Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 09 Marzo, 2015
    A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez fixo hoxe entrega en Vedra do certificado de uso desta marca de garantía á adega coruñesa Adegas Valdés.

    Vedra (A Coruña), 9 de marzo de 2014.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, acompañada do xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, fixo hoxe entrega en Vedra do certificado de uso desta marca de garantía á adega coruñesa Adegas Valdés. Con este recoñecemento, os viños desta empresa, certificados da D.O. Rías Baixas, poderán incluír na súa etiquetaxe o distintivo de calidade da Xunta de Galicia.

    Coa incorporación desta nova compañía Galicia Calidade conta na actualidade con doce adegas certificadas, das cinco Denominacións de Orixe: Adega A Coroa,Adega dos Eidos, Adegas Tollodouro, Bodegas Nairoa, Bodegas Pazo Villarei, Bodegas Ruchel, Castro Baroña, Gargalo, Quinta do Buble, Regina Viaurm e Vilarvín, ás que se suma agora Valdés.

    Os asistentes realizaron unha visita ás instalacións da adega acompañados do propietario da mesma, Manuel Valdés. O certificado de uso, con validez para os vindeiros tres anos, permitirá aos viños desta empresa incluír o distintivo nas etiquetaxes así como noutras accións de promoción que estimen oportuno.

    En concreto, Adega Valdés conta cos seguintes viños amparados pola marca de garantía Galicia Calidade: “Da viña Galega”, “Gundián”, “Inmortal”, “Mayor de Gundián”, “Señorío de Rozadela” e “Xiradella”. Uns caldos de alta calidade e con importantes recoñecementos a nivel nacional e internacional.

    Aposta pola calidade
    Adega Valdés é reflexo da vocación e traballo da familia Valdés, propietaria desde hai máis de 30 anos de vinte hectáreas de viñedos a beiras do río Ulla. No ano 2001, coa ampliación da Denominación de Orixe Rías Baixas a esa zona, fúndase a actual adega, que xunta tradición familiar coas máis vangardistas técnicas de elaboración vitivinícola. Os seus viños responden a un traballo que aposta pola calidade e o bo facer na elaboración dos mesmos.

    A Consellería de Economía e Industria ten en marcha a Estratexia de Reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 300 produtos certificados, de 51 empresas diferentes, cunha forte presenza do sector vitivinícola.

    Máis información
  • 08 Marzo, 2015
    A directora xeral de Comercio participou na clausura do V Congreso Intercoiffure España de perruquería en Ourense

    A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou na clausura do V Congreso Intercoiffure España de perruquería, que tivo lugar no Edificio de Empresariais do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.

    Máis información
  • 03 Marzo, 2015
    Economía e Industria achega aos comerciantes e artesáns do Morrazo apoios para innovar nos seus negocios

    Cangas (Pontevedra), 3 de marzo de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, achegou hoxe aos comerciantes e artesáns do Morrazo a nova convocatoria de axudas para impulsar a innovación e a calidade no sector comercial e artesán galego, dotado con 2,5 millóns de euros e á que se poden presentar solicitudes ata o vindeiro 11 de marzo.

    Vázquez Abeal salientou que, a través desta convocatoria que forma parte do programa de renovación do tecido comercial galego, os comercios e as empresas artesás poden obter axudas para a posta en marcha de novos sistemas de comercialización e información ao consumidor que combinen o comercio on line e o off line ou que impliquen a utilización das redes sociais para a venda, avanzando así na incorporación do smart commerce, baseado na interrelación co cliente.

    Isto permite, tal e como explicou a directora xeral de Comercio, complementar a experiencia de compra presencial dos consumidores cos diferentes canais comerciais. Tamén se apoia a posta en marcha de novas ferramentas de xestión e melloras na presentación dos produtos, e como novidade este ano, inclúense axudas para actuacións de mellora da imaxe exterior e o acondicionamento dos establecementos comerciais.

    No encontro tamén interveu o presidente de Fecimo, Xosé Bangueses, que compartiu a súa experiencia á fronte da Librería Abrente de Bueu. Este negocio, que mantén unha presenza activa nas redes sociais, conta desde o ano pasado como complemento á tenda física cunha tenda on line especializada con máis de 2.000 títulos de libros de Galicia e cuxas vendas chegan a países como Dinamarca, Francia, etc.


    Participou tamén o artesán do coiro Isaac Romero, profesional residente en Moaña con máis de 20 anos de experiencia e Máster de Deseño en Pel pola Fundación Loewe e a Universidade Politécnica de Madrid co apoio da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, que explicou a súa aposta pola mellora continua do seu negocio, que agora comercializa coa marca coIRaxe.

    Axudas de ata 11.500 euros
    Na convocatoria que se presentou hoxe ademais das axudas para a posta en marcha de novos sistemas de comercialización e información ao consumidor que combinen o comercio on line e o off line ou que impliquen a utilización das redes sociais para a venda, tamén se concederán apoios para a implantación de ferramentas que melloren a xestión do negocio e o deseño dos produtos que non fosen utilizadas con anterioridade; e para o desenvolvemento e implantación de novos sistemas de packaging e etiquetado. Para estes tipos de iniciativas tanto comerciantes como obradoiros artesanais poden sumar axudas de ata 11.500 euros.

    Ademais, como novidade este ano os comerciantes poden obter apoios de ata 6.000 euros para o acondicionamento do local comercial, e para medidas orientadas á mellora da imaxe exterior e a adquisición de moblaxe e equipamento.

    Dentro desta orde, no marco do impulso ao asociacionismo comercial como un dos eixos da estratexia específica de apoio ao sector, con diferentes programas de apoio ao longo do ano, as federacións de comerciantes poderán optar a apoios de ata 3.000 euros para o desenvolvemento de sistemas de m-commerce (comercio a través do móbil), aplicacións e webs móbiles.

    Impulso á competitividade do sector artesán
    Nesta mesma convocatoria, apoiarase con ata 63.000 euros ás asociacións profesionais de artesáns no desenvolvemento de sistemas de etiquetado intelixente, que acheguen información sobre os produtos e o seu proceso de elaboración. Estas entidades tamén poderán desenvolver con ata 56.000 euros de axuda proxectos de deseño e creación de novos produtos a partir da colaboración de dous ou máis artesáns e un deseñador.

    Tal e como lembrou Vázquez Abeal, os apoios ás asociacións e ás empresas artesás enmárcanse no Plan de Artesanía de Galicia, unha folla de ruta que ten por obxectivo conseguir un sector artesán sólido e sustentable no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento.

    Con esta nova convocatoria, a Consellería de Economía e Industria leva xa activados nos dous primeiros meses do ano programas de apoio ao sector comercial por 7,6 millóns de euros. Dentro tamén do programa de renovación do tecido comercial, a Consellería ten aberta ata o 31 de agosto a convocatoria de axudas para a transmisión xeracional, dotada con 150.000 euros, co obxectivo de impulsar o emprendemento e a continuidade da calidade do sector en Galicia.

    Os transmisores, que deben ter 64 anos ou máis no momento da presentación da solicitude, poderán recibir axudas de 800 euros mensuais ata a idade ordinaria de xubilación, ata un máximo de 12.800 euros, ou un único pago de 800 euros se xa a teñen. Os que retomen a actividade recibirán apoios por 2.000 euros, e formación por parte do comerciante experimentado.

    Puxéronse tamén en marcha os programas de apoio aos concellos galegos para o impulso dos mercados, dotado con preto de 3 millóns de euros e cofinanciado con fondos Feder, así como a convocatoria de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, cun orzamento de 2,2 millóns.

     

     
    Xunta de Galicia

     

    Máis información
  • 28 Febreiro, 2015
    Belén do Campo asiste á inauguración do salón Expoboda Barbanza 2015, que se desenvolverá ao longo da fin de semana

    Boiro (A Coruña), 28 de febreiro de 2015.- A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, asistiu esta tarde en Boiro á inauguración do sexto salón Expoboda Barbanza 2015, que permanecerá aberto esta fin de semana para amosar ao público as últimas tendencias sobre a organización destes eventos e contará coa presenza de distintas firmas do sector que forman parte do tecido empresarial desta área, tales como florerías, tendas de moda, restaurantes, pastelerías ou empresas de fotografía, xoiería, viaxes ou salóns de peiteado e estética.

    Do Campo, que estivo acompañada polo alcalde de Boiro, Juan José Dieste, e polo presidente da Federación Boirense de Empresarios, Óscar España, trasladou o apoio do Goberno galego a esta iniciativa, pois, segundo incidiu, “sitúase na liña de actuación que ven defendendo: a de impulsar o pequeno comercio, o de proximidade, como motor de crecemento en Galicia e como xerador de emprego”.

    Neste senso, a máxima representante do Goberno galego na provincia sinalou que desde o Executivo autonómico vense traballando desde hai tempo na posta en marcha de iniciativas innovadoras, potenciando a adaptación do comercio de proximidade ás novas demandas dos consumidores e mellorando a súa competitividade, ao tempo que se garante a continuidade do saber facer, a calidade e a profesionalidade que o caracterizan. “Por todo iso, entendemos que este escaparate de propostas de comercio especializado, neste caso nas vodas, permite achegar ao visitante as novas tendencias do sector e é un bo reflexo da potencialidade e do futuro que ten este sector para liderar o crecemento e a dinamización da comarca do Barbanza”, concluíu.

  • 19 Febreiro, 2015
    A Xunta destinou 37.500 euros ao concello de Baiona para a mellora e conservación da cuberta do mercado de Sabarís

    Baiona (Pontevedra), 18 de febreiro de 2015.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, realizou esta mañá un percorrido pola praza de abastos de Sabarís, en Baiona, para coñecer as instalacións e comprobar o resultado da reforma e mellora feita polo goberno local grazas á axuda que recibiu da Consellería de Economía e Industria. Na visita, a delegada estivo acompañada polo alcalde da localidade, Jesús Vázquez Almuiña, e varios membros da Corporación municipal.

    Ao abeiro do programa de axudas aos concellos galegos para a mellora competitiva do comercio de proximidade convocadas pola Consellería, o Concello de Baiona foi un dos beneficiarios deste tipo de subvencións recibindo así un total de 37.500 euros para a mellora e conservación da cuberta do mercado de Sabarís.

    Segundo explicou a delegada da Xunta, a praza de abastos de Sabarís “localízase nun centro neurálxico da parroquia formando parte do espazo público máis significativo e representativo do barrio e que por mor dos temporais ocorridos no inverno pasado viuse danada nalgunha das súas partes”. Por isto, as obras de mellora da praza consistiron en:

    - reparación das correas de madeira e rastreles;
    - mellora do sistema construtivo, incluíndo panel sandwich de 30 mm de espesor, mellorando a estanquidade e impermeabilización da cuberta ademais de mellorar as condicións de illamento térmico do local;
    - reparación das filtracións e problemas de humidade na cuberta anexa (zona de postos/tendas), así como limpeza de canalóns e baixantes de pluviais;
    - pintado dos tramos da fachada deteriorados

    O custo da obra ascendeu a un total de 50.000 euros, do cal o 75% -o máximo subvencionable- corre a cargo da Xunta de Galicia e o 25% restante ao goberno local.

    A representante da Administración autonómica en Vigo e a súa área recordou que o Concello de Baiona xa recibira en anteriores convocatorias o respaldo da Consellería de Economía e Industria para potenciar e impulsar a competitividade do mercado de proximidade con importantes apoios destinados á mellora e potenciación da praza de abastos de Baiona, motor comercial e económico da vila, onde se investiron máis de 720.000 euros nas melloras realizadas no propio mercado e tamén na súa contorna.

    Bravo Bosch sinalou que este tipo de axudas son unha importante iniciativa posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria coa finalidade de impulsar a potenciación dos mercados e prazas de abastos, sempre co obxectivo de promover a súa excelencia e posicionalos como líderes na venda de produto fresco e perecedoiro.

    Nova convocatoria
    Por último, lembrou que a Consellería de Economía e Industria mantén aberta a día de hoxe a nova convocatoria de axudas para este ano, dotada con preto de 3 millóns de euros e cofinanciada con Fondos Feder, co obxecto de acadar a mellora competitiva do comercio de proximidade ao tempo que se acada a revitalización da actividade comercial das vilas e cidades galegas.

    O prazo para que os concellos interesados se acollan a esta orde de axudas e poidan presentar os seus proxectos remata o vindeiro día 23 de febreiro.

    Este programa de axudas aos concellos galegos enmárcase na estratexia específica da Xunta de Galicia de impulso ao comercio como elemento vertebrador das vilas e cidades galegas e sector de relevancia para a reactivación económica.

    Neste sentido, a Consellería de Economía e Industria leva xa activados nos primeiros 40 días do ano programas de apoio ao sector comercial por 7,6 millóns de euros. Ademais do programa de apoio aos concellos galegos para o impulso dos mercados, puxéronse xa en marcha o programa de renovación do tecido comercial, dotado con 2,6 millóns de euros, así como a convocatoria de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, cun orzamento de 2,2 millóns.

    Máis información
  • 11 Febreiro, 2015
    Raquel Arias convida a comerciantes e concellos a beneficiarse dos programas de axudas postos en marcha pola Xunta de Galicia

    Lugo, 11 de febreiro de 2015.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, convida ós centros comerciais abertos, ás asociacións de comerciantes ou de praceiros e ós propios concellos a solicitar algunha das axudas contempladas nos programas que, co obxectivo de impulsar as zonas comerciais, mercados, prazas de abastos, espazos de comercio non sedentario e centros comerciais abertos, ten en marcha a Xunta de Galicia.

    A Xunta “é consciente da importancia da actividade comercial como motor de desenvolvemento económico e do seu papel dinamizador de cidades e pobos”, salientou Arias, razón pola que leva desenvolvido moitas e diversas actuacións encamiñadas precisamente a promover a actividade comercial nas nosas vilas e cidades.

    Raquel Arias lembrou que durante o pasado ano diferentes colectivos e asociacións de comerciantes desenvolveron na Mariña unha trintena de accións grazas ás achegas concedidas pola Xunta e que, en conxunto, roldaron os 90.000 euros de investimento.

    As iniciativas efectuadas tiveron os máis diversos fines, dende a dinamización comercial, a fidelización dos clientes, pasando pola sinalización exterior e a mellora da competitividade.

    Segundo explicou a delegada territorial, a Consellería de Economía e Industria, ven de habilitar unha partida orzamentaria de 2,2 millóns de euros para a dinamización dos centros comerciais abertos e das asociacións de praceiros. As axudas, cuxo importe máximo ascende a algo más de 40.000 euros e terán que estar solicitadas antes do vindeiro venres, día 13, están encamiñadas á dinamización comercial, a implantación de sistemas de fidelización, sinalización externa ou mellora da competitividade comercial, entre outras actuacións.

    Axudas a concellos
    A Consellería tamén adica preto de tres millóns de euros para que os concellos poidan mellorar as prazas e mercados municipais; terán ata o vindeiro día 23 de prazo para solicitar as axudas.

    As actuacións susceptibles de ser obxecto de subvención, por un importe tope de 150.000 euros, abarcan dende reparación, modernización e remodelación das instalacións, supresión de barreiras arquitectónicas ata mellora do consumo de recursos enerxéticos, redución de residuos ou mellora da calidade e da imaxe comercial. Os concellos que os desenvolvan deberán poñer en marcha tamén iniciativas dirixidas ao mentoring comercial aos praceiros. Estas actividades de formación e asesoramento, que se apoiarán cunha axuda máxima de 1.800 euros, ten como obxectivo aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente.

    As actuacións que teñan como finalidade a dinamización e rexeneración das prazas para atraer novos consumidores recibirán axudas de ata 3.000 euros mentres que para aqueles proxectos de actuación que pretendan peonizar o semipeonizar rúas ou zonas contiguas ás prazas de abastos a axuda pode chegar ós 80.000 euros, e a mellora de espazos destinados aos mercados tradicionais de apertura periódica ou ambulante poden recibir ata 30.000 euros.

    Por último, a delegada informou de que hoxe mesmo está previsto que se publique no DOG unha nova convocatoria para impulsar a modernización e a innovación dos comercios dotada con 2,5 millóns de euros; e que igualmente, haberá apoios para o relevo xeracional.

    Máis información
  • 11 Febreiro, 2015
    Hoxe publícase no DOG a convocatoria da subvencións para a mellora da imaxe, modernización, establecemento de novas fórmulas e medios de comercialización no sector comerciante retallista e artesanal galego.

    ORDE do 30 de xaneiro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a mellora da imaxe, modernización, establecemento de novas fórmulas e medios de comercialización no sector comerciante retallista e artesanal galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (código de procedemento IN201H).

  • 23 Xaneiro, 2015
    Hoxe Publícase no DOG a subvención aos concellos galegos para a mellora dos mercados municipais e prazas de abastos, así como dos espacios de comercio non sedentario

    ORDE do 31 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos concellos galegos para a mellora dos mercados municipais e prazas de abastos así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (código de procedemento IN223A).

    Máis información
  • 23 Xaneiro, 2015
    A dirección xeral de Comercio convoca bolsas de formación para o ano 2015

    ORDE do 14 de xaneiro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (código de procedemento IN225A).

    Máis información
  • 16 Xaneiro, 2015
    Conde destaca o impulso da Xunta á praza de Vilagarcía como motor do comercio local e parte do atractivo turístico da vila

    Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 16 de xaneiro de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe na súa visita a Vilagarcía de Arousa o impulso da Xunta á praza de abastos da localidade polo papel que exerce como motor do comercio local e parte do seu atractivo turístico. Neste sentido, Conde sinalou que a Consellería asinará un convenio co Concello para impulsar a segunda fase da remodelación da praza, para o que o departamento que dirixe reserva xa unha partida específica de 120.000 euros coa que se dará un novo pulo ao mercado vilagarcián.

    Na súa visita, na que estivo acompañado polo alcalde, Tomás Fole, así como polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, e a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, o conselleiro tivo a oportunidade de coñecer as melloras realizadas no 2014, cun apoio da Xunta de máis de 80.000 euros, que permitiron renovar a imaxe exterior dun edificio, que, tal e como subliñou o conselleiro, forma parte do patrimonio histórico da vila e permite atraer unha importante actividade económica.

    Conde destacou a importancia da colaboración entre administracións para impulsar as prazas de abastos e agardou que o proxecto da segunda fase dea resposta tanto ás demandas dos propios praceiros e comerciantes como dos vilagarciáns no seu conxunto, servindo para impulsar e revitalizar o comercio en Vilagarcía como unha das actividades importantes dentro da economía desta vila.

    O conselleiro destacou a aposta da Xunta polas prazas de abastos, un eido no que se está a impulsar unha venda moderna, con novos servizos, ao tempo que se mantén a esencia das prazas, como son a calidade, a diversidade, e a atención ao cliente, incidindo en que o mellor recurso co que contan os mercados son os profesionais que neles traballan.

    Neste sentido, a Consellería vén de abrir a nova convocatoria de apoios ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, dotada con 2,2 millóns de euros. Ademais, e a maiores da contía asignada a Vilagarcía, o Goberno galego vén de anunciar un novo programa de axudas aberto a todos os concellos galegos para impulsar as prazas de abastos, dotado con preto de 3 millóns de euros.

    Máis información
  • 15 Xaneiro, 2015
    Hoxe a Directora xeral de Comercio pecha a campaña Máis que Comercio! en Noia
  • 13 Xaneiro, 2015
    Publicouse no DOG a convocatoria das axudas aos Centros Comerciais abertos para o ano 2015

    ORDE do 29 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, e se procede á súa convocatoria (IN219A).

    Máis información
  • 13 Xaneiro, 2015
    Cores Tourís comprobou o remate das obras de reforma da praza de abastos do Seixo, en Marín

    Marín, 13 de xaneiro de 2015.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou a praza de abastos da parroquia de Seixo co obxectivo de comprobar o remate das obras realizadas neste mercado de cara a súa modernización e renovación.

    Na visita estiveron acompañados polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial e as concelleiras de Mercados e Medio Ambiente del concello de Tui.

    A orde da Consellería (do 12 de marzo de 2014) á que se acolleu o concello de Marín, estableceu as bases reguladoras para a subvención de proxectos municipais co obxectivo de mellorar os mercados e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia.

    O proxecto para a reforma do mercado municipal de Marín supuxo un investimento de 30.310,50 euros, dos cales 22.732,87 euros foron aportados pola administración autonómica, “é dicir, o 75% do total”, explicou Cores Tourís.

    As obras consistiron na reparación das escaleiras de pedra do acceso, limpeza da cuberta, reparación e pintado da porta principal, reparación de pavimentos, pintado de fachadas interior e exterior e colocación dun rótulo exterior de PVC.

    “A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio”, recordou o delegado territorial. “Non podemos esquecer que, para estes efectos, as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles e, moi especialmente, os mercados municipais, que teñen unha singular significación por constituíren espazos de centralidade comercial, que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, a horta e a gandaría”, engadiu.

    Por estas razóns, considera Cores Tourís que “é preciso adaptar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores, dende o momento en que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e a rexeneración dun contorno urbano das vilas e cidades”.

    Neste senso, “resulta oportuno establecer unha liña de colaboración entre concellos como, neste caso o de Marín, e a Consellería de Economía e Industria de cara a acadar un modelo de calidade baseado nos principios de accesibilidade, sustentabilidade ambiental, organización e xestión de servizos, e convertelos en centros especializados en produtos da compra cotiá, desenvolvendo unha xestión global aos intereses dos comerciantes e dos propios consumidores, creando así tamén unha rede de mercados de Galicia”, explicou o xefe territorial.

    José Manuel Cores Tourís recordou que a Xunta impulsou en 2014 actuacións por un total de 5,5 millóns en toda Galicia destinadas a potenciar os mercados de abastos e a impulsar a competitividade do comercio de proximidade, para os que facilitará axudas por un montante global de 3,8 millóns de euros.

    En relación á provincia de Pontevedra, as axudas aportadas pola administración autonómica supuxeron case 2 millóns de euros (1.925.785,2 euros), facilitando así a execución de obras e melloras que contemplan un investimento total de 2.781.670,2 euros.

    Pola súa banda, a alcaldesa da localidade agradeceu a implicación da Xunta de Galicia, e en concreto, da Consellería de Economía e Industria, de cara a mellora desta praza de abastos, “xa que é un motor de dinamización comercial de esta importante parroquia do municipio”.

    Máis información
  • 09 Xaneiro, 2015
    Francisco Conde destaca que o mercado de Baiona se configura como un motor comercial e económico que reforza o atractivo turístico da vila

    Baiona (Pontevedra), 9 de xaneiro de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que a praza de abastos de Baiona se configura como un motor comercial e económico e un reforzo ao atractivo turístico da vila, tras as melloras realizadas tanto no propio mercado como no seu entorno, cun respaldo da Xunta de máis de 720.000 euros nos últimos anos.

    Tal e como destacou o conselleiro, trala remodelación da fachada, abrindo a praza ao exterior; e do interior, facéndoa máis atractiva e funcional; así como coas actuacións na rúa Carabela Pinta, Baiona conta cun mercado moderno e adaptado ás novas necesidades dos consumidores. Entre as melloras realizadas, destacou os novos espazos destinados á gastronomía ou á realización de diferentes actividades.

    O conselleiro, que estivo acompañado polo alcalde da vila, Jesús Vázquez Almuiña, así como pola delegada da Xunta, María José Bravo Bosch, e a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, lembrou a colaboración do Goberno galego cos concellos para potenciar as prazas de abastos galegas, impulsando unha venda moderna, con novos servizos, ao tempo que se mantén a súa esencia, baseada na calidade, a diversidade, e a atención ao cliente.

    Neste sentido, nos últimos seis anos a Xunta ten facilitado a mellora de máis de 80 mercados galegos con apoios por máis de 17 millóns, e para este ano mantén o seu compromiso con 3,3 millóns de euros destinados a colaborar cos concellos neste eido.

    A estes apoios súmase o programa para impulsar as asociacións de comerciantes na dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, dotada con 2,2 millóns de euros, cuxa nova convocatoria se publicará no Diario Oficial de Galicia nos próximos días.

    Máis información
  • 21 Decembro, 2014
    Galicia Calidade en ruta achegou a excelencia dos produtos gastronómicos certificados pola marca a preto de 3.000 persoas

    Santiago, 21 de decembro de 2014.- A campaña Galicia Calidade en ruta, que percorreu as sete cidades galegas, arrancando o pasado 28 de novembro en Santiago e rematando onte na Coruña, achegou a preto de 3.000 persoas a excelencia dos produtos gastronómicos galegos amparados por este selo de garantía.

    Ademais, máis de 800 persoas participaron nos talleres e showcookings realizados no camión adaptado no que se desenvolveu a iniciativa, dirixidos a profesionais do sector da gastronomía, prescriptores de opinión, bloggers e xornalistas. A campaña tivo tamén unha ampla repercusión nas redes sociais, onde alcanzou unha audiencia de máis de 500.000 usuarios únicos en Facebook.

    Segundo o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, a campaña é unha “experiencia moi positiva” xa que permitiu “poñer en valor a excelencia dos produtos certificados” entre consumidores especializados. Segundo explicou, é necesario que os galegos “coñezan ben os seus produtos para despois competir nos mercados máis esixentes”.

    Neste sentido, Cabaleiro defendeu que a marca Galicia Calidade é “o mellor pasaporte” das empresas galegas porque representa o seu compromiso co esforzo por ofrecer os mellores produtos e servizos; e o uso das mellores prácticas para a produción, elaboración e comercialización dos produtos.

    Talleres e showcookings
    Nas 20 sesións desenvolvidas nas cidades galegas, chefs como Marian Rodríguez ou Iván Méndez realizaron diversos showcookings nos que demostraron versatilidade e excelencia dos produtos, aplicada a elaboracións culinarias para satisfacer aos consumidores máis esixentes. Tamén realizaron unha selección de tapas elaboradas con conservas, para demostrar as posibilidades de adaptación destes produtos a elaboracións gastronómicas moi sofisticadas.

    A campaña tamén contou con sete catas de viños, nas que sumilleres da talla de Xoan Cannas, director do Instituto Galego do Viño, e Luis Paadín, autor da Guía de viños, destilados e bodegas de Galicia, xunto coa enóloga Cristina Murga, exaltaron as excelencias dos caldos das bodegas certificadas por Galicia Calidade. Tamén se desenvolveron tres talleres sobre a elaboración do café e almorzo con produtos con este selo, da man de baristas do prestixio de Oscar de Toro e Augusto Morales.

    Galicia Calidade, que conta xa con 20 anos de historia, é unha marca recoñecida e valorada polos consumidores. Na actualidade, ten xa máis de 300 produtos certificados, de 51 empresas diferentes. Ademais, está a desenvolver unha estratexia de incorporación de novos sectores económicos de Galicia, como o turismo, granito, biomasa, xeotermia ou a madeira para se converter na marca global da economía galega no exterior.

    Máis información
  • 05 Decembro, 2014
    A Xunta felicita á empresa galega Torus Software Solutions, premio nacional Emprendedor XXI

    Santiago, 5 de decembro de 2014.- A empresa galega de novas tecnoloxías Torus Software Solutións foi recoñecida hoxe co premio nacional Emprendedor XXI organizado por La Caixa. Neste sentido, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, felicitou persoalmente á compañía coruñesa pola obtención dun galardón que premia tanto o seu labor innovador como o potencial de crecemento.

    Torus Software Solutions xa recibiu o pasado 5 de xuño o premio Emprendedor XXI a nivel galego, fase organizada por La Caixa en colaboración coa propia Consellería de Economía e Industria, nun acto desenvolvido na Coruña que contou coa participación do director do Igape, Javier Aguilera.

    A empresa desenvolve e comercializa un novo protocolo de comunicacións substitutivo do clásico protocolo de Internet (IP), co obxectivo de aumentar a capacidade de procesamento e acelerar o funcionamento das aplicacións informáticas, diminuíndo os seus tempos de resposta.

    No acto de hoxe, esta spin off nacida na Universidade da Coruña obtivo tamén o premio especial á Innovación concedido pola Embaixada de Israel para distinguir, entre todos os finalistas das diferentes autonomías, o proxecto máis destacado neste ámbito.

    Promovidos por La Caixa, os premios Emprendedor XXI distinguen cada ano os proxectos innovadores máis destacados, que teñen a oportunidade de acceder a formación especializada e financiamento.

    Máis información
  • 02 Decembro, 2014
    Cores Tourís comprobou o remate das obras de reforma da Praza de Abastos do Concello de Meaño

    Meaño, 2 de decembro de 2014.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou, en compaña da alcaldesa de Meaño, Lourdes Ucha, a praza de abastos da localidade co obxectivo de comprobar o remate das obras realizadas neste mercado de cara a súa modernización e renovación.

    Na visita estiveron acompañados polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

    A orde da Consellería (do 12 de marzo de 2014) á que se acolleu o concello de Meaño, estableceu as bases reguladoras para a subvención de proxectos municipais co obxectivo de mellorar os mercados e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia.

    O proxecto para a reforma do mercado municipal de Meaño supuxo un investimento de 13.740 euros, dos cales 10.305 foron aportados pola administración autonómica, “é dicir, o 75% do total”, explicou Cores Tourís. As obras consistiron na sinalización e reparación do mercado municipal de Dena.

    Deste xeito instalouse un toldo, tipo varanda, con estrutura realizada mediante perfiles lacados e unha lona acrílica que permite evitar o impacto directo da luz do sol na época de maior calor sobre as bancadas de pescado, así como a colocación de rótulos luminosos nos locales comerciais .

    A maiores, tamén se puxeron en marcha actuacións para a dinamización comercial deste mercado a través de mentoring comercial, o aumento da rendibilidade do punto de venta con técnicas de “visual merchandising”, a colocación do produto e a atención ao cliente.

    “A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio”, recordou o delegado territorial. “Non podemos esquecer que, para estes efectos, as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles e, moi especialmente, os mercados municipais, que teñen unha singular significación por constituíren espazos de centralidade comercial, que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, a horta e a gandaría”, engadiu.

    Por estas razóns, considera Cores Tourís que “é preciso adaptar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores, dende o momento en que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e a rexeneración dun contorno urbano das vilas e cidades”.

    Neste senso, “resulta oportuno establecer unha liña de colaboración entre concellos como, neste caso o de Meaño, e a Consellería de Economía e Industria de cara a acadar un modelo de calidade baseado nos principios de accesibilidade, sustentabilidade ambiental, organización e xestión de servizos, e convertelos en centros especializados en produtos da compra cotiá, desenvolvendo unha xestión global aos intereses dos comerciantes e dos propios consumidores, creando así tamén unha rede de mercados de Galicia”, explicou o xefe territorial.

    José Manuel Cores Tourís recordou que a Xunta impulsou en 2014 actuacións por un total de 5,5 millóns en toda Galicia destinadas a potenciar os mercados de abastos e a impulsar a competitividade do comercio de proximidade, para os que facilitará axudas por un montante global de 3,8 millóns de euros.

    En relación á provincia de Pontevedra, as axudas aportadas pola administración autonómica supuxeron case 2 millóns de euros (1.925.785,2 euros), facilitando así a execución de obras e melloras que contemplan un investimento total de 2.781.670,2 euros.

    Pola súa banda, a alcaldesa da localidade agradeceu a implicación da Xunta de Galicia, e en concreto, da Consellería de Economía e Industria, de cara a mellora desta praza de abastos, “xa que é un motor de dinamización comercial do noso municipio”.

    Máis información
  • 27 Novembro, 2014
    O Plan de inspección de comercios prevé chegar a revisar un millar de establecementos no ano 2015

    Santiago, 27 de novembro de 2014.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este mediodía, tras o Consello, a posta en marcha en 2015 do Plan de inspección de comercios, que prevé chegar a revisar en torno ao millar de establecementos comerciais no vindeiro ano.

    Feijóo destacou a aprobación, hoxe no Consello da Xunta, dun decreto que desenvolve regulamentariamente o papel da inspección de comercio -ao abeiro da Lei de comercio interior de Galicia-, ao regular o persoal inspector, coas súas correspondentes prerrogativas, incompatibilidades, coas causas de abstención e recusación e coas súas obrigas.

    O titular da Xunta precisou, ademais, que o texto regulará os diferentes documentos nos que se plasma a execución dos labores de inspección, tales como comunicacións, dilixencias, informes ou actas.

    “Aproveitamos para aprobar xa o Plan anual de inspección de comercio do ano 2015. Neste ano 2015 ponse en marcha este primeiro plan de inspección, no sentido dun documento único para concretar todo o calendario de actuacións durante o ano para buscar a mellor calidade do comercio galego e o mellor servizo aos consumidores”, sinalou Feijóo ao respecto.

    Segundo explicou, este programa prevé tres tipos de actuacións: a primeira delas, unha campaña informativa, para recordar as obrigas, dando un prazo temporal para, no suposto de detectar algún incumprimento, se corrixa. En segundo lugar, o presidente da Xunta referiuse á campaña de control de cumprimento da normativa, con campañas específicas sobre: venda en rebaixas, venda en liquidación e venda con desconto, ou campañas sobre devolución de produto, prezos e medios de pagamento, feiras de oportunidades e horarios comerciais. Como terceira actuación, Feijóo remarcou que se vai incidir “dunha forma intensa no plan de verificación do cumprimento das subvencións de diñeiro público”. “Aqueles comercios que teñan subvencións como consecuencia dos plans que a Consellería de Economía e Industria ou calquera outra destine aos comercios, terán unha verificación do cumprimento destas subvencións”, asegurou.

    Máis información
  • 27 Novembro, 2014
    Raquel Arias expuxo os recursos que pon a Xunta de Galicia a disposición das mulleres emprendedoras “para que ningún proxecto que sexa viable se quede no camiño”

    Lugo, 27 de novembro de 2014.- A Xunta de Galicia está a articular todos os mecanismos ao seu alcance “para que ningún proxecto que sexa viable se quede no camiño e para que, a través da información, dos servizos, e da axuda financeira, o proxecto se materialice e se converta nunha fonte de riqueza tanto social como económica”. Así o manifestou hoxe a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, durante a inauguración dunha xornada sobre emprendemento responsable organizada en Lugo pola Asociación de Empresarias da Provincia.

    Arias afirmou que “a posibilidade de conciliar a vida laboral e familiar é fundamental para acadar a igualdade en todos os ámbitos”, recoñecendo como principais materias pendentes que “segue diminuíndo a taxa de emprego feminino en función do numero de fillas e fillos, e restrínxese a promoción das mulleres a cargos directivos”.

    O emprendemento feminino, subliñou, “é unha das vías para superar este obstáculo”, xunto coa implantación de plans de igualdade nas empresas.

    Neste sentido, indicou que existen diversas liñas de subvención a través da Secretaría Xeral de Igualdade e tamén un marco xeral de axudas promovidas pola Consellería de Economía e Industria, na súa maioría a través do Igape, e pola de Traballo e Benestar, que subvenciona o establecemento de traballadores autónomos.

    A delegada territorial explicou que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) puxo en marcha as unidades Galicia Emprende, un instrumento creado na Lei de Emprendemento –aprobada hai menos dun ano- que busca simplificar e axilizar os trámites á hora de crear novas empresas galegas.

    Raquel Arias invitou a todas as mulleres “que teñen un proxecto empresarial pero non saben cómo poñelo en marcha” a achegarse á unidade Galicia Emprende de Lugo, nas oficinas do Igape no Edificio Administrativo da Xunta. “Alí atoparán asesoramento profesional sobre a viabilidade económica da iniciativa empresarial que propoñen así como a relación de posibles axudas ás que poden optar”, concluíu.

    Máis información

  • Páxina 19 de 84

  • Mostrando do 361 ao 380 dun total de 1679 rexistros