Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 20 Xaneiro, 2014
    A Xunta impulsa o asociacionismo comercial con 2,2 millóns para centros comerciais abertos e asociacións das prazas de abastos

    Santiago, 20 de xaneiro de 2014. A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentou esta mañá en rolda de prensa o novo programa de axudas para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, dotado con 2,2 millóns de euros, que está enmarcado dentro da aposta polo impulso ao asociacionismo comercial que desenvolve a Consellería de Economía e Industria e orientado a mellorar a competitividade do comercio de proximidade e estimular as vendas.

    A través desta convocatoria, que se publicará nos próximos días no Diario Oficial de Galicia, apóianse diferentes actuacións que, tal e como indicou Vázquez Abeal, permitirán atraer nova clientela e mellorar os servizos que se ofrecen. Así, a través deste programa apoiarase a posta en marcha de campañas de dinamización, sistemas de fidelización de clientes ou proxectos de sinalización comercial externa, ademais de axudas para o funcionamento das unidades xerenciais e, no caso das asociacións das prazas de abastos, melloras en instalacións e equipamentos.

    O programa enmárcase na estratexia específica da Xunta para impulsar o comercio como creador de riqueza e emprego e un importante dinamizador das vilas e cidades galegas. A directora xeral sinalou que o traballo da Consellería de Economía e Industria neste eido se centra, ademais de no impulso ao asociacionismo comercial, en eixos como o emprendemento, no que a nova Lei supón un importante estímulo, a innovación, o relevo xeracional ou a potenciación das prazas de abastos.

    Coa convocatoria para a dinamización dos centros comerciais abertos presentada hoxe, implícase, tal e como salientou Vázquez Abeal, aos propios comerciantes na posta en marcha de actuacións conxuntas. Mediante a convocatoria do ano pasado apoiouse un total de 48 centros comerciais abertos e 23 asociacións de prazas, o que redundou no beneficio de máis de 5.000 pequenos comercios agrupados nos mesmos, e na posta en marcha de máis de 300 actuacións, cifras que se esperan superar este ano.

    As axudas, que poderán solicitarse durante o prazo dun mes a partir da súa publicación, poden chegar no caso dos centros comerciais abertos ata os 40.000 euros e alcanzar o 80% do investimento subvencionable, en función da poboación dos concellos nos que están situados e do número de establecementos asociados.

    No caso das asociacións das prazas de abastos, a porcentaxe de axuda é do 70%, podendo alcanzar a subvención un máximo de 9.800 euros. Avánzase así na estratexia que desenvolve a Consellería de Economía e Industria para consolidar os mercados como referentes na venda de produto fresco e de calidade, apostando por prazas “onde se leve a cabo unha venda moderna, con servizos, diversidade e excelencia”, tal e como subliñou Vázquez Abeal, “ao tempo que se dá resposta ás novas demandas dos consumidores”.

    Entre os criterios de valoración para acceder ás axudas, prímase o autofinanciamento das asociacións, a través da captación de socios, prevalecen as actuacións que sexan máis novidosas, que teñan un maior alcance e impliquen un maior número de comercios, así como as que supoñan beneficios para o ambiente ou as familias numerosas.

  • 17 Xaneiro, 2014
    Francisco Conde salienta que as melloras na praza de abastos de Celanova supoñen o punto de arranque para un novo impulso ao mercado

    O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na súa visita a Celanova que as melloras que se veñen de realizar na súa praza de abastos son o punto de arranque para un novo impulso a este mercado, no que se xa se están a abrir novos negocios.

    Conde destacou que un dos eixos da estratexia da Consellería de Economía e Industria para impulsar a mellora competitiva do comercio galego é a potenciación das prazas de abastos, un ámbito ao que se destinarán máis de 4 millóns de euros este ano para avanzar, en cooperación cos concellos, na súa consolidación como líderes na venda de produtos frescos e de calidade. Neste sentido, Conde subliñou que a convocatoria que se porá en marcha este ano, de carácter competitivo, supón unha oportunidade para seguir a colaborar co Concello de Celanova na remodelación do interior da praza de abastos, unha vez acometidas unhas reformas fundamentais como son as da estrutura.

    O conselleiro, acompañado polo alcalde celanovés, José Luis Ferro e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, así como pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, comprobou as obras que se veñen de rematar, centradas na renovación da cuberta e a carpintería exterior, e que supuxeron un investimento de preto de 70.000 euros.

    O apoio a esta actuación forma parte da estratexia específica de impulso ao sector comercial que desenvolve a Consellería, a través da cal se levan destinado nos últimos anos preto de medio millón de euros ao comercio de proximidade de Celanova e comarca, e na que o emprendemento é un dos aspectos nos que a Xunta está a facer especial fincapé.

    Outros dos eidos nos que incide a Consellería de Economía e Industria son o relevo xeracional, a cooperación ou o asociacionismo comercial, para impulsar un sector que, tal e como subliñou Conde, “é un motor fundamental na creación de emprego e riqueza” e que exerce tamén un importante papel vertebrador nas vilas e cidades galegas.

  • 15 Xaneiro, 2014
    Economía e Industria impulsa a internacionalización da artesanía galega na feira Formex de Estocolmo

     A Consellería de Economía e Industria avanza na promoción da artesanía galega no mercado internacional coa participación por segunda vez na feira Formex de Estocolmo, unha das maiores feiras de decoración de interiores do deseño nórdico que se celebra na capital sueca desde hoxe e ata o vindeiro sábado.


    Cun total de 850 expositores e 25.000 visitantes nacionais e internacionais, Formex é unha oportunidade única para a reunión de axentes, importadores, deseñadores, produtores e compradores de deseño interior e da industria de agasallos. A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño presenta neste encontro unha liña centrada na decoración cunha selección de 15 obradoiros artesáns galegos feita en materiais como a madeira, a cerámica, os téxtiles e a cestería, na que se deixa constancia da tradición e a vangarda que se unen na artesanía galega.


    A Consellería de Economía e Industria, dentro da súa estratexia de impulso ao sector artesán, centrada na aposta pola innovación e o deseño, a formación e a mellora da comercialización, está a reforzar a presenza do produto artesán galego en feiras internacionais de prestixio, co obxectivo de dar a coñecer o traballo dos profesionais galegos e de abrir novas canles cara ao exterior, ao tempo que contribúe á consolidación de Artesanía de Galicia como marca de calidade e de prestixio nos mercados internacionais.


    Na escolma de produtos de Artesanía de Galicia que se poden ver estes días en Estocolmo está representada a olería de Buño, coas pezas de Alfarería Lista, Carmen Labrador e Alfarería Rulo; de Niñodaguia, con obras de Agustín Vázquez; e de Gundivós, con traballos de Elías González.


    No tocante á cestería, hai creacións do vigués Antonio Suárez e de Idoia Cuesta, de Outeiro de Rei, con técnicas tradicionais aplicadas a materiais téxtiles. Tamén no téxtil, os que se achegan ata Formex poden ver o traballo de C. Canoura Deseño, de Culleredo; o Centro de Recuperación de Cultura Popular, de Ponteareas; Anna Champeney Estudio Textil, da Teixeira; Taller Arbor, de Victoria Montenegro, de Vilamarín; e Artefíos Asociación de Padres para la Formación de Jóvenes Límite, da Coruña. E tamén a cerámica contemporánea de Lucía Catuxo, de Trabada; e os traballos en madeira utilitaria de Armaior, de Quiroga.
     

  • 13 Xaneiro, 2014
    O Concello de Lobios rematou os traballos de acondicionamento da praza Roja da localidade.

    O emprazamiento, que se atopa situado á salia da capitalidad na estrada hacia o Río Caldo, foi obxecto dunha importante rehabilitación froito dunha subvención da dirección xeral de Comercio para a revitalización do comercio de proximidade e a potenciación dunha rede galega de mercados de abastos excelentes. Dos 50.000 euros que costou a obra, un 75%, fue aportado por Comercio, mentres que o 25% restante 'foi sufragado cos fondos da Deputación', matizaba a rexidora.

    Os traballos, realizados nas últimas semanas, consistiron na renovación do pavimento, 'co adoquinado de todo o entorno da praza e a creación dun sendeiro central, así como a renovación da planchada de formigón e o entorno dos árboles', enumeraba Yáñez Salgado.


    PROMOCIÓN DA FEIRA

    O grupo de goberno  marcouse tamén como obxcetivo de 2014 a promoción da feira mensual. 'A pesar de ser un evento que esta máis que consolidado, trataremos de publicitalo a través de internet', explicaba a alca

    ADVERTISEMENT
     

    O mercado, que se celebra cada segundo domingo de mes, conta cunha media de 120 feirantes (145 en días sinalados) de Ourense e Portugal que ofrecen productos textiles, decoración, mobles, xardinería, ferretería e gastronomía, entre outros.

     

  • 11 Xaneiro, 2014
    A nova planta do mercado de Ponteareas, eixe da remodelación total

    Onte e tras rematar a cuarta fase de obras, inaugurouse oficialmente a nova planta do Mercado de Abastos. Unha dotación moderna e atractiva, na que dende mediados de decembro  reubicáronse os postos de pescadaría para maior comodidade dos clientes e de paso incentivar as ventas na campaña de Nadal.

    O acto inaugural estivo arropado por unha nutrida representación de autoridades. Ao filo das dez da mañá, o conselleiro de Industria, Francisco Conde coa directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, a secretaria xeral de Turismo de Galicia, a ponteareana Nava Castro e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, eran recibidos á porta do Mercado pola concelleira de Comercio e Desenvolvemento Local, Marisol Valado en compañía do alcalde, Salvador González Solla e  os representantes das asociacións de comerciantes e industriaiss do municipio.

    A comitiva percorreu a recén remodelada instalación coa que se pechou a última fase da rehabilitación integral da Plaza de Abastos. De feito, así o mencionou o alcalde: 'A instalación que se inaugura non é un feito aillado senón a continuidade da profunda reforma que o Concello está acometendo no Mercado Municipal dende o ano 2011, cun investimento global de 500.000 euros' (75% da Xunta e 25% o Concello). En 2014 e esperando contar coa axuda da consellería para impulsar o comercio de proximidade, está previsto instalar novas cubertas.

    ADVERTISEMENT
     

    Marisol Valado, destacou ante os presentes a 'magnífica colaboración dos pracerios, a súa implicación no proxecto soportando incomodidades e aportando ideas'. Agora, a aposta da edil 'é aprobar o novo regulamento da Praza e adxudicar os postos vacantes'.

     

  • 09 Xaneiro, 2014
    A Dirección xeral de Comercio convoca catro bolsas de formación para o ano 2014.

    Convocáronse catro bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio coa finalidade de que as persoas que tivesen unha titulación universitaria de licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a ou de grao complementasen os coñecementos teóricos adquiridos nos seus estudos cunha formación práctica que lles permitise afrontar con maiores garantías o seu futuro profesional.

    ORDE do 20 de decembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e se procede a súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento IN225A).

  • 09 Xaneiro, 2014
    A Cámara de Lugo conta desde hoxe con novos órganos de goberno tralo proceso electoral impulsado pola comisión xestora

    A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presidiu hoxe en representación do organismo tutelante a sesión constituínte do novo pleno da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Lugo, que conta desde hoxe con novos órganos de goberno tralo proceso electoral impulsado pola Comisión Xestora.

    No encontro foi nomeado Luis Abelleira como novo presidente do ente, e tamén se procedeu á designación do vicepresidente, do tesoureiro e dos vogais do Comité Executivo da Cámara.

    A Xunta de Galicia implicouse desde o primeiro momento na busca de solucións para a Cámara de Lugo, e puxo en marcha a Comisión Xestora formada por representantes da administración pública e representantes das Cámaras, nomeados polo Consello Galego de Cámaras.

    Desde a Dirección Xeral de Comercio saliéntase que a Comisión Xestora cumpriu co seu principal cometido, a convocatoria de eleccións na Cámara de Lugo, e destácase a resposta do empresariado lugués, que ten permitido que o ente conte cun novo goberno que será o encargado de dirixir o ente na nova etapa que se abre agora.

  • 09 Xaneiro, 2014
    O Instituto Galego de Consumo promove unha campaña informativa sobre os dereitos dos consumidores nas reparacións a domicilio

    O Instituto Galego de Consumo vén de activar unha campaña informativa sobre os dereitos dos consumidores nas reparacións a domicilio, que potencia a prevención como a mellor ferramenta para previr irregularidades. A información previa é clave nestes casos, xa que é difícil intentar probar os abusos a posteriori, dado que en moitas ocasións os usuarios renuncian por escrito a un presuposto previo e asinan a súa conformidade coas reparacións antes mesmo da propia obra.

    Entre 2011 e 2013 realizáronse no Instituto Galego de Consumo 590 consultas e 344 reclamacións sobre reparacións a domicilio, unhas cifras que o IGC complementou, como base para a campaña informativa, cun estudo previo sobre os hábitos dos galegos neste ámbito.

    A partir dos datos desa análise, o Instituto Galego de Consumo vén de activar a campaña divulgativa, con consellos para os consumidores e usuarios que publicará na súa páxina web (igc.xunta.es). O IGC destaca, entre outras recomendacións, que o usuario ten dereito a un presuposto previo por escrito salvo que renuncie expresamente de puño e letra, e o Instituto non só recomenda contar con ese presuposto, senón con outros de diferentes profesionais para poder comparar.

    É máis, o servizo só se pode levar a cabo unha vez que o usuario conceda a súa conformidade mediante a firma dun orzamento ou da renuncia a este.

    Ademais, apunta que os profesionais teñen a obriga de emitir factura, e o usuario debe informarse sempre sobre os prezos por hora de traballo, transporte, desprazamento e de posibles recargas en casos de urxencia. Uns prezos que deben incluír o IVE ou calquera outro imposto ou gravame. Calquera modificación do presuposto inicial deberá poñerse por escrito en coñecemento do usuario, non cabendo modificacións á alza dos presupostos nos casos de erros nas medicións e valoracións efectuadas polo prestador.

    O IGC resalta, ademais, que todos os servizos de mantemento, reparación e reforma teñen unha garantía mínima de tres meses coa excepción das pezas substituídas que terán o prazo legal de garantía de dous anos, no caso de ser novas, e dun mínimo dun ano, no caso de ser usadas ou de segunda man.

    Estes consellos buscan abordar varios fenómenos detectados no estudo sobre hábitos de consumo levado a cabo polo IGC. Segundo este informe, non chega ao 26% a porcentaxe de servizos nos que se entrega a obrigatoria -por lei- información sobre garantías. O análise amosa tamén que a porcentaxe final de usuarios que recibiron factura é de preto do 85%, nese sentido é clave que os usuarios -co fin de apoiar posibles reclamacións- a reclamen en todas as ocasións.

    O estudo revela que o 80% dos galegos está satisfeito cos servizos obtidos, e que a maioría (nove de cada dez) encargou os traballos de reparación a profesionais que contactan a través de amigos e familiares.

    E tamén, apunta, por último, que un 52% dos usuarios asinaron un documento escrito previo ao inicio dos traballos, e na maioría deses casos ese documento supoñía a renuncia á confección dun presuposto, co que en última instancia o usuario se podía encontrar con custos inesperados -por conceptos como urxencia ou desprazamento- sen antes saber deles. A firma deste documento, xa sexa como renuncia ao presuposto previo ou como aceptación da reparación, é a principal queixa que os galegos transmiten ao IGC.

  • 27 Decembro, 2013
    Economía e Industria apoia a feira “Ofeitoaman” en Vigo polo seu impulso á promoción e comercialización da artesanía galega

    A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, visitou a feira de artesanía “Ofeitoamán”, coa que a Consellería de Economía e Industria colabora un ano máis polo seu papel na promoción e comercialización da Artesanía de Galicia. Este evento, que se celebrará en Vigo ata o vindeiro 5 de xaneiro aproveitando a época de Nadal, acolle unha ampla mostra de artigos de produción artesá, localizados en 22 postos.

    “Ofeitoaman”, que se celebra na terraza exterior do Centro Comercial A Laxe en horario de atención ao público de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:00 horas, está organizado pola Asociación Galega de Artesáns. Os artesáns expositores, que representan actividades tan variadas como a xoiería, o traballo do coiro, os complementos, o tratamento do téxtil, a cerámica ou os xoguetes, son Ardentía, AreladeFe, Artesanía en Plata, Artesave, Cerámica e prata F. Porto, Cerámica Suve, Chueco, Coas Mans Artesanía, Dolmen, Elena Ferro, Encoiros, Laia Zapateiros, Manolo Tojo, Manuel Figueiras Dosil, Mariaventura, Montse Betanzos, Pilar Piñeiro Cerámica, Taller Sur, Varo Caride e Zimzelatum.

    Vázquez Abeal, que estivo acompañada pola xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, e o presidente da Asociación Galega de Artesáns, Manuel González, salientou que o apoio a este tipo de mostras forma parte da estratexia de impulso ao sector artesán que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, centrada na aposta pola innovación e o deseño, a formación e a mellora da comercialización.

  • 27 Decembro, 2013
    Cores Tourís comproba o remate das obras de mellora da praza de abastos de A Guarda que permitirán dinamizar o comercio de proximidade

    O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o mercado de abastos de A Guarda, para comprobar o remate das obras de renovación destas instalacións municipais que servirá como motor do comercio local.

    Na visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, José Manuel Domínguez Freitas, así como polo xefe territorial de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial e a concelleira do PP da localidade, Ortensia Vicente.

    Estas obras tiveron como obxectivo a potenciación do comercio local deste municipio. Neste senso, Cores Tourís insistiu no interese da Consellería de Economía e Industria de traballar en pro da revitalización do comercio de proximidade e da creación dunha rede galega de mercados de abastos excelentes.

    “Seguindo esta liña de actuación, a Consellería concedeu unha subvención a este concello encamiñada ao lavado e pintado da fachada, á reparación dos canalóns e das humidades do interior e a pavimentación das escaleiras e solado da planta alta”, explicou Cores Tourís. O proxecto tivo un orzamento de case 70.500 euros, dos cales, o 70%, é dicir preto de 50.000 euros foron aportados pola administración autonómica.

    As obras executáronse a través da orde de axudas publicada pola Consellería de Economía e Industria que destinou 1,5 millóns de euros á mellora de investimentos en mercados e en infraestruturas comerciais da provincia de Pontevedra, “o que significa o 32,5% do total destinado á comunidade autónoma”, explicou Cores Tourís.

  • 27 Decembro, 2013
    A Xunta recoñece a traxectoria do establecemento vigués 'Anca'

    A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo, distinguiron esta tarde a traxectoria do establecemento de bicicletas e motocicletas Anca, no marco da campaña “A semana do teu comercio: unha semana, un comercio, unha historia”, da que esta semana é protagonista o centro comercial aberto de As Travesas.

    Esta iniciativa, que a Consellería de Economía e Industria achega aos cidadáns a través do enderezo electrónico portaldocomerciante.blogspot.com.es, busca resaltar o comercio de proximidade e o labor dos centros comerciais na súa dinamización, así como distinguir os establecementos de maior traxectoria de cada CCA, que souberon adaptarse ao paso do tempo grazas á calidade, a proximidade e a innovación que os caracterizan, como Anca, fundada en 1959 por Anxo Carreira e que hoxe rexenta o seu xenro, Juan González-Carpintero.

    Coa campaña “A semana do teu comercio”, a Consellería reafirma o seu compromiso co comercio galego como sector clave para a reactivación económica das vilas e cidades galegas. Neste sentido, a Consellería de Economía e Industria ten concedido apoios por preto de 2 millóns de euros para o impulso de accións de dinamización do comercio de proximidade nos CCAs e nas asociacións das prazas de abastos, sendo o Centro Comercial Aberto das Travesas un dos beneficiarios, con 40.000 euros. No acto, Sol Vázquez subliñou a importante labor do CCA, que desenvolve un papel fundamental na dinamización comercial do barrio vigués.

    A Consellería de Economía e Industria suma preto de 3,5 millóns de euros destinados este ano ao impulso do asociacionismo comercial como un dos eixos da estratexia integral de apoio ao comercio de proximidade. Así, ademais do programa para CCAs e asociacións de prazas de abastos, resolvéronse axudas por máis dun millón de euros para federacións de comerciantes e asociacións de ámbito supramunicipal, e está en marcha un acordo de colaboración coa Federación Galega de Comercio.

  • 26 Decembro, 2013
    Conde salienta o impulso da Xunta ao comercio local Vilalbés coas melloras promovidas nas súas principais arterias comerciais

    O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe na localidade luguesa de Vilalba as melloras realizadas nas rúas Foz e Basanta Silva, que supoñen un investimento de preto de 120.000 euros e que, tal e como salientou o conselleiro, darán un importante impulso ao comercio de proximidade vilalbés, facendo máis atractiva unha das principais arterias comerciais da vila.

    Conde destacou a importancia do comercio na economía de localidades como Vilalba, recoñecida polas súas feiras e mercados, e citas como a Feira do Queixo de San Simón ou a do capón. Remarcou o conselleiro que, “pola súa calidade e proximidade, o pequeno comercio é un patrimonio que entre todos debemos impulsar e apoiar, e un importante motor de emprego”, lembrando que desde o 2009 a Consellería leva destinado preto dun millón de euros á mellora competitiva do comercio da localidade, cun importante acento na renovación de equipamentos comerciais.

    O conselleiro sinalou que en total, a través dos diferentes programas postos en marcha pola Consellería de Economía e Industria para estimular a actividade empresarial, se levan mobilizado nos últimos anos máis de 15 millóns de euros en Vilalba, remarcando o importante esforzo investidor dos propios empresarios.

    O conselleiro, que estivo acompañado pola delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, salientou a importancia da cooperación cos concellos como administración máis próxima ao cidadán, resaltando que froito desta colaboración, a Consellería está a impulsar este ano investimentos por preto de 300.000 euros para mellorar a competitividade empresarial e comercial de Vilalba.

    Así, ademais das axudas para a mellora das rúas Foz e Basanta Silva, o Concello de Vilalba recibiu tamén apoios para o parque empresarial, coa instalación de placas fotovoltaicas e dunha liña de tratamento de augas residuais na depuradora.
     

  • 23 Decembro, 2013
    Cores Tourís comproba o remate das obras de mellora da praza de abastos de Tui que servirán como motor do comercio local

    “Seguindo esta liña de actuación, a Consellería concedeu unha subvención a este concello encamiñada á instalación dunha cuberta que facilitase a carga e descarga de mercadorías no exterior, ao pintado exterior do edificio así como a instalación de medios para a recollida de auga de choiva”, explicou Cores Tourís, quen matizou que tamén se levaron a cabo traballos de rotulación da praza. O proxecto tivo un orzamento de 55.000 euros, dos cales, case 41.000 euros foron aportados pola administración autonómica.

    As obras executáronse a través da nova orde de axudas publicada pola Consellería de Economía e Industria destinará 1,5 millóns de euros á mellora de investimentos en mercados e en infraestruturas comerciais da provincia de Pontevedra, “o que significa o 32,5% do total destinado á comunidade autónoma”, explicou Cores Tourís.

    “A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais, e especialmente, das prazas de abastos, constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio de proximidade, que é un dos motores económicos de todos os concellos”, explicou o delegado territorial. “Para estes efectos, as actua¬cións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles. É preciso, polo tanto, acondicionar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores”, apuntou.

    Precisamente, un dos eixos desta estratexia é a aposta pola potenciación das prazas de abastos, de titularidade municipal, como motores do comercio de proximidade. “Isto permitirá avanzar na posta en marcha dunha Rede Galega de Mercados de Abastos Excelentes e na súa consolidación como líderes na venda de produto fresco, con novos e mellorados servizos para os consumidores”, engadiu Cores Tourís.

  • 21 Decembro, 2013
    Raquel Arias destaca o importante papel que desempeñan as prazas de abastos para dinamizar o comercio de proximidade

    Arias, xunto co alcalde do municipio, José Antonio García, e varios membros do seu equipo de goberno, visitou os distintos postos existentes na actualidade na praza de abastos sarriá, así como os stands do mercado temático, nos que se se ofrecían doces, viño, mel, pan e queixo, entre outros produtos, dos que se levan a cabo degustacións durante toda a xornada.

    Arias valorou “o importante papel que desempeñan as prazas de abastos para dinamizar o comercio de proximidade” das vilas, ofrecendo “produtos de calidade e un servizo máis personalizado para os clientes”.

    Neste sentido, Arias significou o impulso realizado nos últimos meses polo ente local para a renovación da praza de abastos de Sarria, na que, ademais dunha mellora das súas instalacións, incrementouse o número de postos existentes. Ao fío disto, a delegada animou aos veciños a realizar tamén as súas compras na praza e fixo fincapé nos máis xoves, para que poidan valorar as vantaxes que posúen este tipo de comercios.

    Esforzo da Xunta
    No marco da visita, Arias subliñou o esforzo e a implicación da Xunta no desenvolvemento do comercio de proximidade dos concellos, as asociacións e os propios comerciantes e emprendedores. Neste sentido, destacou o investimento de “máis de 1 millón de euros que a Consellería de Economía e Industria leva destinado dende o 2009 á mellora competitiva do comercio de Sarria”.

    A través das distintas achegas realizadas, o departamento autonómico promoveu a mellora da calidade e modernización do comercio sarriao a través de liñas de actuación como o impulso ao asociacionismo ou o apoio ao Concello na renovación e mellora das infraestruturas comerciais.

  • 19 Decembro, 2013
    O Instituto Galego de Consumo doa a Cáritas da Coruña máis de 300 xoguetes e produtos que superaron os controis de seguridade

    O Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellería de Economía e Industria, vén de doar a Cáritas Interparroquial da Coruña máis de 300 xoguetes, material de puericultura e pequenos electrodomésticos procedentes das mostras tomadas para as distintas campañas de inspección e control que realiza anualmente.

    Todos os produtos entregados a Cáritas foron adquiridos polo Instituto Galego de Consumo nas propias tendas con motivo de campañas anuais de control de produtos. Galicia é a comunidade que máis produtos industriais perigosos detecta cada ano, xa que é tamén a que máis investiga neste terreo. Así, Galicia detectou o 28% dos produtos notificados en 2012 á Rede de Alerta Nacional de produtos non alimentarios. Do total de 649 alertas en toda España, Galicia informou de 179, situándose en primeiro lugar, por enriba de Madrid e Cataluña.
     

  • 19 Decembro, 2013
    A Xunta recoñece a traxectoria do emblemático establecemento de Sarria Panadería Pallares

    Sarria (Lugo), 19 de decembro de 2013.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, distinguiu esta tarde a traxectoria de Panadería Pallares, no marco da campaña “A semana do teu comercio: unha semana, un comercio, unha historia”, da que esta semana é protagonista o centro comercial urbano de Sarria.

    Esta iniciativa, que a Consellería de Economía e Industria achega aos cidadáns a través do enderezo electrónico portaldocomerciante.blogspot.com.es, busca resaltar o comercio de proximidade e o labor dos centros comerciais na súa dinamización, así como distinguir os establecementos de maior traxectoria de cada CCA, que souberon adaptarse ao paso do tempo grazas á calidade, a proximidade e a innovación que os caracterizan.

  • 18 Decembro, 2013
    A Xunta salienta en Vigo que a nova Lei do emprendemento achega cobertura integral aos novos proxectos empresariais

    O director do Igape destacou que a nova Lei do emprendemento mellora a fiscalidade para a creación de novas empresas e facilita a eliminación de trabas, axilizando tanto os procesos de creación como os de consolidación de novos proxectos, no marco dun ecosistema emprendedor que dispoña de cobertura idónea en todas e cada unha das fases da creación e consolidación de novas empresas

  • 14 Decembro, 2013
    Economía e Industria impulsa en Marín a formación especializada para artesáns da carpintería de ribeira

    Marín (Pontevedra), 14 de decembro de 2013.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, fixeron hoxe entrega dos diplomas aos artesáns participantes no curso Ecodeseño e  ecoconstrución en embarcacións de madeira, que se desenvolveu no Centro de Formación A Aixola de Marín desde o mes de outubro.

    Esta actividade formativa dirixida a carpinteiros de ribeira en activo, tanto xestores de estaleiros como operarios, permitiu que os alumnos puideran perfeccionar os seus coñecementos na elaboración de tipos de embarcacións como as gamelas e as piraguas a través das diferentes fases do proceso de construción.

    Esta acción didáctica forma parte da estratexia de impulso ao sector artesán que desenvolve a Consellería de Economía e Industria a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. Un dos obxectivos desta estratexia é o de ofrecer aos profesionais unha formación especializada e de perfeccionamento, incidindo especialmente no deseño, a innovación, a aplicación de novas tecnoloxías e a xestión.

  • 12 Decembro, 2013
    A Xunta aproba o programa Galicia Emprende para mobilizar 10 millóns no impulso á actividade emprendedora en Galicia, o dobre que o pasado ano

    Galicia Emprende, aduciu, busca favorecer a creación de emprego a través da posta en marcha de novas empresas e, tamén, a consolidación temperá, durante o primeiro ano, de novas sociedades por parte dos emprendedores galegos. Segundo explicou, as axudas que recolle parten dun mínimo dun 15 por cento ata chegar a un máximo do 50 por cento do investimento solicitado.

    Feijóo explicou que, no que vai de lexislatura, en programas similares ao Galicia Emprende, tense contribuído á creación de 300 novos postos de traballo constituídos en 106 proxectos presentados e financiados parcialmente pola Xunta.

    Para esta nova convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes ábrese o vindeiro 2 de xaneiro e os proxectos que se desenvolvan nas provincias de Lugo e Ourense, xunto cos das comarcas de Ferrolterra e Costa da Morte, terán unhas axudas superiores ao abeiro dos seus respectivos plans de dinamización.

  • 12 Decembro, 2013
    Cores Tourís comproba o remate das obras de potenciación do comercio local en Mondariz

    Os traballos que hoxe visitou son unha realidade grazas ao interese da Consellería de Economía e Industria de traballar en prol da revitalización do comercio de proximidade e da creación dunha rede galega de mercados de abastos excelentes.
    “Seguindo esta liña de actuación, a Consellería concedeu unha subvención a Mondariz encamiñada a executar unha zona de ocio para dar servizo ao mercado tradicional ambulante deste concello e favorecer así a afluencia das familias da contorna a este espazo comercial, fomentando, á vez, as compras no comercio local”, explicou Cores Tourís. O proxecto presentado polo municipio roldou os 34.000 euros, dos cales, o 90% (algo máis de 30.000 euros) foi aportado pola administración autonómica.
     


  • Páxina 24 de 84

  • Mostrando do 461 ao 480 dun total de 1672 rexistros