Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 26 Abril, 2014
    A Xunta salienta o papel da Feira de Artesanía de Ourense na promoción e a comercialización do produto artesán galego

    Ourense, 26 de abril de 2014.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, salientou hoxe na inauguración da XVIII edición da Feira de Artesanía de Ourense o importante papel que xoga este evento organizado pola Asociacion de Artesáns de Ourense na promoción e comercialización do produto artesán galego, contribuíndo ao reforzo do sector.

    No acto, no que tamén participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, Vázquez Abeal lembrou que precisamente o fortalecemento da comercialización é unha das liñas de acción contempladas no primeiro Plan de Artesanía de Galicia, que se vén de poñer en marcha co obxectivo de conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

    Na feira inaugurada hoxe, e que se celebrará ata o 4 de maio na avenida de Pontevedra, participan un total de 35 expositores. Poden atoparse produtos elaborados á man en materiais como o coiro, a madeira, a cerámica, o téxtil e o vidro; ademais de pezas de xoiería e bixutería.

    O espazo de exposición e de venda directa compleméntase coa celebración de talleres de artesanía en vivo todos os días da feira en oficios de cestería, elaboración de instrumentos musicais, centón ou talla de madeira, entre outros; así como sorteos diarios das pezas que se elaboren nestes obradoiros.

    Máis información
  • 25 Abril, 2014
    O Observatorio Nacional da Artesanía analiza en Santiago os principais retos e estratexias para o sector nos vindeiros anos

    Santiago, 25 de abril de 2014.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presidiu hoxe en Santiago de Compostela a reunión do pleno do Observatorio Nacional de Artesanía, un foro de encontro entre as Administracións públicas con competencias nesta materia cuxa presidencia de turno ostenta na actualidade Galicia.

    No encontro, no que participaron representantes de Andalucía, A Rioxa, Castela e León, Extremadura, Madrid e a Comunidade Valenciana, así como da Fundación Española para la Innovación de la Artesanía (Fundesarte) e da Organización de los Artesanos de España, analizáronse os principais retos e estratexias para continuar a reforzar o sector nos vindeiros anos, desde ámbitos como a innovación e a formación, a comercialización ou a normativa.

    Neste sentido, a directora xeral de Comercio informou sobre o novo Plan de Artesanía de Galicia posto en marcha pola Xunta, no que se recollen liñas de acción ata 2016 para impulsar un sector que na actualidade emprega xa a máis de 5.000 persoas en Galicia, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

    O Observatorio Nacional da Artesanía, que preside Galicia desde decembro de 2012 por un período de dous anos, é un foro de diagnose e análise sobre a situación da artesanía en España cuxo obxectivo é elaborar estratexias a favor do sector establecendo marcos de cooperación e coordinación entre as diferentes comunidades autónomas.

    Entre outros cometidos, encárgase de elaborar informes de consenso con respecto á artesanía, ante as diferentes institucións europeas, recibir información sobre as actuacións que desenvolve cada administración, así como apoiar as artesanías en perigo de desaparición e a comercialización no sector artesán. Así mesmo, o Observatorio Nacional da Artesanía informa das actividades referentes á cualificación profesional dos artesáns e fomenta unha axeitada imaxe da marca artesá.

    Máis información
  • 24 Abril, 2014
    Os participantes no concurso Máis que comercio! en Ribadeo elixen a tenda ‘Siete pecados clothes & accesories’ como o seu establecemento favorito

    Ribadeo, (Lugo), 24 de abril de 2014.- Os participantes na iniciativa Centros Comerciais Abertos Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de marzo nos establecementos asociados ao CCA de Ribadeo elixiron como o seu comercio favorito a tenda de roupa Siete pecados clothes & accesories. Esta campaña, posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria, lévase a cabo cada mes en cinco localidades diferentes da xeografía galega.

    A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, foi a encargada de entregar o diploma aos responsables deste negocio, con preto de catro anos de traxectoria, que foi o que máis clics recibiu en www.maisquecomercio.com, web na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5 euros de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían ao seu comercio preferido.

    A participación nesta iniciativa no centro comercial aberto de Ribadeo foi moi elevada, chegando a rexistrase un total de case 8.000 participacións. No caso de Ribadeo, houbo tamén premios en metálico para mercar no pequeno comercio.

    Arias salientou que, ademais de poñer en valor o traballo dos centros comerciais abertos, Máis que comercio!, que percorrerá Galicia durante todo o ano, desenvolvéndose cada mes en cinco centros comerciais abertos, “resalta os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade”.

    No mes de marzo participaron, xunto con Ribadeo, os centros comerciais abertos de Pontevedra, O Carballiño, Caldas e Calvario (Vigo). Por parte da provincia de Lugo, celebraranse as sucesivas convocatorias en Viveiro e Sarria –no mes de xullo-, Chantada –en agosto- e Monforte de Lemos, en decembro.

    A representante do Executivo galego en Lugo indicou que esta campaña “impulsa o asociacionismo, apoiando o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos, unha fórmula que permite o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade”.

    Máis información
  • 16 Abril, 2014
    Economía e Industria destaca o papel da Mostra do Encaixe de Camariñas como dinamizador económico da zona e do sector artesán galego

    Camariñas (A Coruña), 16 de abril de 2014.- A directora xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, Sol Vázquez Abeal, salientou esta tarde na inauguración da XXIV Mostra do Encaixe de Camariñas a importancia deste encontro como dinamizador económico da zona e do sector artesán galego, así como escaparate da marca Artesanía de Galicia.

    Vázquez Abeal destacou que Camariñas é clave no papel que xoga a artesanía como atractivo diferenciador da oferta turística de Galicia, e como vehículo para proxectar a nosa imaxe no exterior. Do mesmo xeito, resaltou que a Mostra está a consolidarse como punto de encontro para emprendedores artesáns, apostando pola innovación sen perder as raíces e os valores que caracterizan ao produto artesán galego.

    Neste sentido, a directora xeral de Comercio lembrou que precisamente un dos tres grandes retos que se marca o primeiro Plan de Artesanía de Galicia, que vén de poñer en marcha a Xunta, é potenciar unha artesanía innovadora e transversal, promovendo a innovación, a cooperación con outros sectores produtivos como o turismo e a presenza dos produtos galegos artesáns na rede. Ao mesmo tempo, apóstase por afianzar a competitividade, reforzando un sector artesanal competitivo capaz de aglutinar todo o talento artesanal galego; así como por consolidar a marca diferencial, impulsando o posicionamento e prestixio da marca Artesanía de Galicia.

    Nesta edición a Mostra do Encaixe de Camariñas contará con firmas de Brasil, Bélxica, Bulgaria, Estonia, Francia, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, República Checa, Rusia e Suíza, que xunto cos obradoiros de encaixe galegos e nacionais e preto de trinta xoves deseñadores amosarán as súas creacións nun encontro que inclúe diferentes desfiles e un encontro de blogueiros, entre outras actividades.

    Máis información
  • 09 Abril, 2014
    O IGC achega aos consumidores de Vigo a iniciativa “Dálle luz á túa factura” para facer máis comprensible o recibo eléctrico

    Vigo, 9 de abril de 2014.- O Instituto Galego de Consumo ofrecerá mañá xoves unha xornada informativa en Vigo para achegar aos consumidores e usuarios a iniciativa de divulgación, formación e sensibilización Dálle luz á túa factura, coa que a Consellería de Economía e Industria persegue facer máis comprensible a factura da luz resolvendo as dúbidas da cidadanía e fomentando, ao mesmo tempo, o aforro enerxético.

    O encontro celebrarase a partir das 18 horas no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta (Concepción Areal, 8). Na xornada presentarase o simulador eléctrico, unha aplicación que permite aos usuarios obter información sobre cada un dos elementos que conforman a factura eléctrica, personalizala e adaptala ao seu caso concreto recomendando unha potencia a contratar. Esta ferramenta desglosa, tamén, o consumo do fogar, determinando o equipamento eléctrico co que conta a vivenda e as posibilidades de optimizar o seu consumo.

    Os asistentes poderán consultar as súas dúbidas a respecto da factura eléctrica e resolver diferentes casos prácticos, así como obter información sobre as distintas vías para darlle solución as súas reclamacións. Ademais, recibirán consellos sobre como reducir o consumo de enerxía no fogar. 
     

    Máis información
  • 07 Abril, 2014
    Os participantes en Máis que comercio! no Carballiño elixen a Electrodomésticos Penín como o seu establecemento favorito

    O Carballiño (Ourense), 7 de abril de 2014.- Os participantes na iniciativa Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de marzo nos establecementos asociados ao CCA do Carballiño elixiron como o seu establecemento favorito a Electrodomésticos Penín.

    Este negocio, con preto de trinta anos de traxectoria e que emprega a sete persoas, foi o que máis clicks recibiu en www.maisquecomercio.com, web na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5€ de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían ao seu comercio preferido. A participación nesta iniciativa no centro comercial aberto do Carballiño foi moi elevada, chegando a rexistrase un total de preto de 10.000 participacións.

    A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, que foi a encargada de entregar o diploma ao establecemento máis votado, salientou que ademais de poñer en valor o traballo dos centros comerciais abertos, Máis que comercio!, que percorrerá Galicia durante todo o ano, desenvolvéndose cada mes nun centro comercial aberto, ten por obxectivo resaltar os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade.

    Máis información
  • 05 Abril, 2014
    O presidente da Xunta visita na Coruña os Obradoiros en acción, con motivo da conmemoración dos Días Europeos da Artesanía

    A Coruña, 5 de abril de 2014.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitou os Obradoiros en acción, con motivo da conmemoración dos Días Europeos da Artesanía.

    Máis información
  • 02 Abril, 2014
    Conde salienta o traballo dos comercios máis antigos de Galicia como “historia viva” das vilas e cidades galegas

    Santiago, 2 de abril de 2014.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe o traballo e a dedicación dos comercios máis antigos de Galicia como “historia viva” das vilas e cidades galegas, na entrega dos recoñecementos aos establecementos de maior traxectoria participantes na iniciativa da Xunta A semana do teu comercio. Este encontro serviu, tal e como salientou Conde, para “poñer en valor o traballo de familias que chegan xa á cuarta, quinta ou mesmo novena xeración de comerciantes que se volcan a diario co servizo aos seus clientes”, subliñou o conselleiro.

    Conde entregou o recoñecemento ao comercio máis lonxevo de Galicia á farmacia Couceiro de Betanzos, un establecemento do que xa hai constancia en documentos de 1.719 e polo que teñen pasado nove xeracións da mesma familia. No acto, no que participaron, entre outros, os delegados da Xunta en Lugo e Pontevedra, Raquel Arias e José Manuel Cores Tourís, e os alcaldes de Lalín, Tui, Cambados e Rianxo; así como o presidente da Federación Galega de Comercio, entregáronse tamén distincións aos comercios de maior traxectoria nas súas respectivas categorías.

    No tocante aos establecementos de alimentación recolleu o galardón Alimentación Alonso, de Tui (Pontevedra), un negocio fundado en 1890 á fronte do cal está xa a cuarta xeración. E en xoiería, a tenda máis antiga das participantes en A Semana do teu comercio é a xoiería e óptica Villar, de Cambados (Pontevedra), que botou a andar en 1880.

    En Rianxo (A Coruña) ten a súa orixe en 1904 a librería Cándido, un negocio familiar que no seu momento foi a primeira imprenta de Rianxo. E en Cangas (Pontevedra) atópase Indalecio Moda, a tenda téxtil máis antiga de A semana do teu comercio, un establecemento fundado en 1860. Na categoría de panadería, o recoñecemento foi para Manolo da Morena, en Lalín, un negocio que con dedicación e traballo chega xa á quinta xeración e máis de 170 anos de traxectoria.

    O comercio destacado na provincia de Lugo é a Confitería Madarro, fundada en 1891 e que continúa a elaborar o seu produto de maneira totalmente artesá, mentres que en Ourense se distinguiu como o comercio máis antigo a Ricardo Terán, un establecemento do Barco de Valdeorras especializado en produtos do agro que ten a súa orixe en 1881.

    O acto realizado hoxe no Museo do Pobo Galego pon o broche final á iniciativa A semana do teu comercio. Unha semana, un comercio, unha historia, desenvolvida ao longo de todo o 2013 pola Consellería de Economía e Industria. O obxectivo desta acción, que se levou a cabo durante unha semana do ano en cada centro comercial aberto de Galicia, é destacar o importante papel que desenvolven estas asociacións na dinamización do comercio de proximidade das vilas e cidades galegas, ao tempo que se destacaba en cada CCA ao comercio asociado de maior traxectoria, realzando o saber facer dos negocios que souberon adaptarse ao paso do tempo a través da calidade e o trato ao cliente.

    Máis información
  • 28 Marzo, 2014
    Feijóo anuncia a posta en marcha do programa Innova en Galicia que arrancará cunha liña de 5 millóns de euros para unir os centros de coñecemento e as grandes empresas na creación de entes de I+D+i

    O Porriño (Pontevedra), 28 de marzo de 2014.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a posta en marcha do Programa Innova en Galicia que arrancará cunha liña de 5 millóns de euros para unir os centros de coñecemento e as grandes empresas na creación de entes de I+D+i, mobilizando un investimento de 16 millóns de euros. Segundo dixo, este é o obxectivo dunha orde de axudas que o Consello da Xunta aprobará nas vindeiras semanas e que forma parte do programa ‘Innova en Galicia’, co que se pon en marcha a Estratexia de Especialización Intelixente, a RIS 3.

    O mandatario autonómico, que esta mañá participou na inauguración das novas instalacións da fábrica CITIC HIC Gándara Censa no Porriño, avanzou que a actuación está orientada á posta en marcha en Galicia de centros mixtos de innovación constituídos entre grandes empresas e organismos galegos de xeración de coñecemento, é dicir, universidade, centros tecnolóxicos, fundacións sanitarias, os centros galegos do CSIC, etc.

    Segundo explicou, os obxectivos desta liña de traballo son, por unha banda, fixar actividade de grandes empresas en Galicia e, polo tanto, emprego; e, en segundo lugar, sacar o máximo rendemento da investigación galega ao garantir a transferencia ao mercado do coñecemento que se produce na nosa Autonomía.

    Aumento do investimento estranxeiro
    Durante a visita, Feijóo subliñou o grande salto cualitativo e cuantitativo para a innovación galega que supón a Estratexia de Especialización Intelixente. “Queremos que as grandes empresas de fóra de Galicia perciban a nosa Comunidade como un ecosistema de innovación e que se sintan atraídas a desenvolver aquí os seus proxectos de I+D+i”, aseverou, logo de referiuse a RIS3 como unha fórmula axeitada para continuar aumentando o investimento estranxeiro na nosa autonomía, que nos últimos tempos está a experimentar un notable crecemento.

    Nesta liña, incidiu en que Galicia, grazas á solvencia e o rigor das súas contas públicas, ao compromiso da súa sociedade e á acreditada capacidade das súas empresas e traballadores -especialmente nos sectores estratéxicos-, demostrou ser un lugar propicio para investir e presentarse ante o mundo como un marco estable no que facer negocios. “Así o entenderon grandes firmas como a petroleira Pemex, como PSA Peugeot-Citröen, que renovou a súa confianza en Galicia, ou como a venezolana Banesco”, afirmou a modo de exemplos.

    Esta situación fixo posible, segundo Feijóo, que no ano 2013 aumentase nun 18% a entrada de capital estranxeiro na nosa Comunidade, acadando un total de 219 millóns de euros de investimento bruto. “E iso é, en parte, o resultado dunha completa estratexia de apoio á captación de investimentos á que este ano destinaremos 30 millóns de euros que se traducirán na mobilización de 150 millóns”.

    Feijóo concretou que a primeira convocatoria destas axudas, que poderán ter continuidade nos vindeiros anos, terá unha dotación orzamentaria de 5 millóns, que pretende mobilizar un total de 16 millóns de investimento. E avanzou que os entes mixtos de innovación que se creen ao abeiro desta orde deberán manter a súa actividade polo menos durante 3 anos; propiciar a convivencia de investigadores da empresa e do centro de coñecemento no mesmo espazo físico; e supor un investimento mínimo por parte da empresa de 1 millóns de euros e un orzamento total de, polo menos, 2 millóns de euros, dos cales o 30% o achegará a Administración Autonómica.

    O presidente do Goberno galego cualificou o proxecto de ambicioso e con grandes expectativas, logo de que mostraran o seu interese nel grandes multinacionais de prestixio que desenvolven a súa actividade no eido das TIC, da automoción, no farmacéutico ou na aeronáutica.

    Segundo informou, o programa Innova en Galicia completarase co desenvolvemento, que actualmente a Xunta está a perfilar coas empresas implicadas, de tres proxectos estratéxicos público-privados para a posta en marcha de iniciativas de I+D+i singulares.

    Así, o responsable do Executivo galego destacou que a través do programa Innova en Galicia a Xunta investirá, neste ano 2014, un total 8 millóns de euros para mobilizar máis de 26 millóns en crear un polo de I+D+i en Galicia.

    No tocante ás instalacións de Citic Censa, coas que esta fábrica se converte na única empresa de Europa capaz de fabricar pezas de caldereiría para muíños de minaría cun diámetro de 15 metros, fronte aos 12 que elaboraba ata agora; Feijóo resaltou a clara aposta pola innovación e a tecnoloxía de última xeración como ferramentas de competitividade, a vontade decidida de diferenciarse e de chegar ao mercado con produtos que se distingan polo seu valor engadido, a ambición de consolidar e aumentar o espazo conquistado nos mercados internacionais e, sobre todo, a confirmación e a renovación da confianza en Galicia.

    Máis información
  • 25 Marzo, 2014
    A Xunta presenta a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia como guía para converter a comunidade nunha economía baseada na innovación en 2020

    Santiago, 25 de marzo de 2014.- O Goberno galego presentou hoxe a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que permitirá a Galicia obter fondos europeos entre 2014 e 2020 e que guiará a transformación da economía galega cara un sistema produtivo baseado na innovación. O documento marca as directrices para mobilizar máis de 1.600 millóns de euros entre capital público e privado ata 2020 e a ambición das medidas que propón, resaltou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a converte nunha “folla de ruta que trascende os límites do económico. É o manual de instrucións para a transformación global do país”.

    O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou que a RIS3, cuxa elaboración liderou o Goberno galego en coordinación coa Secretaría de Estado de Investigación, Desarrollo e Innovación e a Comisaría de Política Rexional da UE, é un mapa para acadar o que Galicia quere facer de si mesma nos vindeiros sete anos: “unha Galicia máis competitiva, capaz de crear emprego sostible” e que “aposte pola creatividade” como eixo do seu futuro.

    Á presentación da RIS3 acudiron o Comisario de Política Rexional da Unión Europea, Johannes Hahn, e a secretaria de Estado de Investigación, Desarrollo e Innovación, Carmen Vela, ademais de representantes dos máis de 240 membros do Sistema Galego de Innovación que participaron na elaboración do documento. Esas aportacións, subliñou Conde, sumadas aos 25.000 cuestionarios repartidos entre a cidadanía para que aportasen as súas propostas, converten á Estratexia nunha “visión común” dos propios galegos sobre o que queren ser en 2020, e foron claves na definición dos tres retos nos que se encadran 20 medidas a executar.


    Os tres retos, sinalou Rueda, consisten na xestión innovadora dos recursos naturais e culturais –desde o agro e o mar ata o turismo-; un modelo industrial que mellore a competitividade das empresas e a diversificación das industrias con máis peso na nosa economía –acadando, por exemplo, o posicionamento do metal no ámbito aeronáutico-; e a través da innovación facer de Galicia o líder do sur de Europa no eido da mellora da calidade de vida con especial atención ao envellecemento activo.

    Retos para a Galicia 2020
    Así, o primeiro destes retos impulsará a modernización de actividades tradicionais dos sectores primarios galegos a través da innovación. Para isto, poranse en valor os recursos do mar para obter biocombustibles, fármacos ou cosméticos, ao tempo que se aposta pola modernización da acuicultura de cara a xerar novos produtos e servizos a través da aplicación da biotecnoloxía. Ademais, nos sectores agrogandeiro, pesqueiro e forestal abordarase un proceso de modernización encamiñado á obtención de explotacións máis eficientes, innovadoras e rendibles.

    Este primeiro reto contempla tamén, dun lado, á mellora na obtención de enerxía a partir dos recursos autóctonos como a biomasa, a enerxía undimotriz ou os biocombustibles de orixe mariña. E doutro, apóstase pola modernización dos sectores turístico e das industrias culturais a través das TIC co obxectivo de crear produtos innovadores, desenvolver aplicacións móbiles e abrir novas canles de comercialización directa.

    O segundo reto busca mellorar a competitividade das industrias con máis peso na economía galega, como a automoción, o naval, o téxtil, a alimentación, a transformación da madeira ou a metalurxia. Para logralo, apóstase por aproveitar novos nichos de mercado, orientando a experiencia dos sectores auxiliares do naval ou da automoción de cara a acceder a industrias de alta tecnoloxía coma a aeronáutica ou a aeroespacial. Isto acompañarase da mellora competitivida industrial a través da aplicación da innovación nos procesos produtivos para camiñar cara a fábrica do futuro: un modelo máis eficiente e cun mellor comportamento medioambiental.

    O último dos retos encamíñase ao posicionamento de Galicia como rexión líder do sur de Europa na innovación para a mellora da calidade de vida e para unha alimentación máis saudable e segura, con especial atención ás persoas maiores. O envellecemento activo configurase como un campo prioritario, polo que se apoiará a xeración de novas tecnoloxías tanto neste eido coma no do aumento da autonomía persoal. Isto compleméntase cunha aposta decidida polo desenvolvemento de novos produtos e servizos alimentarios, como alimentos funcionais para persoas maiores ou aplicación das TIC para garantir a trazabilidade dos produtos.

    As pemes, protagonistas
    A partir de eses retos, nos que se encadran as medidas a tomar, a Estratexia define catro prioridades de investimento: reforza en primeiro lugar o papel das pemes como clave do plan, abrindo o 75% dos programas que se porán en marcha ás pequenas e medianas empresas. Tamén busca incrementar a implicación do capital privado no eido innovador, apoiando o seu esforzo con financiamento público. Ademais impulsa a transferencia de resultados do ámbito público ao privado, e por último prevé o apoio reforzado ao emprendemento innovador e ao talento investigador.

    “É o proxecto construtivo dun modelo económico baseado na innovación”, apoiado sobre os fondos europeos que Galicia asegurou ata 2020, dixo Rueda, que resaltou a reorientación da liquidez europea desde os proxectos de infraestruturas ata as iniciativas inmateriais de I+D+i, en liña coa visión da propia UE. De 2.771 millóns de euros en fondos europeos que Galicia recibirá nos vindeiros sete anos, a Estratexia permitirá mobilizar máis de 1.600 millóns en innovación. “Confiamos o noso futuro á innovación”, dixo Rueda, e a Estratexia de Especialización Intelixente é a ruta para abordar ese reto

    Máis información
  • 21 Marzo, 2014
    Hoxe publícase no DOG a subvención aos concellos galegos para a mellora dos mercados municipais e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario

    ORDE do 12 de marzo de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos concellos galegos para a mellora dos mercados municipais e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento IN223A).

    Máis información
  • 21 Marzo, 2014
    Belén do Campo salienta o impulso da Xunta ao comercio local de Curtis coas melloras promovidas no recinto feiral do municipio

    Curtis, 21 de marzo de 2014.- A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá o concello de Curtis para comprobar o resultado das obras executadas no recinto feiral para mellorar a súa imaxe, de cara a favorecer e dinamizar o comercio local do seu entorno. O proxecto contou cunha achega por parte da Consellería de Economía e Industria de 30.000 euros.

    Acompañada polo alcalde do municipio, Javier Caínzos, Do Campo aproveitou para percorrer os postos do mercado tradicional, onde explicou que os traballos levados a cabo nos últimos meses consistiron na adecuación das fachadas de dúas das naves que compoñen o recinto, co fin de paliar o seu deterioro. Esta actuación completa á xa levada a cabo no exercicio anterior a través desta mesma liña de subvencións para mellorar as condicións no interior.

    A delegada territorial sinalou que a subvención concedida enmárcase no programa de Economía e Industria para impulsar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade, que no 2013 destinou preto de 1,5 millóns de euros a 32 concellos coruñeses. Precisamente, o departamento autonómico, a través da Dirección Xeral de Comercio, ven de activar unha nova convocatoria de axudas por máis de 3 millóns de euros para apoiar aos concellos galegos na potenciación deste sector e dos mercados e prazas de abastos.

    Prazo de solicitude aberto ata o 21 de abril
    Mediante a orde publicada o venres no Diario Oficial de Galicia (DOG), os municipios poderán optar a axudas para a modernización dos mercados de ata 150.000 euros, un 25% máis que na anterior convocatoria, co obxectivo de consolidar as prazas de abastos como líderes na venda de produto fresco e de calidade. O prazo de solicitude estará aberto ata o 21 de abril.

    Como novidade, os concellos que queiran desenvolver estes proxectos de mellora -que poden incluír, ademais da remodelación da estrutura física e das instalacións de uso comunitario dos mercados, actuacións para a redución do consumo enerxético ou dos residuos xerados, entre outros- deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial aos praceiros. Estas actividades de formación e asesoramento, que se apoiarán cunha axuda máxima de 1.800 euros, estarán encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, de colocación do produto ou de atención ao cliente.

    Na mesma liña, tamén se apoiará con ata 3.000 euros a posta en marcha de actuacións de dinamización e promoción de vendas por parte dos concellos nas prazas de abastos, así como nos principais eixos comerciais dos concellos de menos de 20.000 habitantes. Ademais, estes municipios máis pequenos poderán optar a axudas de ata 30.000 euros para adecuación física ou mellora de espazos destinados a mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica.

    As axudas do programa alcanzan con carácter xeral o 75% dos investimentos apoiables, primándose os proxectos de xestión compartida cun incremento dun 15% na porcentaxe subvencionable no caso das solicitudes presentadas conxuntamente por varios municipios.

    Neste senso, a máxima representante do Goberno galego na provincia indicou que a colaboración coas entidades locais resulta imprescindible “pola súa cercanía ao comerciante e polo seu coñecemento directo do comercio local”. “Pola súa calidade e proximidade, o pequeno comercio é un patrimonio que entre todos debemos impulsar e apoiar, e un importante motor de emprego”, concluíu Do Campo.

    Máis información
  • 19 Marzo, 2014
    O IGC achega aos consumidores de Ferrol a campaña “Dálle luz á túa factura” para facer máis comprensible o recibo eléctrico

    Ferrol, 19 de marzo de 2014.- O Instituto Galego de Consumo ofrecerá mañá xoves unha xornada informativa en Ferrol para achegar aos consumidores e usuarios a nova campaña Dálle luz á túa factura, unha iniciativa de divulgación, formación e sensibilización coa que a Consellería de Economía e Industria persegue facer máis compresible a factura da luz resolvendo as dúbidas da cidadanía e fomentando, ao mesmo tempo, o aforro enerxético.

    O encontro celebrarase a partir das 18 horas no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta (Camilo José Cela, s/n). Na xornada presentarase o simulador eléctrico, unha aplicación que permite aos usuarios obter información sobre cada un dos elementos que conforman a factura eléctrica, personalizala e adaptala ao seu caso concreto recomendando unha potencia a contratar. Esta ferramenta desglosa, tamén, o consumo do fogar, determinando o equipamento eléctrico co que conta a vivenda e as posibilidades de optimizar o seu consumo.

    Os asistentes poderán consultar as súas dúbidas a respecto da factura eléctrica e resolver diferentes casos prácticos, así como obter información sobre as distintas vías para darlle solución as súas reclamacións. Ademais, recibirán consellos sobre como reducir o consumo de enerxía no fogar.

  • 18 Marzo, 2014
    Hoxe se presenta o Plan Xermola, a estratexia galega para a prevención da obesidade infantil e xuvenil

    Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2014.- A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, participa mañá na xornada de presentación do Plan Xermola, a estratexia galega para a prevención da obesidade infantil e xuvenil.

    Durante o acto, que se celebrará a partir das 17 horas no salón de actos da Consellería de Sanidade en San Lázaro, participarán a xerente do Servizo Galego de Saúde, Mª Nieves Domínguez González, e a directora xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Sonia Martínez Arca, quen explicará os detalles da iniciativa.

    Na xornada estarán presentes todos os coordinadores do Plan Xermola, orientado a coordinar á Educación pública e á Sanidade pública para intentar diminuír o número de rapaces e rapazas con problemas de sobrepeso e de obesidade, entre outros obxectivos.

    Cada un dos coordinadores intervirá explicando diferentes eidos deste proxecto. Estarán presentes o xefe de servizo de Endocrinoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Felipe Casanueva Freijo; a catedrática da Área de Tecnoloxía de Alimentos da Facultade de Ciencias da USC, Ángeles Romero Rodríguez; e a subdirectora xeral de Recursos Educativos Complementarios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Ana Ornilla Guillamón.

    Tamén intervirán como coordinadores a subdirectora xeral de Inspección, Auditoría e Acreditación de Servizos Sanitarios, Mercedes Lanza Gándara; e a médico de atención primaria do Concello de Lalín, Pilar López Carrón.

    Para rematar a xornada, o subdirector xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, Jorge Suanzes Hernández, será o encargado a partir das 18 h de moderar unha mesa de debate entre os participantes ata finalizar o acto

    Máis información
  • 17 Marzo, 2014
    A Unidade Galicia Emprende apoia a 40 emprendedores coruñeses no proceso de elaboración dos seus plans de negocio

    Santiago, 17 de marzo de 2014.- Ata corenta emprendedores galegos poderán contar co apoio facilitado pola Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, para elaborar e avaliar os seus respectivos plans de negocio, no marco do seminario promovido pola Unidade Galicia Emprende que se desenvolverá en A Coruña, na sede do Club Financiero, a partir do próximo 25 de marzo.

    Este encontro de formación e asesoramento forma parte do novo impulso que está a dar a Xunta aos novos proxectos empresariais, no marco da Lei do Emprendemento e da recente activación da Unidade Galicia Emprende. De feito, nos pasados meses de xaneiro e febreiro arredor dun cento de emprendedores tiveron oportunidade de elaborar e avaliar os seus proxectos nos seminarios que se desenvolveron en Vigo, Cervo e Ferrol.

    Esta sesión formativa ten como finalidade proporcionar aos participantes habilidades e ferramentas sinxelas e útiles para elaborar os plans de negocio das súas empresas e determinar, co apoio de titores, unha primeira aproximación á viabilidade dos seus proxectos. O programa a desenvolver inclúe tres sesións formativas e dúas de titoría personalizadas. O número máximo de proxectos é de 20, podendo participar un máximo de dous emprendedores por proxecto.

    O seminario está orientado tanto a persoas con vocación emprendedora que teñan un proxecto de negocio e desexen analizalo contando con asesoramento especializado, como a empresarios ou autónomos con menos de 42 meses de actividade que desexen avaliar, reorientar ou consolidar o plan de negocio da súa empresa. Os interesados poden inscribirse, a través da oficina virtual da web do Igape, ata a cobertura de prazas.

    Máis información
  • 14 Marzo, 2014
    A Xunta centra o Día Mundial dos Consumidores nas actuacións para protexer os seus dereitos no eido da tarificación eléctrica

    Santiago, 14 de marzo de 2014.- A Consellería de Economía e Industria centrou hoxe os actos con motivo do Día Mundial dos Consumidores na protección efectiva dos seus dereitos no eido da tarificación eléctrica, coa celebración dunha xornada da campaña Dálle luz á túa factura, que ten por obxectivo facer máis comprensible o recibo eléctrico resolvendo as dúbidas do consumidor ao tempo que se fomenta o aforro de enerxía.

    Na apertura do encontro, a directora xeral de Comercio e presidenta do Instituto Galego de Consumo, Sol Vázquez Abeal, salientou que no 2013 o IGC tramitou máis de 3.400 reclamacións no eido da enerxía eléctrica, das cales máis do 65% xa foron resoltas de xeito favorable para o consumidor. Segundo dixo, estes datos non só deixan de manifesto a necesidade dunha campaña de sensibilización e divulgación entre os consumidores galegos neste eido, senón tamén o importante traballo que desenvolve o IGC na resolución extraxudicial de conflitos, a través da mediación e a arbitraxe.

    A campaña Dálle luz á túa factura, que botou a andar o pasado mes de decembro, inclúe accións de formación e información para aclarar a compresión da factura eléctrica e facilitar a contratación do servizo de subministro, ao tempo que se achega á cidadanía as distintas vías para darlle solución as súas reclamacións.

    Para acadar estes obxectivos, a páxina web do IGC –igc.xunta.es- conta cun simulador eléctrico que permite aos usuarios obter información sobre cada un dos elementos que conforman a factura eléctrica, personalizala e adaptala ao seu caso concreto recomendando unha potencia a contratar. Esta ferramenta segmenta, tamén, o consumo do fogar, determinando o equipamento eléctrico co que conta a vivenda e as posibilidades de optimizar o seu consumo.

    No marco desta campaña, a Consellería de Economía e Industria está a facilitar xa formación específica para o persoal de 29 asociacións de consumidores de toda Galicia, co obxectivo de que poidan levar a cabo o programa no seu ámbito de actuación. Esta formación estenderase nas próximas semanas aos técnicos de consumo dos concellos galegos que estean interesados.


    Así mesmo, coa xornada celebrada hoxe, que contou coa participación da Unión Democrática de Pensionistas de Galicia, a Escola Galega de Consumo, que o ano pasado atendeu a máis de 8.000 usuarios, pon en marcha obradoiros prácticos para usuarios de asociacións de persoas maiores ou con discapacidade.

    Ademais, o simulador eléctrico, que se vai incorporar á programación anual da rede de centros para a modernización e innovación tecnolóxica da Amtega, estase a presentar nas principais cidades galegas en xornadas informativas nas que os asistentes poden consultar as súas dúbidas a respecto da factura eléctrica e resolver diferentes casos prácticos, así como obter información sobre as distintas vías para darlle solución ás súas reclamacións. Tamén reciben consellos de técnicos do Inega sobre como reducir o consumo de enerxía no fogar.

    Máis información
  • 13 Marzo, 2014
    Escolares de Sandiás, Sarreaus e Rairiz achéganse ao traballo artesanal co proxecto da Xunta “Enredando, artesanía na escola

    Ourense, 12 de marzo de 2014.- Escolares dos colexios de infantil e primaria dos concellos ourensáns de Sandiás, Sarreaus e Rairiz de Veiga coñeceron esta semana de preto o traballo artesán, e en concreto o proceso para a elaboración de papel e o encadernado de libros, grazas á iniciativa da Consellería Economía e Industria Enredando, artesanía na escola.

    Este proxecto posto en marcha pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño chegou o luns ao CEIP de Sarreaus e no CEIP Antonio Vázquez de Rairiz de Veiga, mentres que hoxe achegou aos rapaces do CEIP de Sandiás o módulo didáctico Do papel ao libro.

    Esta unidade didáctica está orientada a explicar a elaboración artesanal de papel empregando os materiais e a mestura de fibras de bambú e de eucalipto seguindo as indicacións que un artesán explica ao alumnado e aos docentes nun exercicio práctico en cada un dos centros educativos participantes. Con posterioridade, realizan a encadernación dun libro coas follas elaboradas na primeira fase.

    O proxecto Enredando, que chega á súa terceira edición, está a percorrer durante todo o curso diferentes centros educativos de toda Galicia, permitindo ao alumnado coñecer de preto as tarefas diarias do sector artesán a través da organización de demostracións nos colexios, visitas aos obradoiros e outras actividades transversais aos programas educativos.

    Os obxectivos principais desta actividade son concienciar a sociedade do valor do produto feito á man así como presentarlles aos rapaces e rapazas que a artesanía pode ser tamén unha boa alternativa para o seu futuro laboral; incidindo así na remuda xeracional nos oficios máis tradicionais, promovendo o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores; e amosar á sociedade o valor engadido da artesanía en canto á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.

    Máis información
  • 11 Marzo, 2014
    Economía e Industria impulsa o asociacionismo comercial con 800.000 euros para apoiar o labor das federacións de comerciantes

    Santiago, 11 de marzo de 2014.- A Consellería de Economía e Industria, dentro da súa estratexia de impulso ao asociacionismo comercial como unha das claves para mellorar a competitividade do comercio de proximidade galego, destina 800.000 euros a unha nova convocatoria de axudas para apoiar o labor que desenvolven as federacións de comerciantes e asociacións de ámbito superior ao municipal.

    Mediante este programa, que se publicará o xoves no DOG e cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 13 de abril, desenvolveranse actuacións de dinamización da demanda comercial, así como actuacións encamiñadas á promoción das vendas, e aquelas relacionadas co incremento da actividade comercial, alcanzando a axuda ata o 70% dos investimentos.

    Os apoios, dos que o ano pasado se beneficiaron unha vintena de asociacións de toda Galicia, poden chegar ata os 70.000 euros no caso das federacións que conten con 30 ou máis asociacións federadas. Para as federacións que non alcancen este número de membros, as axudas poderán chegar ata os 48.000 euros. No caso das asociacións de ámbito superior ao municipal, o apoio será dun máximo de 13.000 euros.

    Dentro da estratexia de impulso ao asociacionismo comercial da Consellería de Economía e Industria, no que levamos de ano activouse tamén a a liña de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e as asociacións das prazas de abastos, dotada con 2,2 millóns de euros e que se atopa en fase de resolución.

    Máis información
  • 11 Marzo, 2014
    O vindeiro xoves a Xunta aprobará o Plan Xermola, orientado á prevención da obesidade infantil e xuvenil

    Santiago, 11 de marzo de 2014.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o vindeiro xoves o Consello da Xunta aprobará o Plan Xermola, orientado á prevención da obesidade xuvenil e infantil. “Poñeremos en colaboración a Educación pública e a Sanidade pública para, traballando todos xuntos, intentar diminuír o número de rapaces e rapazas con problemas de sobrepeso e de obesidade”, asegurou.

    Durante a presentación do libro-guía para previr a obesidade infantil: Os bolechas educan a Pepiño Chispa; Feijóo precisou que o plan recollerá un conxunto de accións para inverter esta tendencia, e atenuar a prevalencia desta patoloxía entre a poboación infantil e xuvenil en Galicia, actuando en cinco áreas diferenciadas: a normativa, a participativa, desde a innovación e a investigación, desde a vixilancia e desde un plano informativo.

    O presidente autonómico subliñou que o obxectivo do plan será crear protocolos de intervención no ámbito sanitario e buscará, tamén, concienciar á sociedade na importancia da prevención, estimulando a participación e a implicación das familias, as institucións ou incluso as empresas.

    No campo da innovación e a investigación, as liñas de acción irán encamiñadas a impulsar a investigación sanitaria da obesidade infantil, coa colaboración das universidades. E, a área de vixilancia analizará patróns alimentarios e de actividade física entre os menores.

    Así mesmo, a estratexia informativo-formativa recollerá unha serie de accións destinadas a capacitar os profesionais sanitarios e os docentes na atención da obesidade, e a concienciar ás familias e á sociedade no seu conxunto sobre a importancia de manter hábitos de vida saudables.

    Feijóo explicou que esta iniciativa prevé, ademais, a creación de diversos grupos de traballo e un observatorio de nutrición en colaboración coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria.

    O titular da Xunta lembrou, tamén, que estes obxectivos son compartidos co Plan Galicia Saudable, posto en marcha polo Goberno galego. “Pero, hoxe, queremos intensificar ese plan, para seguir con este problema e intentar así solucionalo”, aseverou, logo de subliñar que en Galicia un 26 % dos nenos de entre 6 e 12 anos ten sobrepeso e un 9% deles padece obesidade (o que significa que na Educación Primaria un 35% dos escolares padece algunha destas afeccións).

    Así mesmo, cómpre resaltar que un 6 % dos nenos entre os 12 e os 16 anos sofre obesidade e un 23 % supera o peso medio recomendado.

    Unha boa alimentación e practicar exercicio físico
    Diante destas cifras, e tendo en conta que a obesidade e o sobrepreso son factores de risco para o desenvolvemento doutras enfermidades crónicas como a diabetes ou as cardiopatías, e son tan prexudiciais como o tabaquismo ou a hipertensión; Feijóo referiuse á presentación deste libro-guía como un proxecto pedagóxico que busca concienciar aos máis pequenos na importancia de levar unha boa alimentación e de practicar exercicio físico para manter unha vida sa. “E, faino –explicou-, a través dun conto que ten como protagonistas a popular familia ideada polo ilustrador Pepe Carreira, Os Bolechas, uns personaxes de sobra coñecidos polos máis cativos”.

    Esta nova andaina dos irmáns Bolechas será distribuída en centros educativos, hospitais e bibliotecas.

    Por último, Feijóo salientou que esta iniciativa é resultado do convenio asinado pola Consellería de Sanidade, a Unión de Consumidores e o Foro Interalimentario; e insistiu en que abordar o problema da obesidade infantil implica que a educación se poña ao servizo da sanidade para incidir nun factor fundamental co que poñerlle freo: a prevención desde a infancia.

    Máis información
  • 07 Marzo, 2014
    Economía e Industria salienta na Estrada o emprendemento, a innovación ou o asociacionismo como claves para impulsar a competitividade do comercio de proximidade

    A Estrada (Pontevedra), 7 de marzo de 2014.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, salientou esta tarde na Estrada o emprendemento, a innovación, o relevo xeracional ou a potenciación da cooperación e o impulso ao asociacionismo comercial como algúns dos factores clave nos que está a incidir a Xunta para mellorar a competitividade do comercio galego.

    Vázquez Abeal, que impartiu un relatorio sobre os novos retos do sector comercial dentro das actividades da 4ª Feira de Oportunidades do Comercio e 43º Feira de Antigüidades, achegou aos comerciantes asistentes os diferentes programas postos en marcha pola Consellería de Economía e Industria no que vai de ano, como a convocatoria para as asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e as prazas de abastos, dotada con 2,2 millóns de euros.

    Sol Vázquez Abeal fixo tamén fincapé no novo programa de axudas de ata o 50% e ata 10.000 euros para a apertura de novos establecementos comerciais posto en marcha pola Consellería de Economía e Industria, co que se incide no impulso ao emprendemento no tecido comercial, complementando as iniciativas fomentadas na nova Lei do Emprendemento e da Competitividade de Galicia, entre as que destacan a simplificación administrativa grazas á eliminación con carácter xeral das licencias municipais de obra e actividade.

    Vázquez Abeal resaltou a implicación dos propios comerciantes da localidade en citas como a que hoxe comeza na Estrada, e recordou que na Lei do Comercio Interior de Galicia, aprobada polo actual Goberno da Xunta, se regulan por primeira vez as feiras de oportunidades, con requisitos como que polo menos dous terzos dos expositores deben exercer a súa actividade no concello ou na comarca na que se celebran, asegurando así que este tipo de iniciativas incidan na promoción do comercio local.
     

    Máis información

  • Páxina 22 de 84

  • Mostrando do 421 ao 440 dun total de 1672 rexistros