perdas ao comercio local en torno aos 10 millóns.

    Para os representantes do comercio local, a ampliación de horarios de 72 a 90 horas semanais é inasumible, dada a situación á que se enfrontan actualmente as empresas a tenor da recesión económica, especialmente no caso do pequeno comercio. Unha condición, por outra banda, que repercute a 7 de cada 10 negocios da comarca.

    Neste sentido a federación provincial foi máis aló e asegurou que a ampliación do número de horas de apertura, unido a unhas medidas que «influirán gravemente sobre o consumo», como unha maior presión fiscal ou a subida do IVE, conlevarán a pechadura de moitos comercios.

    Baixada do 50 %  nas vendas

    «O sector realizou un enorme esforzo no mantemento do emprego e na redución das marxes comerciais para adaptarse ás circunstancias económicas e poder ser competitivos. Aínda así, moitos comerciantes víronse obrigados á pechadura», sinalou a Federación de Comercio de Pontevedra.

    Integrantes da Mesa adiantaron que desde o anuncio do paquete de recortes están notando unha redución na caixa diaria de ata un 50 % en plena campaña de rebaixas. Tanto o órgano municipal como a federación provincial pronunciáronse en contra da ampliación da campaña de rebaixas: «Resulta necesario seguir mantendo unha campaña común para todos os comerciantes, xa que constitúe un atractivo comercial para os consumidores, máxime nestes momentos de forte contención do consumo, e tería gravísimas consecuencias para a recuperación económica do país».

    O sector, en cifras:

    1.700 Establecementos: Pontevedra conta actualmente cunha cifra de locais comerciais similar á do 2008.

    8.000 Empregos: O comercio é o segundo sector en xeración de emprego na cidade do Lérez.

    28 % Autónomos: Dos 5.137 autónomos que hai en Pontevedra, o 28 % dedícase ao comercio.

    Fonte: La Voz de Pontevedra

  • 18 Xullo, 2012
    Os comercios de Caldas apúntanse o venres á Noite Meiga

    Un desfile de moda na rúa Real. Os comercios abertos ata as doce da noite. Caldas de Reis prepárase para a Noite Meiga, que organiza o Centro Comercial Aberto e que se celebrará este próximo venres, día 20.

    A iniciativa, que leva como lema Fai as túas mellores compras en Caldas de Reis, pretende dinamizar o comercio local, aproveitando o verán e a presenza de visitantes na comarca.

    Ademais da prolongación dos horarios nos establecementos e do desfile, o Centro Comercial Aberto instalará unha carpa nas que presentando os tiques de compra, os clientes poderán obter agasallos. Os máis pequenos poderán participar en talleres de pintura ou manualidades ou xogar cos hinchables que se instalarán.

    Fonte: La Voz de Pontevedra

  • 18 Xullo, 2012
    A Praza de Abastos modernízase con locais para degustar pinchos

     

    En marcha a remodelación da nave 5 para convertela nun escaparate da gastronomía galega.  As obras concluirán a finais do próximo ano

    A finais de verán sairá a concurso a remodelación da nave cinco da Praza de Abastos para a súa conversión en dez ou doce locais nos que se ofrecerán tapas e outras mostras da gastronomía galega.

    Así o anunciaron onte o alcalde, Anxo Currás, e a concejala de Mercados, Reis Leis, trala visita que realizaron ao recinto para comprobar a marcha das obras de reforma que se están acometiendo. Na visita tamén estiveron presentes a concejala de Urbanismo, María Pardo, e a directora xeral de Comercio, Nava Castro.

    O obxectivo é que estes locais se convertan nun escaparate da gastronomía compostelana e galega e que sirvan para promocionala entre os visitantes. No proxecto están colaborando co Concello a Xunta, o Centro Superior de Hostelería de Galicia e a Academia Galega de Gastronomía.

    Fonte: O Corrego Galego

     

  • 18 Xullo, 2012
    Unha exposición difunde a encadernación de libros

     

    Na Sala de Exposicións da Casa de Cultura “Raquel Fernández Soler” da Pobra do Caramiñal inaugúrase esta tarde, ás 19 horas, a exposición a “Encadernando”, que agrupa unha selección de pezas de creadores dedicados á encadernación artesanal. A exposición poderá visitarse ata finais do mes de agosto.

    É a Consellería de Economía e Industria a que, en colaboración coa Asociación Galega de Encadernación de Arte (AGEA), organiza esta mostra que busca representar a gran diversidade existente neste oficio en Galicia. Así, a exposición ofrecerá exemplos de como o coidado da envoltura pode contribuír a incrementar o valor dunha obra. A elección e o exquisito traballo con diferentes materiais, o uso dunha variedade de técnicas artesanais, as cores, as formas, os acabados... todo iso permite crear unha peza única, unha obra de arte dobre na que se unen artesanía e literatura.

    A exposición conta con 26 pezas únicas elaboradas por sete profesionais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía da Xunta. Na inauguración estará a directora xeral de Comercio, Nava Castro, e o alcalde, Isaac Maceiras, entre outras autoridades.

    Fonte: Diario de Arousa

  • 18 Xullo, 2012
    O paseo Odriozola acolle a partir de hoxe a Feira Chalana de artesanía

     

    Serigrafía, prata, cerámica, instrumentos tradicionais e xoguetes serán algunhas das ofertas da Feira Chalana de artesanía, que abre hoxe as súas portas no paseo de Antonio Odriozola. Quince artesáns ocuparán os 14 estands da mostra, que abrirá de 11 a 14 e de 18 a 21 horas e amplíase con respecto á súa anterior edición. A novidade serán os traballos dos ferreiros agrupados no “Consello do Ferro”, que busca a recuperación das técnicas de forxa e ferramentas seculares. A feira abrirá ata o día 5 de agosto.

    Fonte: Faro de Vigo.

  • 17 Xullo, 2012
    O comercio de Vilagarcía invade as rúas con grandes escaparates ao aire libre

     

    O orixinal concurso de escaparatismo de Zona Aberta cumpre tres anos e celébrase o venres

    A asociación de comerciantes de Vilagarcía, Zona Aberta, celebra este venres a terceira edición do seu concurso de “Escaparates na Rúa”. Trátase dun certamen no que entre dous e catro comercios únense para realizar un escaparate que se expón na rúa. Un xurado examínaos todos e finalmente concédese un premio ao mellor.

    A actividade foi presentada onte na sé de Zona Aberta pola presidenta dos comerciantes. Rocío Louzán, e o concelleiro delegado de Comercio, Manuel Tarrío. Está previsto que participen un total de 27 comercios da cidade e que monten un total de nove escaparates, que poderán contemplarse en Alcalde Rei Daviña, Castelao, a Praza de Galicia e Xeral Pardiñas.

    Unha das novidades desta edición, a terceira, é que o xurado estará composto por primeira vez só por profesionais: así, intégrano un decorador, un interiorista, un escaparatista e un fotógrafo. As normas establecen que as composicións teñen que estar montadas ás 12 do mediodía do venres, e que non se retirarán ata as 22 horas.

    Rocío Louzán explica que con esta iniciativa “intentamos que a xente coñeza máis o pequeno comercio e que pasee polas rúas”. E motivos non faltan, pois o concurso destacou nos seus outras edicións por unha gran vistosidade e por creacións moi orixinais. Tamén acudirá a directora xeral de Comercio, Nava Castro.

    Fonte: Faro de Vigo.

  • 17 Xullo, 2012
    Empresarios do Barbanza auguran unha campaña de verán favorable

     

    Os empresarios do Barbanza móstranse optimistas, alcanzando un índice de expectativas de 5,7 puntos, ante o pronóstico dunha boa campaña de verán. Así o recolle o Indicador de Confianza Empresarial (ICE) da Comarca do Barbanza do terceiro trimestre, que onte fixo público a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela.

    Esta nova publicación continúa en valores negativos, situando a confianza do empresariado da comarca en -2,02 puntos, un dato que revela unha mellora continuada con respecto aos trimestres anteriores, subindo case cinco puntos respecto ao trimestre anterior, que era de -6,93.

    Os resultados por sectores reflicten que a confianza mellora lixeiramente en case todos os sectores.

    A excepción está marcada polos sectores de hostalaría e turismo, cun valor de 17,85 puntos no seu ICE, fundamentado polas claras expectativas de carácter positivo xustificadas pola confianza nunha boa campaña de verán.

    O estudo compara a situación empresarial de España e da comarca do Barbanza e conclúe que a nivel estatal está en 100,06 puntos, mentres que o mesmo indicador referido ao Barbanza sitúaa en 104,79 puntos. Así, a confianza dos empresarios do Barbanza é algo máis elevada que a estatal.

    Fonte: El Correo Gallego

  • 17 Xullo, 2012
    A remodelación da praza de abastos de Ponteareas aumenta a demanda de postos

     

    O goberno local recibe solicitudes para instalar floristería, panadería e precociñados. Comercio, pendente de coñecer as baixas e transmisións para asignar espazos libres.

    A remodelación integral que se está executando na praza de abastos de Ponteareas suscitou o interese de varios emprendedores por conseguir un posto no mercado municipal unha vez acaben as súas obras de modernización. Uns traballos financiados con 300.000 euros, a través dun programa de axudas da Dirección Xeral de Comercio, que se prevé que estean concluídos a finais de novembro ou decembro, "para que de cara á campaña de Nadal xa todos os vendedores estean colocados nas bancadas que se lles asignaron", afirma a concellala de Comercio, Marisol Valado.

    O departamento de Comercio está recollendo as baixas e as transmisións de postos que se están solicitando co obxectivo de acomodar aos vendedores xa existentes e poder dar entrada a novas actividades nos espazos libres desta planta B reformada. "Están entrando peticións por rexistro porque esta praza remodelada pasa a ter outro atractivo que non tiña", avanza Valado, e engade que "estamos traballando no novo regulamento que irá unido á remodelación".

    O primeiro é acomodar as bancadas existentes ata agora, en torno a 25, e despois, nos ocos que queden, "queremos dar entrada a outras actividades como floristería, panadería, precociñados, que serán un atractivo máis para comprar na praza de abastos", considera a edil.

    Antes de executar as obras na praza de Ponteareas, o goberno local visitou varias prazas como a de Ferrol e A Coruña para sacar ideas. "Puidemos comprobar que combinan a venda de peixe e carnicería como principal actividade, pero tamén con outras que non teñen por que ser de alimentación, sempre que sexa compatible",afirma a edil.

    Melloras previstas

    De cara a final de ano, se quedan bancadas libres de peixe, tamén se darán novas licitacións. De feito, entre as melloras que aportará a remodelación da praza destaca a inclusión dunha pequena cámara frigorífica en cada posto, "para evitar que teñan que andar dun lado a outro co peixe, como sucedía ata agora", indica Valado.

    Espazos máis abertos, con cambios na distribución e ventanales máis  amplos para gañar luminosidade  son algunhas das melloras que percibirán os clientes.

    Mentres seguen as obras, os vendedores de peixe continúan na planta superior instalados no centro xunto ás carnicerías. "Agradézolles o esforzo que fan cada día por estar todos na mesma planta", declarou Valado.

    Fonte: Faro de Vigo

  • 17 Xullo, 2012
    Os comercios de O Burgo ofrecerán o venres unha “noite branca”

     

    Os locais abrirán de 20:30 a 24:00 horas e haberá actuacións musicais e sorteos

    Trala iniciativa dos comerciantes de Betanzos, a organización de noites brancas contaxiouse ao resto da comarca e trala da Coruña o vindeiro venres día 20 celebrarase unha en Culleredo.

    Os comercios que participan na iniciativa están situados no centro de O Burgo: a praza Europa, a rúa Sanjurjo de Carricarte, Hersa e a avenida Galicia. Distinguiráselles por ter globos brancos e unha alfombra rosa na entrada, e permanecerán abertos de 20.30 a 24.00 horas. Para amenizar as compras aos clientes, estes poderán gozar de degustacións nos establecementos hostaleiros e descontos e ofertas especiais nos comercios (que están de rebaixas). Haberá tamén actuacións musicais, agasallos e sorteos.

    A Concellalía de Promoción Económica e a Asociación de Comerciantes organizan o I Noite Branca co obxectivo de "revitalizar" os establecementos comerciais e hostaleiros do municipio.

    Fonte: La Opinión da Coruña

  • 16 Xullo, 2012
    A moda galega reta á historia

     

    María Mera presentou deseños de 23 modistos, e dous foron premiados

    O atrevemento, a creatividade e a beleza do traballo de 23 diseñadores galegos observáronse na clausura da sétima edición de Galicia Fashion Week, que retou o marco histórico da Quintana. A actriz María Mera foi a imaxe e presentadora, e tamén desfilou ante o público que enchía a zona que García Lorca cualificou fai oito décadas como «praza-butaca».

    Dezasete deseñadores emerxentes iniciaron as sesións, a primeira hora da tarde. Tania Martínez foi a gañadora do certamen Zona Cero, e terá como premio unha sesión fotográfica cunha modelo profesional; e a colección de Verónica Ouro, como vencedora da Zona E, recibiu como galardón un estand no Espazo Ego da Semana Internacional da Moda de Madrid.

    Dende as 19.15 horas transcorreu a sesión final, na que os modistos José Matteos e Cristóbal Vidal mostraron as súas propostas para o próximo outono-inverno, que abriron e pecharon os desfiles, ambos con modelos para varón e muller. No medio, víronse deseños de María Abilleira, Antía Castro e a súa marca A Pantera Lola, Lúa e Zeltia, da marca Nicanora, e Mónica Guillén. Nicanora ofreceu propostas para ambos sexos e as outras tres deseñadoras centráronse na muller. O público aplaudiu os 80 traballos.

    Foi un desfile no que se coidaron todos os detalles, desde o maquillaxe ao peiteado, o calzado e tamén os complementos. Utilizáronse elementos do país, como encaixe de Camariñas e deixouse ver unha interesante creatividade, ata na presentación das propostas, como a alusión á «avóa Maruja» como inspiradora de Nicanora. E tamén contrastes como o negro monográfico de Matteos e o colorido doutros deseñadores.

    Foi «o mellor escaparate», valoraba ao final María Mera, que destacaba os esforzos por captar a atención dos deseñadores. Matteos, da organización, avanzou que en novembro haberá unha nova edición en Santiago, con apoio da Cámara de Comercio e a Xunta, na que se esforzará por conseguir presenza internacional.

     

    Fonte: La Voz de Galicia

     

  • 13 Xullo, 2012
    Magín Froiz recibe en Santiago un galardón polo éxito da súa traxectoria profesional

     

    O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entregou onte un galardón polo seu éxito empresarial a Magín Froiz, fundador e presidente da cadea de supermercados Froiz. O titular da Xunta resaltou o “permanente” compromiso social e económico do empresario pontevedrés durante un acto celebrado na Cidade da Cultura. Outras firmas como Estrella Galicia, Rías Baixas ou Marineda City tamén recibiron o premio outorgado por Actualidad Económica.

    Fonte: Diario de Pontevedra.

  • 13 Xullo, 2012
    Zona Aberta confía en atraer máis xente a Expoferta ao facela en plena rúa

     

    A asociación de comerciantes Zona Aberta de Vilagarcía confía que coa celebración de Expoferta na rúa no canto de Fexdega a actividade atraia moita máis xente. Así o apuntou a presidenta do colectivo, Rocío Louzán, que manifestou que nuns días decidirase o sitio exacto no que se situarán os postos dos distintos establecementos participantes.

    Todo apunta a que o lugar elixido serán as zonas peatonais, dado que o tránsito de xente é moi fluído sobre todo durante a tempada estival coa chegada dos turistas. E é que con Expoferta os comerciantes locais esperan recuperarse da baixada de vendas nas rebaixas deste ano que están sendo un tanto “floxas”, segundo os datos manexados por Zona Aberta. Rocío Louzán sinala que se están cumprindo os mínimos establecidos, pero que a campaña é frouxa comparándoa con edicións anteriores dado que o tempo tampouco axuda a que a xente se anime a comprar.

    Por outra banda o que si é certo é que os comerciantes non teñen demasiado stock nos seus establecementos porque, desde que se agravou a crise económica, coidáronse de adquirir menos mercadoría para evitar que logo se quedase na tenda.

    Aínda así as maiores vendas en rebaixas de verán fanse nas tendas de roupa e calzado. E é que moita xente espera ata o mes de xullo para adquirir os produtos que se pon na tempada estival. De momento só pasaron dúas semanas desde o inicio de rebaixas  polo que queda un mes e medio por diante para poder facer unha valoración definitiva.

    Concurso

    A directora xeral de Comercio, Nava Castro, visitará hoxe aos comerciantes de Zona Aberta para dar a coñecer os pormenores da segunda edición do Concurso de escaparates na rúa que, entre outras cuestións, realízase coa intención de dar vida aos pequenos comerciantes nun dos seus momentos económicos máis delicados.

    Fonte: Diario de Arousa

  • 12 Xullo, 2012
    A Feira de Mostras do Noroeste conserva o seu tirón medio século despois

     

    O recinto de Punta Arnela alberga máis de 150 expositores de sectores diferentes

    A Feira Internacional de Mostras do Noroeste, que arrincou o martes no recinto ferial de Punta Arnela na Malata, continúa sendo atractiva con cinco décadas de traxectoria ininterrumpida ás súas costas. Onte, na súa segunda xornada, as instalacións albergaron diferentes actividades e enchéronse de visitantes, que o primeiro que aprecian é o salón da Madeira e unha exposición que resume en imaxes a actividade produtiva, cultural e deportiva da decana das feiras galegas.

    Onte celebrouse o Día da Armada con diferentes actividades divulgativas, presididas polo Almirante Xefe do Arsenal de Ferrol, Francisco J. Cortés Uría.

    A xornada de hoxe está dedicada á Asociación Socio Cultural de Minusválidos de Ferrol que preside Anxo Gárate e que contará coa visita (11:30 horas) do alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela.

    No salón da Madeira, situado á entrada do recinto, contará a partir das 17:00 horas coas demostracións de torneado de Jesús Igrexas Pereira e de taracea de Marta Aramendia.

    A partir das 19:00 horas será a quenda para a exaltación de produtos autóctonos, concretamente os pimentos de O Couto, aportados pola Cooperativa de O Val.

    Fonte: El Correo Gallego

  • 12 Xullo, 2012
    O Concello colabora cos comerciantes cunha axuda de 70.000 euros

     

    O Centro Comercial Aberto costeará actividades e persoal ata final de ano

    O Concello financiará parte das actividades que o Centro Comercial Aberto de Arteixo desenvolverá ata final de ano cunha achega de 70.000 euros, a mesma que a que recibiu o pasado ano.

    Feiras comerciais, actos de carácter cultural, campañas publicitarias ou iniciativas como a Feira do Porco Celta, que celebrou a súa primeira edición o pasado mes de maio, son algunhas das actividades coas que colaborará a Administración local en base ao convenio que acaba de asinar cos comerciantes.

    Esta achega económica estará tamén destinada a sufragar os gastos de material promocional da imaxe do Centro  Comercial Aberto de Arteixo como rueiros, papel de agasallo, bolsas ou placas identificativas  que o colectivo distribúe entre os seus asociados e clientes. As actividades formativas e os custos do persoal tamén se financiarán con esta achega.

    Fonte: A Opinión da Coruña.

  • 12 Xullo, 2012
    Os comerciantes do mercado demandan ao goberno local que poxe as prazas baleiras

     

    As dúas organizacións de praceiras declaran que están de acordo entre elas en case todo e que si a Praza está na actual situación é porque están abandonados desde fai anos.

    "Queremos que se baixen os postos de arriba ou que se poxen. O mercado non está nesta situación pola nosa culpa. Si chegamos a isto é porque estamos abandonados desde fai 15 anos. Aquí fai anos que non hai poxa de postos, malia que moitísima  xente vén solicitalo", explicou a presidenta de Asociación de Profesionais da Praza de Abastos de Pontevedra, María del Carmen Santos, como resposta ao informe que presentou a edila de Promoción Económica, Carlota Román, e a última sesión da Mesa do Comercio, o pasado mes, cando instou a ambas asociacións de praceiras a poñerse de acordo, xa que esta división supón un problema para a praza.

    "Sería mellor que houbese unha soa asociación. De todos os xeitos, ambas estamos de acordo en moitas cousas. A única diferenza que temos é que a Asociación do Mercado de Abastos de Pontevedra (Amapo) non quere a recolocación dos postos da segunda planta", apuntou Santos.

    No mesmo sentido expresouse Manoli Domínguez, presidenta de Amapo. "O Concello pode dicir o que queira. Aínda que temos algunha diferenza, na maioría das cuestións estamos unidos, independientemente de que haxa dúas asociacións. Con respecto á recolocación da segunda planta, Domínguez detalla que "queremos que se fagan as cousas como se teñen que facer. Primeiro hai que arranxar a parte de abaixo. Desexamos que os postos de arriba baixen, pero cunha coherencia. Que se reorganice o mercado, pero empezando sempre pola planta baixa".

    Críticas ao Concello.

    Con respecto ao balance económico que realizou o goberno local do mercado, no que segundo a administración "conta cuns 396.000 euros anuais e só xera 183.000", as praceiras  declaran que "non sabemos que contas ten o Concello, pero si teñen uns postos baleiros hai unha serie de taxas que non se están cobrando. Se poxasen, ingresarían. Ademais, hai outros factores importantes que hai que emendar e non o fixeron, como o non ter cámara de xeo", comenta Domínguez. Román xa ten decido que non se habilitará unha.

    Similar discurso mantén a presidenta da outra asociación, Mari Carmen Santos, que recoñece que xa puxo en coñecemento da edila responsable as necesidades do gremio, malia non obter resposta. "Tamén pedimos un caixeiro automático, unha cabina de teléfonos ou facilitar unha zona de aparcamento fronte ao mercado".

    Así pois, ambas presidentas coinciden en non entender a postura do Concello xa que, se o goberno local declara ter un déficit con respecto ao mercado, non se entende por que hai tantas vacantes libres no mercado.

    En calquera caso, ambas representantes demandan "unha maior dinamización" da Praza que a faga máis atractiva a todo tipo de públicos. "Que instalen arriba tendas especializadas, un supermercado, como ocorre en Vigo, ou calquera cousa que tire do Mercado", apunta Santos.

    Unhas instalacións cun déficit de 213.000 euros anuais

    A edila de Promoción Económica, Carlota Román, anunciou o pasado mes que realizaría un estudo de diagnóstico da praza de abastos. Román anunciou que quería examinar o funcionamento desta "de arriba abaixo" para coñecer, a través dun informe de profesionais, cales son as súas fortalezas e debilidades.

    Esta iniciativa forma parte dunha serie de medidas destinadas a recuperar "o empuxe" que tivo esta instalación noutros tempos. Segundo Román, o mercado é unha das súas prioridades e subliñou que "hai que ver o futuro con optimismo, pero sen renunciar ás críticas constructivas que poidan contribuír a mover as barreiras que nos impiden avanzar". Segundo a edila, un dos principais obstáculos é a existencia de dúas asociacións de praceiras. "Vivimos nuns tempos distintos, cunha crise económica atroz. Hoxe é urxente remar todos na mesma dirección", declarou Román, que instou a ambas a poñerse de acordo e unificarse. Durante a mesma xornada, a edil puxo sobre a mesa o saldo negativo que presenta a praza de abastos, onde hai uns gastos anuais de 396.000 euros fronte a uns ingresos de 183.000. "O déficit é de 213.000 euros, que hai que dicir claramente aos pontevedreses que saen dos seus petos. O mercado debe ser sostible e con estas cifras na man non caben desculpas", recoñeceu Román. Con respecto á reconversión da primeira planta, "non se fará nada ata que esta zona se reordene e os poucos concesionarios que quedan se trasladen abaixo nun ambiente de consenso", concluíu a socialista.

    Fonte: Faro de Vigo


  • Páxina 41 de 85

  • Mostrando do 801 ao 820 dun total de 1686 rexistros