Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 02 Xullo, 2015
    O Corazón da Artesanía latexa de novo desde mañá e ata o domingo en Agolada con demostracións en vivo, gastronomía e música

    Santiago, 2 de xullo de 2015.- O Corazón da Artesanía. IV Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia arranca mañá no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra), onde se poderá ver ata o domingo o traballo de máis de 50 artesáns de toda Galicia de diferentes oficios. Este encontro organizado pola Consellería de Economía e Industria no que tradición e vangarda van da man tense consolidado como o referente anual do sector. O programa inclúe tanto exposición e venda de produtos artesanais e demostracións en vivo de oficios como showcookings, degustacións e venda de produtos gastronómicos, workshops, presentacións de proxectos relacionados coa artesanía, conversas con artesáns de referencia, exposicións, actuacións musicais e talleres participativos de artesanía para o público infantil e adulto.

    A xornada de mañá comezará ás 11:30 horas coa inauguración por parte do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, da feira, na que ademais dos artesáns participan 46 empresas de produtos alimentarios de calidade. A partir das 12:30 terá lugar no espazo O Paladar a presentación do proxecto Centro do viño: eixo dinamizador do enoturismo na Ribeira Sacra, a cargo de Humberto Loureiro, que se completará cunha cata de viños da Ribeira Sacra.

    Tamén o venres pola mañá comezarán dous dos catro cursos especializados que se inclúen na programación do Encontro. Trátase de A asa. Análise, práctica e deseño, impartido polo deseñador de orixe libanesa Assaad Awad, que ten colaborado con Thierry Mugler, Mario Testino, Lady Gaga ou Madonna. O horario do curso será de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, durante os tres días da feira. O mesmo horario que Oficios de moda. Sombreirería con novos materiais, no que os participantes poderán coñecer da man da experta artesá pontevedresa Viviana Araújo as novas correntes na introdución de materiais non habituais para a elaboración e confección de complementos de moda, especialmente na sombreirería.

    O sábado comezarán os outros dous cursos de formación incluídos no Corazón da Artesanía, centrados na fotografía. Fotografía para dispositivos móbiles – Artesanía no prato, impartido polo comunicador audiovisual David Cabezón (Santiago de Compostela) e Fotografía aplicada á artesanía, a cargo do fotógrafo alemán afincado en Lugo Peter Scheneider.

    Mañá pola tarde, no Espazo Multidisciplinar, destacan as presentacións dos dous proxectos galegos gañadores dos Premios Nacionais de Artesanía 2014. A partir das 17:00 horas, a cesteira afincada en Outeiro de Rei, Idoia Cuesta, gañadora do Premio Produto, presentará o proxecto Sinerxías creativas: artesanía&deseño. Unha hora máis tarde, Manuel González, presidente da Asociación Galega de Artesáns (AGA), presentará a App das Rutas de Artesanía de Galicia, que resultaron recoñecidas con este galardón na categoría Promociona para Entidades Privadas.

    A partir das 20:00 horas, no espazo O Paladar, a cociñeira Lucía Freitas, do restaurante A Tafona (Santiago de Compostela), será a encargada de abrir as degustacións da iniciativa Artesanía no prato, coa que se pretende achegar a artesanía ás novas tendencias da gastronomía galega. Catro chefs pertencentes ao Grupo Nove serán os responsables de distintos showcookings nos que elaborarán menús degustación con produtos galegos de calidade, que presentarán en pezas da marca Artesanía de Galicia. Os cociñeiros empregarán pezas de cerámica, de madeira e de téxtil elaborados por oito obradoiros artesáns galegos. O sábado será a quenda de Alberto C. Prelcic (Silabario, Tui) e Héctor López (Restaurante España, Lugo), mentres que o domingo estará en Agolada Javier Rodríguez Ponte “Taky” (Catering Boketé, A Coruña).

    A xornada do sábado pecharase coa actuación de Guadi Galego, que presentará o seu segundo disco en solitario, Lúas de outubro e agosto, a partir das 22:00 na Praza do Concello, unha vez rematada a feira.

    Talleres participativos
    O IV Encontro de Artesanía Tradicional e Popular contará entre o seu amplo programa de actividades cunha programación específica destinada ao público infantil. A través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño organízanse talleres para iniciar os máis pequenos en diferentes oficios artesanais e que estarán centrados no traballo co papel, a elaboración de instrumentos musicais, a reciclaxe ou gastronomía.

    A artesá Palmira Castro, do obradoiro Mimadriña (Fisterra), impartirá dende mañá e ata o domingo o taller para nenos e nenas Elaboración de guirnalda decorativa, a partir de barquiñas e peixes de origami, cosidas cunha máquina Singer centernaria. O taller realizarase en horario de 11:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.

    O luthier Xaneco Tubío (Outeiro de Rei) encargarase da actividade Elaboración de xoguetes sonoros, que se realizará o venres, o sábado e o domingo de 11:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, tamén destinado aos máis pequenos. Este obradoiro ten o obxectivo de ensinarlle ao público infantil do século XXI unha serie de xoguetes sonoros que os nenos galegos elaboraban ata mediados do século XX aproveitando os elementos que a natureza lles proporcionaba.

    As tardes do venres, do sábado e do domingo, de 17:00 a 19:00 horas, a Praza do Concello estará dedicada ao taller Substitúe o lixo por vida impartido pola cooperativa O Canto da Balea (Carnota). A actividade consiste en clasificar o lixo presente nas nosas costas, mediante o xogo, e substituílo por unha especie mariña. O xogo complementarase co obradoiro Artelixo, no que os máis pequenos poderán transformar este lixo en obxectos decorativos.

    Outra das actividades destinadas ao público infantil terá lugar o domingo pola tarde. Trátase do taller Artesanía no Prato, na que aprenderán a elaborar pratos fríos e posteriormente presentalos con pezas de artesanía como soporte. Para esta actividade é necesaria a inscrición previa na páxina artesaniadegalicia.xunta.es.

    A programación compleméntase con talleres gratuítos de iniciación a tres oficios artesanais e que estarán abertos á participación de público tanto adulto como infantil. Comezarán mañá e desenvolveranse ata o domingo, en horario de 11:30 a 14:00 pola mañá e de 17:00 a 21:00 h de tarde, agás no caso do taller de centón cuxo horario de tarde será de 16:00 a 21:00 horas. Os ceramistas Susana González Amado e Antón Román impartirán “Iniciación ao torno cerámico”, no Pendello Cerámica, a cesteira Lola Tourón encargarase do taller “Iniciación á cestería”, no Pendello Cestería, e as artesás téxtiles Aurelia Costas e María del Mar Fernández traballarán cos visitantes no Pendello Centón na elaboración dunha peza conxunta no marco do taller “Iniciación ao centón”.

    Ademais, o venres tamén botarán a andar a exposicións Oficios de Moda. Ferramentas de sombreirería, na que se expoñerá a colección da artesá pontevedresa Viviana Araújo, na que se achega unha visión sobre a confección de sombreiros e tocados nas diferentes épocas. Tamén se poderá ver Penumbrosos, unha serie de cadros que Álvaro Negro expoñerá no espazo do que no seu día foi muíño e serradoiro familiar.

    A organización destas actividades de divulgación e posta en valor da artesanía forma parte do Plan de Artesanía de Galicia, impulsado pola Consellería de Economía e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal.

  • 02 Xullo, 2015
    A Mesa Provincial de Comercio Local aproba os proxectos de dinamización comercial presentados por tres entidades da provincia

    A Coruña, 2 de xullo de 2015.- A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, participou hoxe nunha nova reunión da Mesa Provincial de Comercio Local da Coruña, que agrupa a administracións públicas, asociacións de comerciantes e consumidores e representantes dos distintos concellos. Tamén estiveron presentes os deputados provinciais Antonio Cañás e Begoña Freire, a presidenta da Asociación Galega de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios “Brétema”, Rosa Otero, o presidente da Federación Galega de Comercio, Miguel Agromayor, e o xefe de sección de Promoción Económica e Emprego da Deputación Provincial da Coruña, Rafael Díaz-Aguado.

    Neste encontro, supervisáronse tres proxectos presentados por varias asociacións comerciais con competencias na provincia, trámite necesario para que poidan concorrer ás ordes de axudas convocadas polo Goberno autonómico. Por unha banda, o Gremio de Xoieiros, Prateiros e Reloxeiros da Coruña, introduciu un proxecto para financiar a promoción das vendas en todos os establecementos comerciais asociados. Pola súa parte, a Federación Galega de Comercio expuxo unha proposta que ten como finalidade o financiamento dunha tenda online, un club de fidelización e os servizos xerais de asesoramento. Por último, a Federación de Empresarios de Barbanza amosou unha iniciativa co obxectivo de revitalizar o comercio de proximidade e a incentivación do consumo nas comarcas de Barbanza, Sar, Noia-Muros e Xallas,

    Cumprimento da Lei de comercio interior de Galicia
    A convocatoria da reunión da Mesa Provincial de Comercio Local faise en cumprimento da Lei de comercio interior de Galicia. Este órgano está pensado para fomentar o diálogo e a coordinación entre a administración, os comerciantes e os consumidores no deseño e execución das políticas comerciais que lles afectan. Neste senso, Do Campo subliñou que se está a traballar para “impulsar a colaboración entre os membros do sector para a optimización dos recursos”. Con esta norma, indicou, está a disposición dos comerciantes unha serie de instrumentos que teñen como obxectivo a mellora e a modernización do comercio galego, así como a solución dos problemas que lles afectan.

    Entre as ferramentas que recolle a lei están as chamadas mesas locais de comercio, entendidas como un lugar de encontro e un foro de debate, onde teñen voz e voto o comercio de proximidade, os consumidores e os propios concellos. A mesa provincial asume as funcións da administración local naqueles concellos que non contan cun mínimo de 20 comercios minoristas ou nos que non existe unha asociación local de comerciantes.

    Funcións da Mesa Provincial do Comercio Local
    Entre as tarefas que desenvolve a Mesa Provincial do Comercio Local están as de informar sobre as campañas de promoción que se desenvolven con fondos públicos, elaborar informes para a realización des feiras de oportunidades, actuar como órgano consultivo sobre todas as cuestións que afecten ao comercio retallista ou ser oída na elaboración de plans de tráfico e de ordenación urbana dos concellos integrantes, entre outras. Tamén está a servir como plataforma para trasladar aos municipios representados as medidas, iniciativas e propostas en materia comercial.

    En definitiva, trátase de contar cunha ferramenta eficaz para dotar de maior dinamismo, proxección e modernidade ao pequeno comercio, “máis aínda nun contexto de crise económica como o actual”, indicou a representante autonómica. “Pretendemos que o sector se decate de que a través da unión de todos os axentes se pode ser máis competitivo e chegar a negociar, por exemplo, créditos cos bancos, as tarifas da luz ou outros asuntos que poidan beneficiar a súa actividade”, engadiu.

    Máis información
  • 29 Xuño, 2015
    Os oficios tradicionais e as novas tendencias danse cita esta fin de semana na feira corazón da artesanía nos pendellos de Agolada

    Santiago, 29 de xuño de 2015.- Os oficios tradicionais e as novas tendencias daranse cita unha vez máis esta fin de semana no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada, que do 3 ao 5 de xullo acollerán a cuarta edición do Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, organizado pola Consellería de Economía e Industria. Tal e como salientou esta mañá a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, na presentación do programa, na que tamén participaron o tenente de alcalde de Agolada, Héctor Martínez, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, así como o presidente da Asociación Galega de Artesáns, Manuel González, e a Asociación Galega de Artesáns Tradicionais, Albino Quinteiro, o evento, consolidado como un referente anual do sector, ofrece un concepto de artesanía moi amplo, porque se basea no produto artesán galego e na súa interrelación con outros sectores como a gastronomía, o turismo, a moda, a decoración ou a música, así como no seu achegamento a toda a sociedade.

    Sol Vázquez destacou a riqueza e heteroxeneidade do sector artesán galego, que quedará patente nos diferentes postos de exposición, venda e demostración de oficios que ocuparán o espazo dos Pendellos, un entorno único, un antigo recinto da feira restaurado que volve así á vida. Nesta cuarta edición, empregaranse 8 das novas edificacións que foron rehabilitadas nos últimos meses, o que repercutirá tamén nunha ampliación tanto no número de obradoiros artesáns e de postos de produtos alimentarios como doutras actividades como charlas sobre oficios, talleres participativos para o público infantil e adulto, exposicións, cursos de formación e presentación de diferentes proxectos de artesanía.

    Tal e como destacou Vázquez Abeal, co obxectivo de abrir novas oportunidades de negocio para os artesáns galegos está prevista a participación no encontro do xaponés Kiyotaka Imai, xefe de compras da compañía HP France, con 90 tendas de decoración e moda en Xapón e presenza en Estados Unidos e Francia. Tamén asistirán ao evento dous xornalistas da empresa, que edita diferentes publicacións especializadas.

    No encontro poderán ver o traballo dun total de 50 artesáns de oficios tan variados como cestería, instrumentos musicais, ourivería e xoiería, olería e cerámica, téxtil, elaboración de zocos e figuras de pan, cantería, montaxe de moscas para a pesca, marroquinería, follalatería, talla en madeira, zapatería, cerería, elaboración de redes, colareiras ou tornería. O Corazón de Artesanía incrementa considerablemente o número de empresas de alimentación que ofrecerán exposición e venda dos seus produtos, que chegan a 46. Entre as novidades atópanse produtos como xeados artesanais, cafés tostados en Galicia, carnes de razas autóctonas ou un proxecto de pesca artesanal sostible.

    Premios Nacionais de Artesanía
    Os que acudan a Agolada poderán asistir ás presentacións de diferentes proxectos relacionados co traballo dos profesionais do sector artesán entre as que destacan “Sinerxías creativas: artesanía & deseño”, a cargo de Idoia Cuesta, gañadora do Premio Nacional de Artesanía 2014 na categoría de Produto. Tamén se presentará a App das Rutas de Artesanía de Galicia da Asociación Galega de Artesáns, Premio Nacional de Artesanía 2014 na categoría Promociona para Entidades Privadas.

    Un ano máis, haberá espazo para as exposicións, e así, podera visitarse Oficios de moda. Ferramentas de sombreiría, unha visión sobre a confección de sombreiros e tocados nas diferentes épocas a través do papel da muller como motor da creatividade na moda ao longo da historia. Tamén estará aberta “Penumbrosos”, unha serie de cadros de Álvaro Negro.

    Formación
    No eido da formación especializada, o venres e o sábado celebrarase o workshop A asa. Análise, práctica e deseño, impartido polo recoñecido deseñador de orixe libanesa Assaad Awad, que ten colaborado con Thierry Mugler, Mario Testino, Lady Gaga ou Madonna. O sábado e o domingo, o fotógrafo alemán Peter Schneider traballará sobre Fotografía aplicada á artesanía. O domingo o comunicador audiovisual David Cabezón levará un workshop sobre Fotografía para dispositivos móbiles. Artesanía no prato e, ao longo de toda a fin de semana, a artesá téxtil pontevedresa Viviana Araújo impartirá Oficios de moda. Sombreirería con novos materiais.

    Por outra banda, neste Corazón da Artesanía incrementáronse as actividades especificamente dirixidas aos máis pequenos, co obxectivo de introducilos en diferentes oficios artesanais. Así, poderán experimentar coa elaboración de instrumentos musicais, o origami, a reciclaxe ou a presentación en pezas de artesanía de pratos fríos que previamente elaborarán. Ademais, tanto o público infantil como o adulto poderán aprender a usar o torno cerámico, iniciarse na cestería ou participar na elaboración dunha peza colectiva de “patchwork”.
    Outra das novidades do programa de actividades desta cuarta edición é Coas mans da experiencia, unha iniciativa na que o sábado pola mañá conversarán sobre os seus máis de 40 anos de traxectoria no sector tres referentes da artesanía galega: o cesteiro Antonio Suárez (Vigo), o zoqueiro Alfonso Ferro (Vila de Cruces) e o oleiro Aparicio Añón (Malpica de Bergantiños).

    Artesanía no prato
    Tamén se seguirá a afondar na relación entre gastronomía e artesanía, e neste sentido o deseñador Martín Azúa presentará o seu proxecto Food Line, como punto de partida para a elaboración dunha liña gourmet de produto artesán galego. Ademais, un ano máis, “Artesanía no prato” volve ter un espazo destacado na programación do Corazón da Artesanía. Nesta edición, os cociñeiros do grupo Nove Alberto G. Prelcic, do restaurante Silabario de Tui; Lucía Freitas, do establecemento A Tafona, en Santiago; Javier Rodríguez Ponte “Taky”, de Catering Boketé, na Coruña; e Hector López, do restaurante España, de Lugo, serán os encargados de showcookings nos que elaborarán menús degustación con produtos galegos de calidade, que se presentarán en pezas de Artesanía de Galicia. Moitos dos produtos que se empregarán nas eleboracións poderanse atopar á venda no propio Encontro, incluída a maridaxe, para a que se proporán algúns dos viños expostos e mesmo cervexas artesanais. Estas actividades, cuxo horario se pode consultar na web de Artesanía de Galicia, é gratuíta, precisan inscrición previa no teléfono 981573017, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou no enderezo correo@adaptaconsultores.com.

    O horario de apertura da feira é de 11:30 a 21:30 horas, aínda que as actividades se estenderán ata a noite grazas ás actuacións musicais de Guadi Galego, o venres ás 22 horas, e Odaiko e A Magnifique Bande dos Homes sen Medo, o sábado ás 21 horas, que lle permitirán aos visitantes continuar coa xornada lúdica. A sesión vermú Lodeiros amenizada polo grupo Os lobos do espacio, o domingo ás 13:00, a actuación da Banda Municipal de Música de Agolada o sábado ás 13:00 e o espectáculo do grupo de música e baile tradicional Brincadeira, o domingo ás 20:00, completan a programación musical.

    Porase á disposición dos visitantes unha zona de acampada gratuíta, así como un servizo de autobuses de balde que unirán Agolada con Lalín e, como novidade desta cuarta edición, con Melide. Os horarios poden consultarse na web de Artesanía de Galicia. Ademais, a organización da feira habilitará unha carpa próxima aos Pendellos onde se ofrecerá un servizo de comida para os visitantes, que poderán facer as súas reservas chamando ao teléfono 608757564.

    A organización deste encontro, forma parte da estratexia de impulso ao sector artesán que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, e enmárcase no Plan de Artesanía de Galicia, que ten por obxectivo conseguir un sector artesán forte e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

    Máis información
  • 26 Xuño, 2015
    Tres veteranos de referencia do sector artesán conversarán na Feira Corazón da Artesanía sobre a súa longa experiencia

    Santiago, 26 de xuño de 2015.- Tres veteranos de referencia do sector artesán galego conversarán na feira Corazón da Artesanía. IV Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia que se celebra en Agolada (Pontevedra) entre os días 3 e 5 de xullo dos máis de 40 anos de traxectoria nos seus oficios. O cesteiro Antonio Suárez, de Vigo, o zoqueiro Alfonso Ferro, de Vila de Cruces e o oleiro Aparicio Añón, de Malpica participarán o sábado pola mañá na iniciativa “Coas mans da experiencia”.

    Trátase dunha serie de conversas con expertos artesáns, cuxa longa traxectoria profesional vén marcada pola aprendizaxe no obradoiro familiar, que foron forxando a súa mestría ao longo de toda unha vida de traballo dedicada ao oficio e que hoxe en día están considerados figuras de referencia nas súas respectivas especialidades e mestres de moitos dos profesionais que se foron incorporando ao sector da artesanía.

    O cesteiro Antonio Suárez Dávila (Vigo) será o encargado de abrir estas conversas, a partir das 11:30 horas. Antonio vén dunha familia dedicada á cestería, aprendeu o oficio de neno e dedicou a súa vida á elaboración de cestos e á formación de profesionais e afeccionados. As coleccións de cestería tradicional de todas partes de Galicia que alberga o Centro de Artesanía Tradicional de Vigo e tamén o Museo do Mar, son froito do traballo de investigación e de recuperación levado a cabo por Antonio Suárez, referente inequívoco da cestería galega. Actualmente ten a súa tenda – taller na Rúa dos Cesteiros do casco antigo de Vigo e algunhas das súas pezas forman parte da colección de Artesanía de Galicia que se está a presentar nas feiras de decoración Tent London (Reino Unido) e Formex (Suecia).

    Ás 12:00 horas, o zoqueiro Alfonso Ferro, de Merza (Vila de Cruces) falará sobre a súa traxectoria no taller familiar de elaboración de zocos, exemplo claro da evolución dun oficio tradicional, e que este ano 2015 cumpre 100 anos en activo. Grazas á combinación da marroquinería coa elaboración dos zocos, este taller conseguiu non só manter vivo un oficio tradicional e convertelo no seu modo de vida, senón modificar o uso tradicional do zoco creado para cubrir unha necesidade básica e convertelo nunha peza adaptada ás tendencias actuais da moda, chegando mesmo a ver o seu labor recoñecido co Premio Artesanía Contemporánea Antón Fraguas no ano 2010.

    Aparicio Añón (Malpica de Bergantiños) falará a partir das 12:30 sobre o seu traballo nun dos catro centros de olería tradicional aínda activos hoxe en día en Galicia, Buño. Aparicio é na actualidade o oleiro de Buño máis antigo que se dedica a este oficio tradicional e o mestre de referencia para a maioría dos oleiros que comezan coa súa formación. No seu taller de olería combina as formas tradicionais con outras de novo deseño e ten participado en diferentes eventos de carácter internacional baixo a marca Artesanía de Galicia.

    As conversas estarán conducidas por Pablo Quintana, fundador de Canela Producións editorial etnográfica, e estudoso e divulgador polifacético da cultura popular de Galicia e da zona occidental de Asturias.

    O Corazón da Artesanía. IV Encontro de Artesanía Tradicional e Popular, que se celebra no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada do 3 ao 5 de xullo, é un evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas. No amplo programa de actividades, centrado na exposición e venda de produtos artesanais e alimentarios de calidade, inclúense tamén actuacións musicais, formación especializada para artesáns e outras actividades nas que poderá participar o público asistente como showcookings, exposicións ou obradoiros de artesanía abertos ao público.

    Máis información
  • 25 Xuño, 2015
    Feijóo salienta que o novo Plan de impulso ao comercio, dotado con 70 millóns de euros, permitirá completar a renovación do sector, impulsar o comercio electrónico e potenciar a excelencia como rasgo diferenciado do comercio galego

    Santiago, 25 de xuño de 2015.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello que o novo Plan de impulso ao comercio, dotado con 70 millóns de euros, permitirá completar a renovación do sector comercial, impulsar o comercio electrónico e potenciar a excelencia como rasgo diferenciado do comercio galego.

    Así, grazas este Plan, incrementarase nun 15 por cento a cifra de emprendedores que traballan no sector, ata chegar a máis de 60.000 no ano 2020, recuperándose así o número que había ao inicio da crise económica; triplicarase a porcentaxe de empresas de menos de dez empregados que vendan en Internet, alcanzando un 14 por cento dos pequenos comercios que sexan capaces de estar na rede; e incrementarase nun 10 por cento o número de comercios que se asocien para competir, chegando á cifra de 20.000.

    Medidas para impulsar o comercio en época de transición
    Como lembrou Feijóo, a Xunta leva impulsado distintas medidas de apoio ao comercio. Así, no que vai de ano, lévanse destinados xa 10 millóns de euros a programas centrados en aspectos como a innovación, o relevo xeracional no comercio ou o impulso ás prazas de abastos.

    Segundo o titular da Xunta, “somos conscientes de que todas estas medidas deben de incardinarse nunha planificación actualizada que nos permita acompañar o sector na transición”. Así, como engadiu Feijóo, agora pásase “do plan que estivo vixente na pasada lexislatura pensado para un tempo de crise a un plan pensando para un tempo de recuperación, que é o que se está abrindo na economía galega”.

    O mandatario galego fixo fincapé en que o Plan está traballado co sector e está “elaborado con medidas claras que totalizan 55 accións específicas”. Segundo asegurou, “o sector e a Administración fixemos un plan realista”.

    Os tres grandes retos do Plan de impulso ao comercio
    Como indicou Feijóo, o primeiro reto do Plan de impulso ao comercio é a renovación do sector. Para conseguilo, o titular da Xunta anunciou que se tomarán medidas específicas que buscarán incrementar a competitividade do comercio coa posta en marcha de accións de formación para difundir boas prácticas; a posta en marcha dun programa de axudas para a mellora das infraestruturas comerciais, con especial atención aos centros históricos, ás vilas e ás cidades galegas; a activación de apoios para a apertura de novos establecementos en concellos de zonas rurais de menos de 5.000 habitantes e tamén a creación de mapas con rutas de comercio vinculadas aos atractivos turísticos de Galicia.

    Do mesmo xeito, crearanse canles de distribución entre produtores e empresas de distribución para a eliminación de custos intermedios que redunden nun prezo final máis axeitado e que supoñen un incremento da competitividade. Para iso, a Xunta vai impulsar proxectos piloto de bolsas de produtos locais de determinadas zonas.

    No relativo ao obxectivo darlle pulo ao comercio electrónico, o Goberno galego vai dirixir a maior parte dos recursos do Plan, o 40 por cento, á potenciación dun novo modelo de comercio co fin de impulsar novas fórmulas de comercialización dos produtos así como a mellora do deseño e a presentación dos mesmos. Para logralo, poñeranse en marcha unha bolsa de ideas de comercialización de produto co obxectivo de convertelas en iniciativas viables, crearase un programa piloto de innovación en formatos comerciais no eido das novas tecnoloxías e apoiarase o desenvolvemento de plataformas tecnolóxicas para impulsar o comercio electrónico, así como axudas para modernizar a imaxe dos establecementos comerciais, os centros comerciais abertos e as prazas de abastos.

    Así mesmo, tamén se impulsará nas prazas de abastos a creación de espazos comerciais multifuncionais nos que teñan lugar actividades complementarias como demostracións culinarias, catas ou cursos de cociña. Ademais, entre as accións que se desenvolverán de forma máis inmediata está a activación de axudas para o desenvolvemento de aplicacións e de webs móbiles para os comercios.

    En terceiro lugar, co fin de potenciar un comercio máis excelente a Xunta activará axudas para campañas de dinamización comercial e potenciará sistemas de fidelización de colectivos específicos; poñerá en marcha actuacións encamiñadas a potenciar un comercio sostible, implicado coa eficiencia enerxética e coa preservación do medio ambiente; potenciará a creación de ludotecas, de espazos infantís e salas de lactación nos máis de 50 centros comerciais abertos en Galicia; creará grupos de comercio de consumo responsable nas sete cidades galegas e tamén apoiará modelos comerciais que fomenten a redución do uso de envases e de bolsas así como a utilización de elementos biodegradables.

    En definitiva, “tratamos xunto co sector de facer un acordo realista para os próximos anos, que reafirma o compromiso co comercio de proximidade como un dos sectores clave da economía da comunidade e tamén moi especialmente do comercio de proximidade nas zonas rurais, nos concellos de menos 5.000 habitantes”. Así mesmo, búscase reforzar a creación da riqueza e emprego en Galicia “como demostran os tres obxectivos que nos marcamos xuntos comerciantes e Xunta”.

    Máis información
  • 24 Xuño, 2015
    Conde salienta que a aposta da empresa do téxtil D-Due pola calidade e o deseño é clave para o seu crecemento no mercado internacional

    Rianxo (A Coruña), 24 de xuño de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na súa visita ás instalacións de D-Due en Rianxo xunto co presidente da compañía xaponesa HP France, Takanao Muramatsu, e na que tamén participou a creadora e deseñadora Charo Froján, a aposta desta empresa galega do sector téxtil pola calidade e o deseño como clave para o seu crecemento no mercado internacional.

    Tal e como destacou o conselleiro, a colaboración de D-Due con HP France, que se espera reforzar con esta visita, ten permitido á compañía rianxeira xurdida dun pequeno taller familiar incrementar nun 30% as súas vendas ao exterior. Neste sentido, Froján resaltou que D-Due, cuxas prendas se caracterizan pola súa confección artesanal, leva cinco anos traballando xunto a HP France, polo que a visita do seu presidente supón para eles unha gran oportunidade para fortalecer a súa presenza no mercado xaponés, así como para xerar grandes expectativas no mercado estadounidense.

    HP France conta con 90 tendas en Xapón dedicadas á decoración, a moda e o arte, e tamén distribúe os seus produtos en Francia e Estados Unidos, polo que se converte nun socio de primeira magnitude para D-Due. Esta exporta arredor do 70% da súa produción a mercados asiáticos. “Isto é unha clara visión de como para medrar, a internacionalización é unha oportunidade, e D-Due o está a facer sobre os requisitos claros do deseño, da calidade e da exclusividade dos seus produtos”, incidiu Conde.

    Características distintivas de D-Due que tamén foron postas resaltadas polo presidente de HP France, quen neste contexto puxo en valor as potencialidades da marca Galicia e o seu desexo de impulsala.

    O conselleiro apuntou que se espera que a visita de Takanao Muramatsu a Galicia permita que a vía de cooperación aberta con D-Due se poida extender a outras empresas galegas, e neste sentido, sinalou que no showroom da compañía de Rianxo se ten instalado un pop up con pezas de Artesanía de Galicia.

    Conde sinalou que a alianza entre HP France e D-Due é un exemplo das oportunidades que a internacionalización ofrece ás pequenas e medianas empresas galegas, nas cales pon o foco a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega. Esta folla de ruta ten entre os seus obxectivos alcanzar as 8.000 empresas exportadoras en 2020, facendo das exportacións un motor de emprego e crecemento empresarial. “Imos a seguir traballando nesta dirección, a da calidade dos nosos produtos e a de achegar a Galicia novos mercados”, subliñou Conde.

    Máis información
  • 23 Xuño, 2015
    A Xunta presenta ao sector turístico as vantaxes e requisitos para contar co selo de garantía Galicia Calidade

    Santiago, 23 de xuño de 2015.- A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, Turismo de Galicia e o Clúster do Turismo organizaron hoxe unha xornada para explicar aos asociados as vantaxes e requisitos para contar co selo de garantía. O acordo asinado entre estas entidades busca incorporar antes de que remate o ano 2015 dez novos establecementos. A concesión do selo Galicia Calidade responderá a valores arquitectónicos, medioambientais, paisaxísticos, culturais e gastronómicos galegos, esixindo a presenza de produtos de orixe galega nos establecementos recoñecidos.

    Deste xeito, as mellores empresas turísticas galegas poderán aproveitar o impulso dunha marca, a de Galicia Calidade, recoñecida non só en toda España senón tamén no eido internacional, grazas á presenza global dos mellores produtos galegos. Galicia aproveitará a asociación que os consumidores fan hoxe entre produto galego e calidade, para trasladar esa mesma percepción ao ámbito turístico e potenciar a capacidade para atraer visitantes.

    Entre os obxectivos perseguidos polo acordo asinado están o de pór en valor as características específicas do turismo galego respecto a outros valores estándar que xa están comprendidos nas normas sectoriais como a Q de Calidade Turística; mellorar a imaxe do turismo de Galicia a través do compromiso e cumprimento dos requisitos específicos que nos diferencian ou mellorar a imaxe e promover os produtos galegos, favorecendo sinerxías entre o sector turístico e o sector produtivo e agroalimentario galego.

    Na presentación da xornada, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro destacou que as múltiples posibilidades que ten o turista á hora de elixir un destino fan que o sector turístico actual sexa moi competitivo e a calidade se converta xa nunha necesidade para permanecer neste complexo mercado. “Apostar pola calidade implica diferenciación e valor engadido e sitúa ao destino que se identifica como tal nunha posición de maior privilexio”, afirmou.

    Neste senso, Nava Castro sinalou que o esforzo desde Turismo de Galicia é diario e insistente para dotar o destino da calidade que se merece.

    A responsable de Turismo da Xunta resaltou que Galicia conta con 268 empresas certificadas coa Q de Calidade Turística, 131 areais galegos atesouran o distintivo de Bandeira Azul, 37 Soles Repsol iluminan 26 restaurantes galegos e a gastronomía galega acadou neste ano 12 Estrelas Michelin. “Todos estes distintivos testifican a calidade que está a acadar o sector turístico galego pero temos que continuar traballando conxuntamente procurando a exixencia constante, a mellora continua e a innovación como elemento indispensable para ser competitivos”, concluíu Nava Castro.

    Pola súa parte, o presidente do Clúster de Turismo, Francisco González, sinalou que “coa firma do convenio demos o primeiro paso e hoxe podemos anunciar que o sector turístico conta xa cun marco de xeral cumprimento para poder integrarse dentro de Galicia Calidade". Así mesmo, o presidente do CTG destacou a importancia de apostar pola calidade como elemento diferenciador do turismo en Galicia, e especialmente por contar cun instrumento como Galicia Calidade, "cuxa traxectoria e imaxe asociada á calidade dos produtos galegos é un elemento que ofrece ao noso sector turístico un valor engadido na nosa busca da excelencia e a diferenciación", afirmou"

    Requisitos de certificación
    Tal e como explicou a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, para poder contar co selo de garantía os establecementos terán que contar con máis de dous anos de actividade, estar inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas e contar con licenza de actividade. Ademais deberán contar cun sistema de xestión da calidade: “Q” ou ISO 9001 + Compromiso de Calidade Turística SICTED.

    No encontro, no que tamén participou o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, sinalouse que no apartado dos produtos, os licenciatarios deberán dispor dunha oferta gastronómica con proporción significativa de pratos galegos con referencia e inclusión de materias primas galegas de orixe certificado: denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. Ademais haberá unha notable presenza de vinos das D.O. galegas así como augardentes e licores amparados polas IXP galegas correspondentes.

    Por último, os establecementos que queiran contar co distintivo de calidade deberán contar ademais cunhas características específicas dadas pola situación, paisaxe, espazo natural, antigüidade ou singularidade da edificación, ou outras características que lle confiran un valor engadido e diferencial do turismo estándar.

    Máis información
  • 23 Xuño, 2015
    A feira Corazón da Artesanía de Agolada amplía este ano a súa oferta con máis obradoiros de artesanía e postos de alimentación

    Agolada (Pontevedra), 23 de xuño de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, realizaron esta mañá unha visita de traballo xunto co alcalde de Agolada, Ramiro Varela, ao conxunto histórico-artístico dos Pendellos, onde se vai celebrar do 3 ao 5 de xullo o IV Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, Corazón da Artesanía, organizado pola Consellería de Economía e Industria.

    No percorrido polos Pendellos adiantaron que nesta cuarta edición a feira contará con 8 novos pendellos que foron restaurados nos últimos meses, o que permite ampliar a feira tanto en número de obradoiros artesáns e en postos de produtos alimentarios como coa incorporación doutras actividades como charlas monográficas sobre oficios e talleres participativos para público infantil e adulto. En total participarán 35 artesáns de oficios como cestería, instrumentos musicais, ourivería e xoiería, olería e cerámica, téxtil, elaboración de zocos e figuras de pan, cantería, montaxe de moscas para a pesca, marroquinería, follalatería, talla en madeira, zapatería, cerería, elaboración de redes, colareiras e tornería de madeira.

    O Corazón de Artesanía, no que un ano máis tradición e vangarda irán da man, incrementa considerablemente o número de empresas de alimentación que ofrecerán exposición e venda dos seus produtos, que chegan a 46 nesta cuarta edición. Entre as novidades atópanse produtos como xeados artesanais, cafés tostados en Galicia, carnes de razas autóctonas, queixos, conservas, embutidos e un proxecto de comercialización e divulgación da pesca artesanal responsable e sostible.

    Como xa ocorrera o ano pasado, porase á disposición dos visitantes unha zona de acampada gratuíta, así como un servizo de autobuses de balde que unirán Agolada con Lalín e, como novidade desta cuarta edición, con Melide. Os autobuses sairán o sábado e o domingo da Praza da Marina de Lalín ás 12:00, ás 17:00 e ás 20:00, cara a Agolada (Avda. do Concello, 69), e volverán ás 16:45,19:30 e 00:30 horas. O venres os horarios serán ás 17:00 e as 20:00 de Lalín e ás 19:30 e ás 00:30 dende Agolada. Dende Melide, os autobuses sairán do cruce coa Estrada de Agolada ás 13:00 e ás 18:00 e volverán dende Agolada ás 18:45 e ás 23:45, agás o domingo que o último autobús será ás 21:30 horas. O venres o servizo sairá ás 18:00 de Melide e volverá ás 23:45 horas.

    A organización da feira habitará unha carpa próxima aos Pendellos onde se ofrecerá un servizo de comida para os visitantes, que poderán facer as súas reservas chamando ao teléfono 608757564.

    Artesanía no prato
    Tal e como sinalou a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, un ano máis desenvolverase a iniciativa “Artesanía no prato”, coa que se pretende achegar a artesanía ás novas propostas da cociña galega. Os cociñeiros do grupo Nove Alberto G. Prelcic, do restaurante Silabario (Tui), Lucía Freitas, do establecemento A Tafona (Santiago de Compostela), Javier Rodríguez Ponte “Taky”, xefe de cociña de Catering Boketé (A Coruña), e Hector López, do restaurante España, de Lugo, serán os chefs encargados de menús degustación con produtos galegos de calidade, que se presentarán en pezas da marca Artesanía de Galicia. A partir destes showcookings, as pezas de artesanía incorpóranse aos menús como unha nova maridaxe, imprimíndolle un valor engadido á propia gastronomía.

    “Artesanía no prato” é o punto de partida dun proxecto máis amplo de colaboración entre artesanía, deseño e gastronomía, no que xa se está a traballar e que se enmarca no propio Plan de Artesanía de Galicia impulsado pola Xunta, que conta entre os seus obxectivos co impulso á innovación e á colaboración entre sectores para potenciar o talento e mellorar a competitividade.

    Os menús degustación realizaranse con produtos galegos de calidade, moitos dos cales se poderán atopar á venda no propio Encontro, incluída a maridaxe, para a que se proporán algúns dos viños expostos e mesmo cervexas artesanais. Os cociñeiros empregarán para as presentacións dos seus menús pezas de cerámica dos obradoiros Cerámica Regal (Vivieiro), Cerámica Suve (Cangas), Cerámica Unzueta (Brión), Nacho Porto (Carnota) e Víctor Ares (A Coruña); pratos de madeira deseñados e producidos por Atalanta (A Estrada), táboas de madeira de oliveira elaboradas polo obradoiro Armaior (Quiroga) e téxtil de Concha Canoura (Culleredo).

    O primeira showcooking terá lugar o venres ás 20:00 horas, a cargo de Lucía Freitas, de A Tafona. Casa de Xantar (Santiago de Compostela). O sábado será a quenda de Héctor López, do restaurante España (Lugo), e que ofrecerá pases ás 13:30 e ás 15:00 horas; así como de Alberto G. Prelcic, do restaurante Silabario (Tui), gañador dunha estrela Michelín, que ofrecerá unha demostración ás 20:30 horas. O cociñeiro Javier Rodríguez Ponte – TAKY, xefe de cociña de Catering Boketé (A Coruña), será o encargado das demostracións do domingo, que terán lugar en dous pases ás 13:30 e ás 15:00 horas. A inscrición para estas actividades é gratuíta, e é precisa inscrición previa no teléfono 981573017, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou no enderezo correo@adaptaconsultores.com. As prazas asignaranse por orde de recepción das reservas.

    A cuarta edición do Corazón da Artesanía é un evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas. O amplo programa de actividades da feira inclúe tamén cursos de formación especializada para artesáns en materias como a fotografía aplicada á artesanía, a sombreirería con novos materiais ou o deseño de obxectos, inclúe talleres participativos de cerámica, cestería e centón, así como actividades específicas para achegar o público infantil á artesanía, que estarán centrados no traballo co papel, a elaboración de instrumentos musicais, a reciclaxe ou gastronomía, e que se desenvolverán ao longo dos tres días que dura a feira. Ademais, conta cunha variada programación musical que complementará o encontro e na que destacan as actuacións de Guadi Galego o venres e Odaiko e A Magnifique Bande dos Homes sen Medo o sábado, ao rematar a feira; así coma o espectáculo de Os lobos do espacio, o domingo na sesión vermú, a actuación da Banda Municipal de Agolada o sábado e a do grupo de música e baile tradicional Brincadeira, que pechará a feira na tarde do domingo.

    Máis información
  • 22 Xuño, 2015
    Os máis pequenos poderán iniciarse nos oficios artesanais na feira "Corazón da Artesanía" en Agolada

    Santiago, 22 de xuño de 2015.- O Corazón da Artesanía. IV Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia que se celebrará no concello pontevedrés de Agolada entre os días 3 e 5 de xullo, impulsado pola Consellería de Economía e Industria, contará entre o seu amplo programa de actividades cunha programación específica destinada ao público infantil. Así, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño organízanse talleres para iniciar os máis pequenos en diferentes oficios artesanais que estarán centrados no traballo co papel, a elaboración de instrumentos musicais, a reciclaxe ou gastronomía.

    Por unha banda, a artesá Palmira Castro, do obradoiro Mimadriña (Fisterra), impartirá o taller “Elaboración de guirnalda decorativa”, a partir de barquiñas e peixes de origami, cosidas cunha máquina Singer centenaria. O taller realizarase durante os tres días da feira en horario de 11:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.

    Ademais, o luthier Xaneco Tubío (Outeiro de Rei) encargarase da actividade “Elaboración de xoguetes sonoros”, que se realizará o venres, o sábado e o domingo de 11:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. Este obradoiro ten o obxectivo de ensinarlle ao público infantil do século XXI unha serie de xoguetes sonoros que os nenos galegos elaboraban ata mediados do século XX aproveitando os elementos que a natureza lles proporcionaba.

    As tardes do venres, do sábado e do domingo, de 17:00 a 19:00 horas, a Praza do Concello estará dedicada ao taller “Substitúe o lixo por vida” impartido pola cooperativa O Canto da Balea (Carnota). A actividade consiste en clasificar o lixo presente nas nosas costas, mediante o xogo, e substituílo por unha especie mariña. O xogo complementarase co obradoiro Artelixo, no que os máis pequenos poderán transformar este lixo en obxectos decorativos.

    O domingo de 17:30 a 19:30, os nenos e nenas de entre 6 e 12 que se acheguen ata o pendello O Paladar poderán participar na actividade “Artesanía no Prato”, na que aprenderán a elaborar pratos fríos e posteriormente presentalos con pezas de artesanía como soporte. Para esta actividade é necesaria a inscrición previa na páxina artesaniadegalicia.xunta.es.

    A cuarta edición do Corazón da Artesanía, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, que se celebrará no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada, é un evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas. No amplo programa de actividades, centrado na exposición e venda de produtos artesanais e alimentarios de calidade, inclúense tamén actuacións musicais, formación especializada para artesáns e outras actividades nas que poderá participar o público asistente como showcookings, coloquios con artesáns expertos ou obradoiros de artesanía abertos ao público.

    Estes talleres gratuítos de iniciación ao oficios artesanais estarán abertos á participación de público tanto adulto como infantil e desenvolveranse ao longo dos tres días da feira en horario de mañá e de tarde. Os ceramistas Susana González Amado e Antón Román impartirán “Iniciación ao torno cerámico”, no Pendello Cerámica, a cesteira Lola Tourón encargarase do taller “Iniciación á cestería”, no Pendello Cestería, e as artesás téxtiles Aurelia Costas e María del Mar Fernández traballarán cos visitantes no Pendello Centón na elaboración dunha peza conxunta no marco do taller “Iniciación ao centón”.

    A organización destas actividades de divulgación e posta en valor da artesanía forma parte da estratexia da Consellería de Economía e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do Plan de Artesanía de Galicia.

    Máis información
  • 17 Xuño, 2015
    O proxecto 'Enredando, artesanía na escola' remata o curso escolar esta semana na Mariña

    Foz (Lugo), 16 de xuño de 2015.- O proxecto Enredando, artesanía na escola, impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, pecha o curso escolar 2014/2015 en dous centros de ensino da Mariña de Lugo, en Ribadeo e Foz, co obxectivo de achegar aos máis novos os oficios artesanais, contribuíndo así á promoción e posta en valor do sector artesán galego.

    Esta iniciativa, posta en marcha hai cinco anos e na que xa participaron máis de 15.000 alumnos de toda Galicia, céntrase nesta fase final do proxecto O Gremio da seda, na extracción da seda resultante dos vermes criados polos propios rapaces e rapazas que participaron na primeira fase da unidade didáctica.

    A actividade, na que os alumnos xa traballaron o pasado curso, remata esta semana coas visitas aos centros educativos CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo, realizada onte luns, e CEIP nº 1 de Foz, esta mesma mañá. Con estes centros súmanse un total de 14 colexios de infantil e primaria de toda Galicia que participaron durante este curso no proxecto Enredando, Artesanía na escola.

    Os principais obxectivos deste proxecto, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, son concienciar a sociedade do valor do produto feito á man así como presentarlle aos rapaces e rapazas que a artesanía pode ser tamén unha boa alternativa para o seu futuro laboral; impulsar o relevo xeracional nos oficios máis tradicionais promovendo o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores; e amosar á sociedade o valor engadido da artesanía en canto á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.

    Contribúese así á posta en valor do sector artesán, unha das liñas de acción do Plan de Artesanía de Galicia, co obxectivo de conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

    Máis información
  • 15 Xuño, 2015
    “As compras na túa vila teñen premio” dinamizará as vendas do comercio compostelán premiando a confianza dos seus clientes

    Santiago, 15 de xuño de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe na presentación en Santiago da iniciativa de dinamización comercial As compras na túa vila teñen premio, unha campaña posta en marcha pola Federación Galega de Comercio e a Federación de Comercio da Coruña en colaboración coa Consellería de Economía e Industria que ten por obxectivo poñer en valor o comercio de proximidade e impulsar as vendas premiando a confianza dos clientes, sorteando entre os participantes tarxetas de compra por un total de 4.000 euros.

    Nos días de duración da campaña, que se desenvolverá ata o 26 de xuño, deberán presentar os seus tíckets de compra na carpa situada na praza Roxa ou aos promotores que se atoparán polas rúas da cidade, que lles entregarán boletos de participación para o sorteo final que terá lugar o venres, 26 de xuño, dentro do programa dunha festa de peche que contará coa actuación do mago Rei Midas.

    Neste acto, que se celebrará ese día ás 20 horas, sortearanse 5 tarxetas regalo de 300 euros e outras 25 por valor de 100 euros, e os posuidores dos boletos deberán estar presentes para converterse en gañadores.

    O apoio ao desenvolvemento da campaña As compras na túa vila teñen premio enmárcase na estratexia da Xunta de impulso á competitividade do sector, na que o respaldo ao asociacionismo comercial é un eixo estratéxico.

    Máis información
  • 15 Xuño, 2015
    Guadi Galego e Odaiko encabezan a programación musical da feira Corazón da Artesanía en Agolada

    Santiago, 15 de xuño de 2015.- Os visitantes que se acheguen do 3 ao 5 de xullo ata o Corazón da Artesanía. IV Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, en Agolada (Pontevedra), poderán disfrutar dunha ampla programación musical pensada para todos os gustos que terán lugar na Praza do Concello. Os concertos principais de Guadi Galego o venres e do grupo de percusión Odaiko o sábado, que se celebrarán ao remate da feira, complementaranse con outras actividades musicais que se suman á grande variedade de eventos pensados para os visitantes.

    A cuarta edición do Corazón da Artesanía, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, que se celebra no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada, é un evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas. No amplo programa de actividades inclúense, ademais das actuacións musicais, exposición e venda de produtos artesanais e alimentarios de calidade, formación especializada para artesáns, actividades para nenos e outras actividades nas que poderá participar o público asistente como showcookings, coloquios con artesáns expertos ou obradoiros de artesanía abertos ao público.

    O novo traballo de Guadi Galego, Lúas de outubro e agosto, abrirá as actuacións musicais do IV Corazón da Artesanía, o venres ás 22:00 horas, na Praza do Concello. A cantante e compositora presenta o seu segundo disco en solitario, un conxunto de cancións nas que as emocións e os sentimentos son os protagonistas. Guadi Galego conta cunha intensa traxectoria musical que inclúe a súa participación en proxectos como Berrogüeto, Nordestinas, Espido ou aCadaCanto, e dous discos en solitario: Benzón (2009) e este Lúas de outubro e agosto, de finais de 2014.

    O sábado as 13:00 será a quenda da Banda Municipal de Agolada e a partir das 21:00 comezarán as actuacións do grupo de percusión Odaiko e da Magnifique bande dos homes sen medo. A proposta artística de Odaiko céntrase na exploración da música tradicional multiétnica, na variante da percusión, unha faceta pouco habitual pola complexidade técnico-musical. Nos seus espectáculos pódense atopar instrumentos de orixe oriental, africana, latinoamericana, galega e instrumentos de creación posterior.

    Pola súa parte, A magnifique bande dos homes sen medo, está composta por dez músicos cuxos instrumentos son a tuba, o fagot, o bombo, a caixa, o órgano, a guitarra eléctrica, a trompeta, o trombón, o saxo alto e o saxo tenor. Esta banda resultou gañadora dos I Premios Galegos da Música 2013, na categoría de grupos e orquestras de verbena.

    O domingo a partir das 13:00 horas terá lugar a Sesión Vermut Lodeiros a cargo da empresa compostelá Bodegas Lodeiros, e durante a que ofrecerá o seu concerto Os lobos do espacio, unha banda que reproduce o estilo das murgas e das charangas populares en Galicia dende o século XIX pero cunha estética musical totalmente vangardista e totalmente permeable ás correntes culturais do século XXI.

    O encargado de pechar as actuacións musicais do Corazón da Artesanía será o grupo de baile e música tradicionais Brincadeira, de Santiago de Compostela, co espectáculo Brincadeira de rúa. Nesta actuación, o grupo recrea unha pequena romaría popular na que se combina a actuación musical dos gaiteiros e das pandeireteiras con algunhas pequenas mostras de baile e, sobre todo, diversas actividades de animación para promover a participación activa do público, entre as que se incluirán bailes agarrados, xogos infantís, obradoiros de muiñeira e aturuxo ou cancións participativas.

    A organización destas actividades de divulgación da artesanía e da súa colaboración con outras áreas de traballo forma parte da estratexia da Consellería de Economía e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do Plan de Artesanía de Galicia.

    Máis información
  • 11 Xuño, 2015
    Representantes da Embaixada de EEUU visitan na Pobra a empresa Luís Escurís Batalla como mostra da calidade do sector conserveiro galego

     Pobra do Caramiñal (A Coruña), 11 xuño do 2015.- A agregada de Agricultura da Embaixada dos Estados Unidos en España, Rachel Bickford, visitou esta tarde a empresa da Pobra do Caramiñal Luis Escurís Batalla, co obxectivo de coñecer de primeira man os seus métodos de produción como mostra da calidade e das potencialidades do sector conserveiro galego.

    Esta visita enmárcanse dentro da viaxe a Galicia da representante de Estados Unidos impulsada pola Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, para abrir novas oportunidades de negocio para as empresas agroalimentarias galegas, dentro da cal se están a celebrar diferentes encontros e visitas a empresas punteiras do sector.

    Luís Escurís Batalla, dedicada á produción de conservas de alta calidade, acadou no ano 2014 unha facturación de 5,5 millóns de euros e conta cun equipo de 78 empregados. Os seus produtos están amparados polo selo de garantía Galicia Calidade, que conta na actualidade con 52 empresas e máis de 250 produtos certificados, nos que o sector agroalimentario supón máis do 80%.

    Máis información
  • 10 Xuño, 2015
    Galicia Calidade impulsa novas oportunidades de negocio con Estados Unidos para o sector agroalimentario galego

    Santiago, 10 de xuño de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, participaron hoxe nun encontro de empresas que contan con este selo de garantía coa agregada de Agricultura da embaixada de Estados Unidos en España, Rachel Bickford, organizado pola sociedade dependente da Consellería de Economía e Industria co obxectivo de impulsar a busca de novas oportunidades de negocio para as compañías galegas neste país.

    Na xornada técnica celebrada en Santiago, que contou cunha vintena de empresas e organismos dos sectores lácteo, conserveiro, pesqueiro ou vinícola, entre outros, Bickford informou sobre as condicións do primeiro mercado do mundo para introducir produtos agroalimentarios doutros países. As exportacións das empresas de Galicia a Estados Unidos sumaron en 2014 un total de 567 millóns de euros, un 28% máis que o ano anterior, o que confirma o interese das empresas galegas por entrar neste mercado, ao que exportaron 776 compañías da comunidade.

    O sector agroalimentario é un dos que máis está a apostar por incrementar as relacións comerciais con Estados Unidos, e nestes momentos varias empresas galegas deste sector están a colaborar en dous proxectos do programa Primex, promovido polo Igape, para a súa implantación comercial no país.

    Un total de 42 empresas do sector agroalimentario galego contan co selo de Galicia Calidade, varias das cales participaron no encontro desta mañá, como Estrella Galicia, Ingapán, Coren, Luís Escurís Batalla, Adega dos Eidos, Adegas Valdés, Vilarvín, Granjas Campomayor, Bodegas Ruchel, Gargalo, Grupo HGA, Lácteos Anzuxao, Kiwi Atlántico, ou A Pementeira, entre outras, así como varias denominacións de orixe coma a de Valdeorras ou San Simón da Costa.

    Trala xornada técnica, a agregada de Agricultura de Estados Unidos ten previsto visitar entre hoxe e mañá varias empresas amparadas por Galicia Calidade, e mañá está previsto un encontro coa conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana.

    Máis información
  • 05 Xuño, 2015
    A Xunta abre a inscrición dos cursos especializados para profesionais que se desenvolverán na Feira Corazón da artesanía de Agolada

    Santiago, 5 de xuño de 2015.- A Consellería de Economía e Industria vén de abrir a inscrición para os cursos especializados para profesionais que se desenvolverán no IV Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia Corazón da Artesanía, que se celebrará do 3 ao 5 de xullo nos Pendellos da localidade pontevedresa de Agolada. A sombreirería, a fotografía e o deseño son as áreas nas que se centran estas actividades nas que poderán participar os artesáns e deseñadores que se inscriban na páxina web artesaniadegalicia.xunta.es.

    Nesta nova edición do encontro Corazón da Artesanía a oferta formativa será un dos atractivos que complementará as demostracións de oficios artesanais, as actividades para nenos e nenas, as actuacións de música e baile, as conferencias e as exposicións que formarán parte do programa que está a ultimar a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño.

    Os interesados poderán optar por participar en workshops como A asa. Análise, práctica e deseño que será impartido, os días 3 e 4 de xullo, polo recoñecido deseñador internacional de orixe libanesa e afincado en Madrid Assaad Awad, que ten colaborado con Thierry Mugler, Mario Testino, Lady Gaga ou Madonna.

    Do 4 ao 5 de xullo, celébrase o workshop Fotografía aplicada á artesanía impartido polo fotógrafo alemán afincado en Lugo Peter Schneider. A finalidade deste curso é que os participantes poidan realizar fotografías de calidade das súas pezas para as súas publicacións en web, redes sociais ou páxinas de venda on line.

    A artesá pontevedresa Viviana Araújo impartirá o obradoiro Oficios de moda. Sombreirería con novos materiais. Neste obradoiro, que se celebrará do 3 ao 5 de xullo, os asistentes poderán coñecer da man da experta artesá pontevedresa as novas correntes na introdución de materiais non habituais para a elaboración e confección de complementos de moda, especialmente na sombreirería.

    Outras accións formativas que terán lugar neste encontro son o obradoiro Fotografía para dispositivos móbiles. Artesanía no prato que impartirá, o 4 de xullo, o comunicador audiovisual santiagués David Cabezón. Tratarase de desenvolver un obradoiro de fotografía gastronómica na que se traballará con composicións e estilismos que combinen as elaboracións gastronómicas e as pezas de Artesanía de Galicia.

    Tras tres anos de celebración do evento Corazón da Artesanía, Agolada consolídase como un espazo de diálogo entre artesanía, deseño, arquitectura e moda; de reflexión sobre o proceso creativo e de novas propostas sobre a interacción da artesanía no desenvolvemento do rural, grazas ás actividades promovidas pola Consellería de Economía e Industria.

    A organización destas actividades de impulso á formación e á colaboración entre artesanía e outras áreas de traballo forma parte da estratexia da Consellería de Economía e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do Plan de Artesanía de Galicia.

    Máis información
  • 31 Maio, 2015
    A Xunta impulsa con 800.000 euros iniciativas de dinamización do comercio galego en colaboración coas federacións do sector

    Santiago, 31 de maio de 2015.- A Consellería de Economía e Industria, dentro da súa estratexia de impulso ao asociacionismo comercial como unha das claves para mellorar a competitividade do comercio de proximidade galego, destina 800.000 euros a unha nova convocatoria de apoios para impulsar a posta en marcha de novas actividades de dinamización do sector en colaboración coas federacións de comerciantes e asociacións de ámbito superior ao municipal.

    Mediante este programa, que se publicará o vindeiro martes no DOG e cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto durante un mes, concederanse tíckets de dinamización que os beneficiarios empregarán no desenvolvemento de actuacións de impulso da demanda comercial, así como iniciativas encamiñadas á promoción das vendas, e aquelas relacionadas co incremento da actividade comercial, alcanzando a axuda ata o 70% dos investimentos a realizar.

    Os apoios, dos que o ano pasado se beneficiaron máis dunha vintena de federacións e asociacións de comerciantes de ámbito supramunicipal, poden chegar ata os 70.000 euros no caso das federacións que conten con 20 ou máis asociacións federadas. Para as federacións que non alcancen este número de membros, a contía dos tíckets de dinamización poderá chegar ata os 48.000 euros. No caso das asociacións de ámbito superior ao municipal, o apoio será dun máximo de 13.000 euros.

    Dentro da estratexia de impulso ao asociacionismo comercial da Consellería de Economía e Industria, activouse tamén a a liña de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e as asociacións das prazas de abastos, dotada con 2,2 millóns de euros e que se atopa en fase de resolución.

    No que levamos de ano, lévanse destinado preto de 8,5 millóns a programas específicos de apoio ao sector comercial, centrados en eidos como a innovación e a modernización, o relevo comercial, ou a potenciación das prazas de abastos.

    Máis información
  • 30 Maio, 2015
    Máis de 50 prazas de abastos galegas festexan hoxe o Día do Mercado poñendo en valor o seu papel na economía e na sociedade

    Vilanova de Arousa (Pontevedra), 30 de maio de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe a praza de abastos de Vilanova de Arousa (Pontevedra), con motivo da celebración do Día do Mercado, que se festexa hoxe en máis de 50 prazas de abastos de toda Galicia con diferentes actividades para poñer en valor o seu papel na economía, na cultura e na sociedade.

    Con esta celebración remata en Galicia a campaña internacional Quere o teu mercado. A Consellería de Economía e Industria impulsou desde o pasado 15 de maio a celebración por primeira vez na comunidade desta iniciativa apoiando diversas iniciativas de dinamización, en colaboración cos concellos, as federacións e asociacións de praceiros e a Federación Galega de comercio. Tal e como explicou Vázquez Abeal, o obxectivo da campaña é visualizar e promocionar as prazas como pezas clave do comercio de proximidade, así como poñer en valor a calidade e a profesionalidade das prazas galegas.

    Quere o teu mercado (Love Your Local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano contou coa participación de mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong e Estados Unidos.

    A iniciativa preséntase como unha divertida oportunidade para que xente de todas as idades e condicións celebren a cultura do mercado local, resaltando o papel que xogan as prazas na compra de produtos frescos e de calidade, na cultura, e a tradición, á vez que se incentiva a creación de novos negocios nos mercados.

    O apoio ás prazas de abastos é un dos eixos da estratexia específica de impulso ao sector comercial da Xunta, que traballa co obxectivo de consolidalas como líderes na venda de produtos frescos e de calidade e impulsar a súa excelencia con novos e mellores servizos para os consumidores.

    Máis información
  • 29 Maio, 2015
    Artesanía de Galicia impulsa a especialización dos profesionais galegos con novos cursos de formación en Santiago e Gondomar

    Santiago, 29 de maio de 2015.- A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, aposta pola oferta formativa para o sector artesán galego coa posta en marcha de dous novos cursos de formación especializada que se celebrarán en Santiago de Compostela e Gondomar (Pontevedra).

    A primeira das actividades terá lugar mañá sábado coa celebración, na Fundación Eugenio Granell de Santiago de Compostela, do curso “A experiencia tecida”, impartido pola deseñadora Sara Coleman e o creador téxtil José Bravo. A experiencia deste obradoiro diríxese a xerar unha nova visión en torno ao téxtil, rompendo co tradicional e ofrecendo un enfoque que continúa co movemento Fiber Art, sinalando ao téxtil como material artístico que abre un novo campo para a creación.

    Na localidade pontevedresa de Gondomar, as artesás Paula Suárez e María del Mar Fernández impartirán, do 8 ao 13 de xuño, o curso “Técnicas do centón”. No transcurso das 50 horas de duración do curso, os alumnos e alumnas coñecerán de primeira man destas artesás, diversas técnicas para elaborar pezas.

    A organización destas actividades de impulso á formación e á colaboración entre artesanía e outras áreas de traballo, que poden consultarse na páxina web artesaniadegalicia.xunta.es, forma parte da estratexia da Consellería de Economía e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do Plan de Artesanía de Galicia.

    Máis información
  • 28 Maio, 2015
    A Xunta resalta no Congreso da Unión Mundial de Mercados a excelencia e a calidade das prazas de abastos galegas

    Budapest (Hungría), 28 de maio de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, resaltou esta mañá no Congreso da Unión Mundial de Mercados, que se celebra esta semana en Budapest (Hungría), a excelencia e a calidade das prazas de abastos galegas, destacando na súa intervención a aposta pola potenciación dos mercados que está a realizar a Xunta, en colaboración cos concellos e os comerciantes.

    Vázquez Abeal participou nunha mesa redonda sobre promoción dos mercados retallistas xunto con representantes institucionais de Barcelona, Francia, Reino Unido, Polonia, China e Hungría, na que destacou as distintas accións que se están a desenvolver para consolidar os mercados como líderes na venda de produtos frescos e de calidade, situándoos á vangarda sen esquecer a tradición.

    O congreso da World Union of Wholesale Markets coincide coa celebración da campaña internacional Quere o teu mercado (Love Yor Local Market), que esta organización promove a nivel internacional. A Xunta impulsa a participación por primeira vez de Galicia nesta iniciativa, á que este ano se suman mercados de 16 países de Europa, América e Asia.

    En colaboración cos concellos, as federacións e asociacións de praceiros e a Federación Galega de Comercio póñense en marcha diferentes actividades lúdicas coas que se busca implicar a toda a sociedade no impulso ás prazas de abastos, e que culminarán o vindeiro sábado 30 de maio coa celebración do Día do Mercado.

    Máis información
  • 26 Maio, 2015
    A Xunta impulsa o consumo responsable entre os máis novos co concurso escolar Consumópolis

    Santiago, 26 de maio de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, entregaron hoxe os premios da fase autonómica do certame escolar de consumo responsable Consumópolis, en cuxa décima edición participaron máis de 1.000 estudantes de primaria e secundaria de toda Galicia.

    Este ano o concurso celebrouse baixo o lema O teu consumo ten historia: 10 anos de Consumópolis e 30 anos de consumo, conmemorando os 10 anos que ten xa o certame e as tres décadas da primeira Lei estatal para a defensa dos consumidores e usuarios. Así, despois dunha primeira fase de xogo en liña, os estudantes participantes elaboraron un traballo en grupos de cinco coordinados por un docente, consistente nun cartel que compara formas de consumo do pasado e do presente.

    Tal e como sinalou Francisco Conde, os traballos premiados son “unha mostra de talento e creatividade, e dos bos resultados que pode dar o traballo en equipo”, apuntando que iniciativas como Consumópolis permiten avanzar de forma efectiva na protección dos consumidores e usuarios. Neste sentido, sinalou que a educación para o consumo é imprescindible para que “coñezamos os nosos dereitos como consumidores e para que os exerzamos de forma responsable”. Conde destacou a importante labor que desenvolve o Instituto Galego de Consumo, a través da Escola Galega de Consumo, que ofreceu o ano pasado de xeito directo formación a preto de 10.000 persoas, un 10% máis que o ano anterior.

    Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria sinalou como piares do éxito deste certame a súa capacidade de transmitir e potenciar entre o alumnado valores como a cooperación, o consumo responsable ou o traballo de equipo; e salientou o feito de que a maioría dos centros participantes dispoñan de aulas Abalar como un factor fundamental para facilitar a participación neste concurso, cuxa primeira fase se desenvolve en liña. Así mesmo, Román Rodríguez agradeceu o labor do profesorado para incentivar ao alumnado a implicarse neste tipo de iniciativas e lembrou que Consumópolis forma parte desde hai 3 anos do Plan Proxecta, no que se integran os proxectos institucionais das distintas consellerías e organismos da Xunta de Galicia vinculados coa educación cun obxectivo claro: fortalecer os valores e as competencias clave, nun marco de innovación educativa, para acadar a mellora do noso sistema educativo.

    Na fase autonómica de Consumópolis, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, a través do IGC, e en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, establecéronse tres categorías por idades, concedéndose premios para os 3 mellores carteis en cada tramo de idade, dotados con 1.000 euros os primeiros premios, 600 euros os segundos e 300 euros os terceiros, que poderán empregar para actividades ou material pedagóxico. Os primeiros clasificados de cada categoría representarán a Galicia na fase nacional de Consumópolis, organizada pola Axencia de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN).

    Centros premiados
    Na categoría de 5º e 6º curso de primaria clasificouse en primeiro lugar o colexio CPI Virxe do Monte de Cospeito (Lugo), mentres que en 2º e 3º lugar foron recoñecidos traballos de alumnos do CEIP Lourido de Poio (Pontevedra).

    No tocante a 1º e 2º curso de ESO, o primeiro e o terceiro premio recaeron en alumnos do IES O Couto de Ourense, centro educativo que na anterior edición de Consumópolis se fixo cun dos premios a nivel nacional. En segundo lugar clasificouse un equipo de estudantes do CPI Pecalama de Tordoia (A Coruña).

    O IES A Pinguela de Monforte de Lemos (Lugo) foi o primeiro clasificado na categoría para 3º e 4º de ESO. O segundo premio recaeu de novo en alumnos de IES O Couto, mentres que o terceiro foi para un equipo do colexio Sagrado Corazón de Jesús de Ribadeo (Lugo).

    Os escolares galegos son dos que en máis ocasións foron gañadores dos premios nacionais en distintas categorías, o que amosa a gran preparación do alumnado galego e a gran labor desenvolvida neste ámbito desde o Instituto Galego de Consumo, que forma parte desde o inicio do equipo de traballo a nivel nacional que desenvolve a estrutura pedagóxica do certame cada ano. Coa posta en marcha desta iniciativa a Xunta continúa a traballar na mellora da formación dos máis novos en consumo, co obxectivo de aumentar o coñecemento e a defensa dos seus dereitos neste eido.

    Máis información

  • Páxina 17 de 84

  • Mostrando do 321 ao 340 dun total de 1679 rexistros