Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 14 Xaneiro, 2013
    Industria promociona esta semana o Centro Comercial Estrela

    Enmarcase nunha campaña para reactivar o pequeno comercio e inclúe unha homenaxe ao establecemento máis lonxevo.


    Marín. A Consellería de Economía e Industria no marco dunha campaña de dinamización comercial mediante a cal se resalta o labor dos centros comerciais abertos, resaltará e promocionará esta semana ó Centro Comercial Aberto Estrela de Marín.
    Baixo o nome “A semana do teu comercio: unha semana, un comercio, unha historia”, dedicarase cada unha das 52 semanas do ano 2013 a un dos outros tantos centros comerciais abertos existentes en Galicia.
    A iniciativa presta especial atención ao negocio comercial máis lonxenvo e con máis tradición do correspondente centro, e a historia de cada un destes comercios plasmarase nunha bitácora que recollerá unha reportaxe semanal sobre o mesmo e que se poderá consultar a través do Portal do Comerciante, a web que o Goberno galego dedica ao pequeno comercio.
    Deste xeito, a iniciativa non só redundará en beneficio dos distintos centros comerciais abertos de Galicia, senón que tamén permitirá realzar o bo facer daqueles comercios que, xeración tras xeración, souberon adaptarse aos tempos acadando a pervivencia do negocio a través da calidade e proximidade ao cliente. Como recoñecemento a este labor, os galardoados recibirán un diploma conmemorativo no que se destacará o traballo desenvolto polo establecemento.

    Xoiería Muíños. Durante esta semana de promoción do comercio local, o establecemento comercial máis lonxevo de Estrela de Marín, que recibirá tamén a súa correspondente homenaxe, será a Xoiería Muíños, fundada no ano 1908 e que na actualidade está rexentada pola terceira xeración, neste caso por Antonio Muíños Sedano, neto do fundador Antonio Muíños Búa.
    Aproveitando esta importante semana, Estrela de Marín ten previsto levar a cabo varias actividades. A primeira delas será hoxe, as 13.00 horas, coa entrega de premios aos gañadores da Campaña Estrela´12, consistentes en vales de compra por un importe total de 5.000 euros. Para este acto contarase coa presenza da subdirectora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, da alcaldesa de Marín, María Ramallo Vázquez, e da directora de “La Caixa” en Marín, María Lara Tejido.
    A Continuación sortearase o premio da campaña “As túas compras pola cara” e entregaraselle un diploma ao responsable de Xoiería Muíños.
    Mañá, tamén ás 13.00 horas entregaranse as distincións aos establecementos gañadores do IV Concurso de Escaparatismo, e o venres, ás 13.00 horas, entregarase o premio ao gañador da campaña “As túas compras pola cara”.

    Fonte: Diario de Pontevedra

  • 10 Xaneiro, 2013
    A Joyería Amor e a Librería Couceiro galardoadas pola Xunta de Galicia.
    • A Delegada Territorial Belén Do Campo Piñeiro entregará os diplomas que os acreditan como os comercios máis lonxevos dos seu CCA.

    Santiago 10 de xaneiro de 2013. O venres 11 de xaneiro a Delegada Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén Do Campo Piñeiro, acompañada pola subdirectora xeral de Comercio, Sol Vázquez, entregará aos comercios Joyería Amor e Librería Couceiro os diplomas acreditativos que os recoñecen como os comercios máis lonxevos dos seus respectivos CCA.

    Con esta iniciativa a Xunta de Galicia pretende dar a coñecer os Centros Comerciais Abertos así como destacar o traballo e o bo facer daqueles comercios que contan con máis tradición e historia e que, xeración tras xeración, souberon adaptarse aos tempos e acadar a pervivencia do seu negocio a través da calidade e proximidade co cliente.

    A entrega de diplomas será na propia Librería Couceiro (Ronda de Outeiro, 132) do CCA Distrito Los Mayos ás 12 horas e na Joyería Amor (San Nicolás, 5) comercio asociado do CCA Obelisco ás 11:15 horas.

  • 08 Xaneiro, 2013
    "Ao final, este nadal resultou mellor do esperado"

    O Centro Comercial Aberto A Madalena que preside Cristóbal García Nores levaba anos denunciando as rebaixas encubertas que, contravindo a normativa autonómica, se realizaban habitualmente antes do inicio das rebaixas. O Real Decreto ditado en maio polo Goberno, que permite iniciar a campaña en calquera momento e prolongala por tempo indefinido, deixou desarmada a agrupación do pequeno comercio.

    ¿Como afectan estas medidas aos establecementos pequenos?

    Prexudícannos moito. É unha normativa que non pediu ninguén, que non levaban no programa electoral e que de súpeto se aprobou nun Consello de Ministros, no medio dun paquete de medidas, cargándose as disposicións das comunidades, que teñen as competencias de comercio e que deberían ter recorrido ao Tribunal Constitucional. É unha lei que o que fai é complicar moito máis o sector, tomando como exemplo o liberalismo salvaxe de Madrid, e que a nós non nos axuda nada.

    Aínda que na práctica, a Lei de Comercio se incumpría.

    Si, a lei tiña algún burato, pero a estas alturas, o ano pasado, houbo denuncias e houbo inspeccións, e estábase a poñer orde no sector. A partir de agora, as cousas cambian.

    Malia todo, a maioría empezan as rebaixas no día de San Julián.

    Si, a maioría segue respectando o 7 de xaneiro. O comercio non é unha ONG e non pode estar todo o ano de rebaixas. Os que o están, xogan con marxes moi elevadas, cunha baralla diferente.

    ¿Como resultou a campaña de vendas do Nadal?

    Antes de empezar as perspectivas eran moi negras. O feito de non pagar as extras é un golpe duro para o consumo e eu creo que poucas cidades como Ferrol están a notar ese pau. Pero finalmente saímos mellor do que se esperaba. Todo o que se traballou contribuíu a iso. Ferrol recuperou un pouco o seu carácter de cabeceira de bisbarra e as rúas estiveron cheas. Poñer a pista de xeo, o poboado de Belén en Amboage, a animación de rúa... todo iso axudou a que o Nadal se salvase dignamente.

    ¿Como espera que marchen estas rebaixas e os meses que veñen por diante?

    Agora estamos na trincheira e no corpo a corpo todos os días. De nada vale que na xornada de San Julián che saia todo moi ben, porque a campaña de rebaixas dura dous meses... Hai que levantar o ánimo e pelexar máis que nunca.

    Fonte: Diario de Ferrol

  • 06 Xaneiro, 2013
    “A semana do teu comercio” premia o labor do Centro Comercial Aberto Os Mallos

    Santiago, 6 de xaneiro de 2013.- A campaña “A semana do teu comercio: unha semana, un comercio, unha historia” homenaxeará a partir de mañá o labor desempeñado polo Centro Comercial Aberto Os Mallos na dinamización do comercio neste barrio da cidade da Coruña. A iniciativa, posta en marcha por Economía e Industria e que alcanza a súa segunda semana, prosegue deste modo a súa tarefa de realzar o papel das asociacións comercias, dedicando cada unha das semanas do ano a un dos 52 Centros Comerciais Abertos (CCA) existentes en Galicia.

    Así, e tras a semana inicial dedicada ao Centro Comercial Aberto Zona Obelisco, a campaña céntrase mañá no traballo desempeñado polo CCA Os Mallos no desenvolvemento comercial do barrio. A asociación suma hoxe en día máis de 200 asociados, publicando un xornal mensual cuxa tirada chega aos 10.000 exemplares.

    Neste contexto, a iniciativa presta tamén especial atención ao negocio comercial máis lonxevo e con máis tradición dentro de cada CCA, resaltando nesta ocasión o labor das Librerías Couceiro, empresa que iniciou a súa andadura fai máis de cincuenta anos.

    Fundada en 1962 por Manuel Couceiro e Consolo López como establecemento para a venda de revistas, xornais e papelería, o negocio conta nestes momentos con tres tendas na Coruña que achegan aos cidadáns as últimas novidades literarias. Como recoñecemento a súa historia, que se poderá consultar mañá no enderezo http://portaldocomerciante.blogspot.com.es/, recibirá un diploma conmemorativo no que se destacará o traballo desenvolto.

    Con esta campaña, a Consellería de Economía e Industria reitera o seu compromiso co comercio galego como sector de relevancia para a reactivación económica, pondo en valor a importancia dos Centros Comerciais Abertos como estimuladores do mesmo. Non en van, o departamento que dirixe Francisco Conde vén de aprobar unha liña de axudas por valor de dous millóns de euros para asociacións comerciantes, e da que resultaron beneficiarios os 52 CCA galegos e 24 agrupacións de mercados.

    A través deste programa apóiase o labor dos centros comercias abertos, impulsando o desenvolvemento de sistemas de fidelización para promover as vendas directas e atraer aos consumidores, a sinalización comercial ou a posta en funcionamento de centrais de compras e servizos. Incentívanse, así, proxectos que supoñen un investimento de ata 57.000 euros, cunha porcentaxe de axudas que pode chegar ao 80% en función da densidade do centro.

    http://www.portaldocomerciante.blogspot.com.es/

  • 03 Xaneiro, 2013
    O comercio facturará 80 millóns coas primeiras rebaixas de horario libre

    O adianto das ofertas, de ata o 70 %, colleu  por sorpresa os consumidores galegos

    Con absoluta sorpresa e non moita información por parte dos comerciantes, os galegos botáronse onte a rúa para comprobar que numerosos establecementos estaban xa de rebaixas e que, polo tanto, non era necesario esperar ata o día 7 para beneficiarse de importantes descontos nas compras.
    O motivo é a aplicación por primeira vez do Real Decreto Lei 20/2012, do 13 de xullo, que recolle a liberalización das tempadas de rebaixas. En concreto, especifica que «as vendas poderán facerse nos períodos estacionais de maior interese comercial, segundo o criterio de cada comerciante», e que «a duración de cada período será decidida libremente» por cada un deles.
    Polo tanto, as de este ano son as primeiras de horario libre en España. Aínda que o comercio debe cinguirse a eses «períodos estacionais de interese comercial», agora es posible rebaixar os produtos mesmo antes de Nadal, e así sucedeu en numerosas tendas.
    Mesmo antes de Nadal
    Non obstante, para evitar a desorientación dos clientes, a Federación Galega de Comercio (FGC) recomendou a os seus asociados que polo menos este ano esperasen ata o 2 de xaneiro. Por iso onte apareceron masivamente os carteis nos escaparates de Galicia, especialmente nos sectores téxtil e de complementos, con descontos de ata o 70 %. Pero en Ferrol, por exemplo, a maioría dos establecementos do corazón comercial da cidade aplicaron durante todo o Nadal descontos especiais para avivar as ventas. As rebaixas xeneralizáronse nos últimos días do 2012, informa a Redacción de La Voz nesta cidade.
    Mango, Blanco, Bimba & Lola o Cortefiel son algúns exemplos de grupos que xa iniciaron as súas promocións en Galicia, mentres El Corte Inglés o Inditex esperarán pacientemente ata o día 7.
    A FGC confía en que la liberalización de horarios axude a conseguir este ano unha facturación similar á da campaña anterior, entre 80 e 85 millóns.

    Fonte: La Voz de Galicia

  • 02 Xaneiro, 2013
    Antía Señoráns, gañadora absoluta do concurso de debuxo das prazas

     

    Entregou o seu traballo no mercado cambadés e foi elixido entre 3.000 creacións.

    FINALISTAS NA ZONA DO SALNÉS E CALDAS

    A gala foi unha festa na que recibiron premios os 26 semifinalistas. No Salnés foron: Sara Montenegro Otero e Miriam Álvarez Rey (O Grove); Carolina Rodiño Gondar e Carla Martínez Prado (Sanxenxo); Lucía Otero Boubeta e Lucas Sueiro (Portonovo); e Gabriel Doval Magdalena e Saskia Banos Gómez (Vilanova). E en Caldas, Ainhoa Mosteiro e Veiga Serra.
    A Federación de Prazas de Abastos de Galicia e a Cope entregaron os premios do concurso de debuxo "A vida na túa praza", no que resultou gañadora absoluta Antía Señoráns Couceiro, de nove anos, que o entregou no mercado de Cambados. O xurado tomou a decisión tras unha "ardua deliberación" e revisar as creacións dos máis de 3.000 nenos de toda Pontevedra -de entre 4 e 9 anos de idade-participantes na iniciativa. Cabe recordar que de cada praza (13 en total) se elixiron a dous gañadores nunha semifinal que, en Cambados, tamén gañou Anxo David Nine. Señoráns Couceiro levouse de premio "Unha viaxe de aventura" que lle permitirá a ela e aos seus familiares gozar durante catro días dunha estanza en Madrid con entradas para o Parque Warner e o Zoo Aquarium. Así mesmo, o xurado decidiu conceder un accésit na categoría de catro a seis anos a Nuria Rodríguez Iglesias,
    A gala contou coa presenza de responsables de entes patrocinadores: a dirección xeral de Comercio, La Caixa, Toys r´us e "Viaxes Cidade do Lérez".

    Fonte: Diario de Arousa

  • 28 Decembro, 2012
    Proxectan unha tarxeta de compras que xunte a todos os comercios de Ames

    As 4 asociacións de empresarios uniranse para ofrecer campañas conxuntas.
    Ames. As catro agrupacións de comerciantes do municipio amiense unirán as súas forzas para paliar as consecuencias que a recesión económica actual está a deixar no pequeno comercio. Así as Asociacións de Comerciantes de Bertamiráns, de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro, de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro e a de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Boulebar mantiveron o mércores pola noite unha reunión, na que tamén participaron representantes da Concellaría de Promoción Económica para concretar unha proposta conxunta coa que queren incentivar as compras no municipio.
    Segundo adiantou  o presidente de Palmira Boulebar, José Manuel Fernández,  crearase "unha tarxeta de fidelización que xuntará todos os comercios de Ames". A devandita tarxeta funcionará "como unha Travel, pero quixemos ir máis alá. A idea é que cada unha delas estea dotada cun chip de modo que se controlen os puntos que se irían acumulando polas compras". Estes puntos "se baremarían dependendo das compras, aínda que estamos a intentar aclarar cómo se levaría a cabo", explica Fernández.

    Fonte: El Correo Gallego

  • 26 Decembro, 2012
    A Consellería de Economía e Industria apoia a feira de venda de artesanía Ofeitoamán no exterior da Laxe


    Ofeitoaman é a feira de artesanía por excelencia da cidade de Vigo, e a máis importante de Galicia durante as datas do Nadal.

    Ofeitoaman estará na terraza exterior do Centro Comercial A Laxe de Vigo, na zona da Estación Marítima. O Centro dispón de aparcamento (gratuito durante a primeira hora).

    Nesta ocasión participan 26 obradoiros artesáns, de toda Galicia e Portugal.

    Ofeitoaman é unha feira popular e unha visita obrigada no Nadal para os cidadáns de Vigo, e tamén para moitas persoas que se deplazan dende outros puntos de Galicia.

    Regalos auténticos
    Productos con garantía de orixe, directamente do productor ó consumidor, a maioría co marchamo oficial da Artesanía de Galicia.

    Do 20 de decembro de 2012
    ó 5 de xaneiro de 2013
    (Pecha o 25 de decembro e o 1 de xaneiro).

    Horario: de 11 a 14 e de 16:30 a 21
    *Os días 24 e 31 de decembro pechará ás 19 h.

    Máis información
  • 26 Decembro, 2012
    O comercio recupérase no primeiro domingo do Nadal de cheo total nas rúas de Ourense

    O presidente da Federación de Comercio afirma que aumentaron as vendas, pero o cliente opta por facer regalos máis baratos" - As festas de empresa multiplicáronse, pero con menús pechados de 13 a 22 euros

    .J.A. - OURENSE El comercio local viviu onte a súa xornada máis forte de vendas, con cheo total no centro comercial da cidade, e masiva afluencia polas rúas da zona centro, aínda que "cun cliente diferente, cun gasto máis comedido que outros anos e que llo pensa moito e compara prezos antes de comprar", advertía na tarde de onte o presidente da Federación de Comercio de Ourense, Aurelio Gómez Villar.

    Algúns dos comerciantes que rexentan algunhas das cadeas máis importantes de electrodomésticos ou téxtil en Pontevella buque insignia onte do consumo na cidade, sinalaban nesta primeira xornada do Nadal de recuperación comercial "a xente cumpre e segue facendo regalos, pero máis baratos que hai uns anos, e ao final os ingresos en caixa poden ser entre un vinte e un trinta por cento menos", indica un empresario que prefire non dicir o seu nome. É dicir que a crise, aderezada pola supresión da paga extra aos funcionarios, se se nota en Ourense.

    O presidente da Federación Provincial de Comercio sinalou non obstante que "a tendencia ao aforro no gasto do Nadal comezou hai dous ou tres anos, e agora mesmo mesmo as grande marcas, ou os regalos de luxo son menos", explica Gómez Villar, de modo que ata as economías máis saneadas llelo pensan, antes de facer un forte investimento por exemplo nun regalo de xoiaría.

    No sector de hostalaría, a noite máis forte desta campaña ata agora segundo os establecementos da zona centro consultados, foi a do venres, con cheo total en moitos dos establecementos do centro urbano, boa parte protagonizados por traballadores de empresas e adolescentes ou estudantes universitarios que iniciaban as vacacións. En todo caso imperou o aforro, e esgotáronse as reservas nos locais que ofrecían menús de prezo pechado entre 13 e 15 euros ata un máximo de 22 euros

    Tamén se atrasou o inicio de campaña do Nadal que "hai uns anos comezaba a principios de decembro e - esta ocasión o consumidor esperou; aínda que queda aínda a campaña de Reis, e as rebaixas que "ao terse liberalizado as datas poderían empezar o 2 de xaneiro na maioría dos establecementos ", apunta Aurelio Gómez Villar.

  • 20 Decembro, 2012
    O comercio estimula as vendas con premios e os primeiros descontos

    Os comerciantes da comarca seguen coa súa intención de estimular as compras no pequeno comercio para beneficiar dese xeito a economía local. Desde as distintas asociacións teñen en marcha campañas con suculentos premios en vales de compra -a última en presentarse foi onte a ribadense- e son moitos os comercios que xa locen nos seus escaparates e dentro os primeiros descontos que nalgúns casos chegan a alcanzar o 40 e ata o 50%.

    O colectivo de comerciantes ribadense repartirá este Nadal 7.000 euros en vales de compra -un premio de 3.000 euros, outro de 2.000 e doce de 250 euros-. Os afortunados serán as persoas que teñan as papeletas que coincidan cos números premiados no sorteo da lotería do Neno. Ademais, grazas aos comerciantes Papá Noel visitará as rúas da vila os días 22, 23 e 24 e un carteiro real fará o mesmo o 2, 3 e 4 de xaneiro, para sorprender aos máis pequenos.

    Fonte: El Progreso

  • 14 Decembro, 2012
    Vén de publicarse no DOG a modificación dos días hábiles comerciais para os concellos de Ferrol e Narón

     

    De acordo co disposto no artigo 6.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, dáse publicidade aos cambios producidos na Orde do 11 de outubro de 2012 como consecuencia das resolucións do 7 de decembro de 2012 polas que se modifican os domingos e días festivos hábiles comercialmente para os concellos de Narón e Ferrol, logo da correspondente solicitude dos concellos.
    Máis información
  • 14 Decembro, 2012
    A Xunta resalta o labor dos centros comerciais abertos a través da campaña 'A semana do teu comercio'
    • Economía e Industria dedicará cada unha das 52 semanas do ano 2013 a un dos 52 Centros Comerciais Abertos existentes en Galicia
    • A iniciativa prestará especial atención ao negocio comercial máis lonxevo de cada zona narrando as súas historias a través do Portal do Comerciante
    • A Consellería reforza así o traballo dos Centros Comerciais Abertos aos que ven de destinar dous millóns de euros para a súa dinamización

    Santiago, 13 de decembro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria traballa na posta en marcha dunha campaña de dinamización comercial a través da cal se persegue realzar o papel que están a desenvolver os Centros Comerciais Abertos (CCA). Así, e baixo o nome “A semana do teu comercio: unha semana, un comercio, unha historia”, dedicarase cada unha das 52 semanas do ano 2013 a un dos 52 Centros Comerciais Abertos existentes neste momento en Galicia.

     

    A iniciativa prestará especial atención ao negocio comercial máis lonxevo e con máis tradición do correspondente Centro. A historia de cada un destes establecementos plasmarase nunha bitácora que recollerá unha reportaxe semanal sobre o mesmo e se poderá consultar a través do Portal do Comerciante (http://portaldocomerciante.xunta.es), a web que o Goberno galego dedica ao pequeno comercio.

     

    Deste xeito, a iniciativa non só redundará en beneficio dos distintos Centros Comerciais Abertos de Galicia, senón que tamén permitirá realzar o bo facer daqueles comercios que, xeración tras xeración, souberon adaptarse aos tempos acadando a pervivencia do negocio a través da calidade e proximidade ao cliente. Como recoñecemento a este labor, os galardoados recibirán un diploma conmemorativo no que se destacará o traballo desenvolto polo establecemento.

     

    Con esta campaña, a Consellería de Economía e Industria reitera o seu compromiso co comercio galego como sector de relevancia para a reactivación económica, pondo en valor a importancia dos Centros Comerciais Abertos como estimuladores do mesmo. Non en van, o departamento que dirixe Francisco Conde vén de aprobar unha liña de axudas por valor de dous millóns de euros para asociacións comerciantes, e da que resultaron beneficiarios os 52 CCA galegos e 24 agrupacións de mercados.

     

    A través deste programa apóiase o labor dos centros comercias abertos, impulsando o desenvolvemento de sistemas de fidelización para promover as vendas directas e atraer aos consumidores, a sinalización comercial ou a posta en funcionamento de centrais de compras e servizos. Incentívanse, así, proxectos que supoñen un investimento de ata 57.000 euros, cunha porcentaxe de axudas que pode chegar ao 80% en función da densidade do centro.

  • 13 Decembro, 2012
    Galicia Calidade ampara nun 150% máis marcas galegas con calidade galega.

    A sociedade pública dependente da Consellería de Economía e Industria certifica un total de 270 produtos e servizos co seu selo de garantía.

    No mercado actual, onde cada é maior a competencia e a diversificación de produtos, cabe sinalar, a necesidade de diferenciarse dos demais. A calidade marca a diferenza  permitindo así ás empresas ser máis competitivas.
    Desde a consellería de economía e industria, que se merca como retos de importancia estratéxica apoiar á internacionalización, a innovación e a mellor competitiva do tecido empresarial galego, apóstase polo selo Galicia Calidade como unha marca de prestixio abandeirada da excelencia dos produtos galegos a nivel internacional, nacional, e autonómico.
    Os obxectivos que se marcou a Consellería á hora de conceder o selo centráronse na vocación das empresas asociadas pola apertura a novos mercados, a innovación constante e a diferenciación nos mercados pola calidade. Os produtos ao abeiro da marca Galicia Calidade sempre teñen garantida a innovación, a diferenciación e a calidade do bo facer das empresas galegas.
    Tendo en conta os criterios mencionados, a marca Galicia Calidade incrementou a súa presenza nun 150% nos produtos e servizos certificados, que  pasaron de 107 no 2009 a 270 na actualidade.
    Os programas de auditorías e ensaios de Galicia Calidade garanten que os produtos  e servizos amparados polo selo superaron todos os controis esixidos, e así contan coas materias primas de máis alta calidade.
    A Consellería de Economía e Industria , a través de Galicia Calidade, desenvolve unha intensa actividade co obxectivo de promocionar a calidade e o consumo destes produtos galegos. As empresas ven recoñecido así o seu esforzo de superación co apoio de promocións, campañas publicitarias e eventos, que os dan a coñecer tanto a nivel nacional como internacional.
    Neste sentido, para dar a coñecer de primeira man os produtos de Galicia Calidade aos consumidores, e favorecer o seu consumo, leváronse a cabo na última lexislatura máis de 500 accións promocionais nas principados cadeas de distribución de España e, a través delas, ofreceuse información a máis de 120.000 persoas sobre a marca e os produtos e servizos certificados. Ademais, para impulsar a promoción das empresas asociadas participouse nunha vintena de feiras profesionais de distintos sectores e con marcado carácter internacional.
    Galicia Calidade estivo tamén nas principais citas gastronómicas e, co obxecto de dar a coñecer e probar os produtos ao público, realizáronse catas internacionais de augas, viño, conservas e máis de 25 “showcookings” realizados todos eles por profesionais de prestixio.
    Por outra banda, e entre outras actuacións, Galicia Calidade amosou o seu apoio a máis de 20 eventos e seminarios profesionais, realizados sempre mediante a achega e presenza de produtos e, por último, neste repaso das accións máis significativas, tamén cómpre lembrar a caravana que percorreu Galicia este verán, achegándose a 35 poboacións da comunidade.

  • 13 Decembro, 2012
    O conselleiro de Economía e Industria manifesta o seu compromiso co sector comercial como dinamizador da economía galega
    • Francisco Conde mantivo un primeiro encontro cos integrantes do Consello Galego de Comercio no que manifestou a seu interese por escoitar as necesidades dun sector de gran relevancia para Galicia
    • Conde destacou que Galicia mantense como unha das tres comunidades que máis esforzo investidor fai en materia de comercio
    • Amosou a súa intención de reforzar ás liñas iniciadas na pasada lexislatura co fin de modernizar o comercio e mellorar a súa competitividade

    Santiago, 12 de decembro de 2012.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, presidiu hoxe a reunión do Consello Galego de Comercio, onde manifestou o seu compromiso cos comerciantes galegos destacando o importante papel do comercio como dinamizador e xerador de emprego. O conselleiro fixo especial fincapé, ante os representantes do Consello, no seu interese por escoitar as necesidades dun sector de gran relevancia para a reactivación da economía de Galicia.

     

    Nesta primeira toma de contacto do conselleiro co sector comercial, subliñou a relevancia da figura do Consello creado como órgano de consulta e espazo para a procura de consenso, e cuxa convocatoria responde á necesidade de asesorar, modernizar e mellorar o comercio galego. A través do Consello, creado no marco da Lei de Comercio Interior de Galicia, a Xunta aspira a facer máis forte o tecido comercial impulsando o crecemento económico na Comunidade.

    O conselleiro de Economía e Industria lembrou tamén que, a pesar dos axustes orzamentarios, Galicia mantívose como unha das tres comunidades que máis esforzo investidor fixo en materia de comercio, cunha inversión de 87 millóns de euros. Ademais, por medio do Plan Agora, agora Re-comercia contribuíuse á dinamización comercial, revalorizando as prazas de abastos e incentivando o consumo.

     

    Conde manifestou a súa intención de manter e potenciar as liñas establecidas nos últimos catro anos, estando preto dos comerciantes e reforzando as iniciativas que contribuíron a fortalecer a competitividade e modernización do comercio galego.

    Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria reitera a súa aposta polo comercio como líder so sector terciario da economía galega; un sector que suma máis de 50.400 empresas activas e ten especial incidencia no emprego feminino. 

    Máis información
  • 13 Decembro, 2012
    Nace en Compostela o Mercado da Estrela

     

    2/12/2012 A primeira edición do Mercado da estrela celebrarase no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o sábado 15 e domingo 16 de decembro, en horario de 11:00 a 20:00 horas, aglutinando ocio, compras, cultura, solidariedade e novas tendencias. A feira navideña reunirá a artistas, emprendedores e artesáns novos e
    consolidados para dar a coñecer as súas coleccións e que o seu talento se converta en agasallo de Nadal. Ilustración, moda, complementos, decoración, fotografía ou cosméticos, exhibiranse en stands de ecodeseño elaborados de xeito exclusivo para o evento imitando a aparencia dos carballos galegos na estación invernal.

    A Concellaría de Economía, Comercio, Turismo e Mercados apoia a iniciativa. A súa titular, Reyes Leis, participou na presentación deste Mercado da Estrela, que contará cunha animada carpa de restauración e música na zona exterior do Museo ata entrada a noite (sábado 15 ata as 23:00 h e domingo 16 ata as 22:00 h). Neste espazo, os visitantes poderán gozar das actuacións musicais de bandas emerxentes galegas, así como dos produtos que se ofertarán nas casetas habilitadas para o efecto, onde atoparán repostería galega e americana, pan ecolóxico, sandwiches, pizzas e a nova cervexa de Estrella Galicia: Red Vintage, entre outros produtos que completarán a oferta gastronómica.

    O Mercado da Estrela contará cun servizo de gardería-ludoteca infantil para os máis cativos, obradoiros creativos de estampación cerámica, elaboración de adornos de Nadal e achegamento á apreciación da música clásica, entre outras actividades.

    Habilitarase así mesmo un espazo para a solidariedade, no que agrupacións de axuda aos máis desfavorecidos darán a coñecer as súas actividades e tratarán de captar voluntarios e obter doazóns económicas.

    O Mercado da Estrela é unha iniciativa da empresa Correveydile en colaboración co CGAC e Ardora Comunicación SL, e conta co patrocinio do Concello de Santiago de Compostela; a Xunta de Galicia, a través da Fundación Artesanía de Galicia, coa presenza de cinco dos seus artesáns; e Estrella Galicia. Colaboran tamén Acanto Decoración, En Panties Produccións, Kuinart, Sati Tejidos e Xosé Ramiro Sánchez Carro.

    Máis información
  • 12 Decembro, 2012
    O novo Renault Clío será o regalo estrela da campaña de Compostela Monumental

    TELEVISORES E CENTOS DE PRODUTOS DE DISTINTO TIPO CONFIGURAN UNHA CAMPAÑA DE MÁIS DE 15.000 € EN REGALOS ENCAMIÑADA A PREMIAR A FIDELIDADE DOS CLIENTES POLAS SÚAS COMPRAS NA ZONA VELLA

    Por noveno ano consecutivo, Compostela Monumental, a Asociación de Comerciantes, Empresarios e Profesionais do Casco Histórico da capital de Galicia, e que preside José Manuel Bello Rey, sorteará un automóbil como regalo estrela da campaña de Nadal 2012/13.
    Nesta oportunidade o vehículo será o novo Renault Twingo, un precioso utilitario de última xeración da firma francesa, froito da colaboración que manteñen dende hai seis anos a patronal da zona vella con Renault e Dacia Caeiro.
    Ademais do Renault Twingo, a campaña de Nadal de Compostela Monumental ten outros regalos para premiar e fidelizar a todos os clientes que realicen as súas compras na zona histórica do 12 de decembro de 2012 ao 7 de xaneiro de 2013, como o sorteo de dous televisores de 32" e centos de regalos variados (camisas, traxes, xoias, reloxos, comidas, ceas, almorzos, hospedaxes en hoteis de luxo do ámbito monumental...etc).
    O valor dos premios que conforman a campaña 2012/13 de Compostela Monumental superan os 15.000 €.
    "Unha vez mais, e malia a delicada situación económica pola que está a atravesar o noso sector, dende Compostela Monumental volvemos facer un grande esforzo nunha campaña de dinamización e promoción que beneficiará a todo o casco histórico", destaca José Manuel Bello, Presidente dos comerciantes da zona vella.
    Este ano non se instalará o Escaparate Monumental en Porta Faxeira debido a que dende o Concello de Santiago non se tramitou o permiso correspondente. O obxectivo de Compostela Monumental era ter o Escaparate instalado o día 1 de decembro e comezar a campaña sobre o día 4, como todos os anos. "Agora non é o momento de explicar á opinión pública determinados comportamentos impresentables. Temos que estar centrados na campaña de Nadal, na que o pequeno comercio da cidade se xoga moito. Xa chegará o momento de pedir responsabilidades aos que están a poñer en perigo o asociacionismo comercial desta cidade e a viabilidade do seu comercio tradicional", sentencia o Presidente de Compostela Monumental.

  • 05 Decembro, 2012
    O Mercado de Abastos repartirá 8.000 euros en premios na súa campaña de Nadal

    Un Nadal para todos os públicos, ese es el lema de la campaña de Navidad de la Plaza de Abastos de Santiago. La campaña fue presentada ayer por la concejala de Comercio y Turismo, Reyes Leis, y por la gerente del Mercado, Marta Rey, y quiere promover la compra en la Plaza en estas fechas a través de sorteos y concursos.

    Segundo indicou Marta Rey, a idea da campaña é indicarlle aos consumidores que no Mercado hai produtos para todos os petos e para todos os menús. Así, tal como reza a iniciativa, na Praza poden comprar os ingredientes para menús económicos, tradicionais, sibaritas ou clásicos. A campaña inspírase no cine, facendo gala dunha Praza con "prezos de cine, calidade de Óscar e sorteos de película,".

    Fonte: El Correo Gallego

  • 05 Decembro, 2012
    A Asociación de Comerciantes dá Praza de Abastos sorteará oito cestas por Nadal

    REDACCIÓN - MARÍN La Asociación de Comerciantes dá Praza de Abastos de Marín organizará un sorteo de oito cestas de produtos ás que se poderá optar a través das 10.000 rifas que se distribuirán nun total de 25 postos asociados.

     

    Os clientes deberán cumprir as papeletas cos seus datos e depositalas en calquera das urnas que se habilitarán para tal fin no mercado.

    O sorteo levarase a cabo o próximo día 20 ás 13 horas. Será o día seguinte á mesma hora cando se realice a entrega das cestas aos diferentes gañadores.

     

    Con esta iniciativa encadrada dentro da campaña de Nadal de 2012 os comerciantes pretenden incentivar e impulsar as compras durante o período do Nadal e, ao mesmo tempo, premiar a fidelidade dos clientes da Praza.

    Por outra parte, a asociación anunciou onte que unha decoradora se encargou durante estes días de engalanar os postos asociados con motivos e adornos propios destas datas "tan especiais".

     

    "Queremos facer máis agradable as compras dos usuarios no mercado", explicaron dende o sector.

    Fonte: Faro de Vigo

  • 05 Decembro, 2012
    Xa está en marcha a campaña de Nadal de FECIMO:

    A campaña de Nadal que organizan as empresas asociadas da Comarca do Morrazo identifícase este ano cunha árbore formada por caras sorrintes de diferentes cores, obra de Miguel Cereijo. Del se pode extraer a idea de unión entre as empresas da Comarca e o seu carácter de proximidade cos cidadáns, que é o que as identifica. O lema escollido non podía ser outro que “CONTIGO É MÁIS NADAL”, porque o Nadal está feito entre todos, comercio local e os clientes que seguen a confiar nel.
    Os establecementos participantes están xa preparados para esta campaña, decorando os seus interiores e escaparates con cores brillantes e desexos de Bo Nadal. FECIMO pon á súa disposición a cartelería, folletos e boletos do sorteo, así como elementos decorativos como grinaldas en forma de árbore e bolsas de papel con motivo do Nadal. Todo axuda para amosar aos cidadáns unha imaxe de unión do tecido empresarial, nunhas datas nas que as rúas se enchen de xente.
    Ademais, esta árbore ven cargada de sorrisos, polos cuantiosos premios que se reparten na campaña. En total serán repartidos 10.000 euros entre os que fagan as súas compras de Nadal no Morrazo, sempre en cheques-compra para trocar nos establecementos adheridos á promoción.
    Por mercar nalgún destes establecementos a partir do 1 de decembro e ata o 9 de xaneiro – ambos incluídos- os clientes recibirán boletos con códigos que terán que rexistrar na páxina web: www.compranomorrazo.com .Alí comprobarán se son gañadores dun premio directo.

    Os premios repártense do seguinte xeito:

    • 3 premios de 100 euros

    • 3 premios de 250 euros

    • 29 premios de 50 euros

    Estes 35 premios aparecerán ao longo de toda a campaña. Os agraciados deberán identificarse nas oficinas de FECIMO e presentar o boleto premiado. Todos os participantes, con premio ou non, deberán gardar os seus boletos, porque entre todos os rexistrados haberá un GRAN SORTEO FINAL: 3 premios de 2.500 euros en cheques compra, un por localidade (Bueu, Cangas e Moaña).
    Este sorteo será celebrado o 13 de xaneiro, no marco da III Gala do Comercio do Morrazo, que se organiza de forma rotativa entre os tres Concellos sendo realizada este ano en Moaña. Infórmase que nesta edición participan na campaña entorno a 250 empresas, das vilas de Bueu, Cangas e Moaña. Xa están en circulación entre todas elas uns 130.000 boletos con códigos, que serán repartidos ata o 9 de xaneiro. De entre todos eles sairán os 35 premios directos a través de www.compranomorrazo.com e os 3 premios finais de 2500€ resultantes do sorteo.
    O sistema de participación modernízase ano a ano, adaptándose as novas tecnoloxías cunha páxina especialmente adaptada para dispositivos móbiles e tablets.
    Os clientes poderán utilizar calquera soporte para comprobar os seus códigos.
    Para quen non este familiarizado com este sistema, prestarase coma sempre axuda necesaria dende as oficinas de FECIMO.
    Por outra banda, como actividade de dinamización comercial, estase a organizar unha Gymkana para os máis pequenos do fogar, para que nas súas vacacións interactúen cos establecementos das súas vilas. Será como unha búsquena do tesouro, na que os cativos terán que resolver os enigmas que se lles plantexen en cada tenda, e así ir avanzando para conseguir entrar nun sorteo de agasallos especial para eles.

    Fonte: Fecimo

    Máis información
  • 04 Decembro, 2012
    A Xunta enxalza a diversificación dos traballos das redeiras da Guarda a través da venda de produtos artesanais

    Susana Rodríguez pon o proxecto desenvolvido polo Grupo de Acción Costeira de Vigo - A Guarda como exemplo de dinamización e de complementación económica. A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño da Consellería de Economía e Industria abre ao público un novo punto de promoción e venda de Artesanía de Galicia, que acollerá as novas creacións das redeiras e outros produtos de 10 obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía da Xunta de Galicia.

     

    A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, enxalza o labor de diversificación do Grupo de Acción Costeira número 7 da Ría de Vigo-A Guarda. Farao na clausura da xornada de presentación do proxecto Diversificación da actividade das redeiras, unha iniciativa que conta coas achegas concedidas ao abeiro do GAC 7. A titular de Desenvolvemento Pesqueiro pon esta iniciativa como exemplo de diversificación do traballo das redeiras e de complementación económica.

    Obxectivo do proxecto

     

    A iniciativa ten por obxecto divulgar a actividade das redeiras a través da venda de produtos de artesanía. Ademais, tamén busca capacitar o colectivo nas tarefas relacionadas coa artesanía, a través dunha formación práctica específica para o deseño de produtos artesanais coa colaboración de profesionais do deseño. Así acádase a diversificación do traballo das redeiras, de xeito que poderían obter ingresos económicos complementarios que permitirán unha mellora na súa calidade de vida.

    O desenvolvemento do proxecto realizarase a través de diferentes actividades como son os obradoiros divulgativos, onde as redeiras amosarán o seu traballo coas diferentes artes e aparellos; a realización dunha xornada sobre o traballo deste colectivo; a formación en fabricación de produtos artesanais –como bolsos ou bufandas- e a formación e promoción nas redes sociais. A iniciativa tamén contempla a elaboración de material divulgativo sobre a actividade das redeiras e da pesca na Guarda así como instalar un expositor para promocionar os produtos artesanais feitos por estas profesionais.

     

    O proxecto supón un orzamento total de máis de 2.000 euros, dos que a Consellería do Medio Rural e do Mar subvenciona, a través do eixo 4 do Fondo Europeo da Pesca, o 80%.

    Novo punto de venda de Artesanía de Galicia

     

    Con motivo da presentación deste proxecto, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, da Consellería de Economía e Industria, abre ao público un novo punto de promoción e venda de Artesanía de Galicia, que acollerá as novas creacións deste colectivo e outros produtos de 10 obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía da Xunta de Galicia. Esta nova apertura enmárcase na estratexia da Xunta para que a marca Artesanía de Galicia, presente xa en numerosos establecementos comerciais, conte con espazos propios en exclusiva en contornas singulares e de especial atracción de visitantes, contribuíndo, polo tanto, á mellora da comercialización e á promoción do produto artesanal galego.

    Neste labor, as Consellerías de Economía e Industria e do Medio Rural e do Mar, puxeron en marcha no ano 2012 o proxecto “Enredadas. Cultura e oficio das Redeiras”. Esta iniciativa enmárcase na estratexia de impulso ao sector artesán galego e á recuperación dos oficios tradicionais. O obxectivo principal é amosar o traballo, a tradición e o oficio das redeiras artesás, iniciando ademais actividades de diversificación económica dirixidas a produtos de artesanía.

     

    No 2012 leváronse a cabo cinco cursos de formación especializada para a creación de novos produtos que poidan contribuír a unha mellora económica e posta en valor do seu traballo.

    Máis información

  • Páxina 31 de 85

  • Mostrando do 601 ao 620 dun total de 1686 rexistros