Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 06 Marzo, 2014
    Cores Tourís supervisa o remate das obras de aforro enerxético levadas a cabo no concello de Pontecesures

    Pontecesures, 6 de marzo de 2014.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Pontecesures para supervisar o remate das obras de aforro enerxético realizadas neste municipio e que supuxeron a instalación de novas luminarias en diversos puntos do concello.

    Esta obra executouse cun investimento de 60.000 dos cales, dos cales 51.000 euros, é dicir, o 85%, foron aportados a través da Consellería de Economía e Industria.

    Na visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, Luis Álvarez Angueira, así como polo xefe territorial de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial.

    Neste concello actuouse en 180 puntos de luz das vías de Portarraxoi, San Lois, Sagasta, Víctor García, Patifa, Otero Acevedo, San Lárazo e o entorno da estación coa substitución das lámpadas por novas luminarias led, cun sistema de aforro para baixar o consumo a partir dunha hora e tamén coa reforma do cadro de mando. A tecnoloxía LED combínase tamén con haloxenuros, que se colocarán nas catenarias que foron instaladas fai anos nas rúas centrais do municipio.

    O aforro enerxético, segundo apuntou o alcalde da localidade será moi importante. “Deste xeito, conseguiremos aforrar máis de 12.500 euros ao ano das arcas municipais o que significa un 60% da nosa factura eléctrica”, explicou Álvarez Angueiro, quen matizou que o aforro enerxético sería de 83.521 kWh/ano, “é dicir, o equivalente a plantar 2.714 árbores”.
    Deste xeito, o concello de Pontecesures acolleuse a orde de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética publicada o ano pasado pola Consellería de Economía e Industria a través do INEGA.

    Segundo recordou Cores Tourís, o INEGA volveu a apostar pola mellora enerxética abrindo, a comezos de ano, unha nova liña destinada a proxectos de renovación de instalación de iluminación pública exterior e contará cun orzamento global para o 2013 de case 3 millóns euros para toda Galicia.

    O delegado territorial insistiu no feito de que “coa execución destes proxectos obtense un importante aforro enerxético e económico, de ata un 50% na factura eléctrica das instalacións substituídas. Así se contribúe á mellora da situación financeira das administracións locais. Ademais acadaranse importantes vantaxes ambientais, como a redución das emisións de CO2 ou a diminución da contaminación lumínica que sofren os concellos”.

    Cores Tourís non quixo deixar de apuntar a importancia “do día que onte se celebrou en todo o mundo, o da Eficiencia Enerxética, xa que se trata dunha data para reflexionar sobre o uso racional que lle damos á enerxía. Temos que ser conscientes da importancia do noso medio ambiente e, por tanto, da necesidade de facer todo o que estea na nosa man para intentar frear o esgotamento dos nosos recursos naturais e, por suposto, o cambio climático”.

    “Para este fin estamos a traballar dende as institucións con iniciativas como a que hoxe comprobamos en Pontecesures”, engadiu solicitando a colaboración cidadá neste senso, xa que apoiar o aforro enerxético “non significa renunciar á calidade de vida, senón usar os recursos de xeito máis adecuado, reciclar e apostar por produtos menos contaminantes”.

    Máis información
  • 06 Marzo, 2014
    O Conselleiro de Economía e Industria Francisco Conde salienta o compromiso da Xunta de impulsar fórmulas alternativas de financiamento para seguir a potenciar o emprendemento galego

    Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2014.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe o compromiso da Xunta de impulsar fórmulas alternativas de financiamento para potenciar o emprendemento e permitir ás pemes galegas gañar tamaño, reducindo á súa dependencia do capital bancario. Durante a clausura dunha xornada organizada pola Asociación para o Progreso da Dirección sobre o Mercado Alternativo de Renda Fixa (MARB), Conde destacou o papel da Lei do emprendemento e da competitividade na busca desa liquidez alternativa, como o capital risco ou os business angels.

    A lei elimina con carácter xeral as licenzas municipais de obra e actividade, que son substituídas por unha comunicación previa ao Concello, e recolle varias ferramentas de financiamento. Non só fomenta o capital risco e os business angels, senón que apuntala as facilidades para obter microcréditos que permitan iniciar pequenos negocios.

    Conde subliñou a importancia desa liquidez non bancaria para acadar unha economía máis dinámica, e lembrou que a dependencia do financiamento bancario se atopa en España en torno ao 80%, mentres que en países como Estados Unidos rolda o 30%, exemplo de como nos mercados máis competitivos as fontes de financiamento son máis flexibles.

    É nese marco no que Conde destacou a importancia do Mercado Alternativo de Renda Fixa, clave non só para os empresarios consolidados, senón para os emprendedores que, tras recibir o apoio dos business angels e o capital risco, necesitan gañar tamaño. “Esa meta é fundamental para o noso tecido produtivo, xa que entre as nosas pemes pesan moito máis as ‘pes’ que as ‘emes’”, dixo Conde.

    O conselleiro resaltou que empresas galegas como Copasa xa se beneficiaron das vantaxes do MARF, e destacou que varios análises apuntan a que outras 55 compañías da comunidade estarían en disposición de acudir a este mercado para acadar liquidez. “Este mercado permitiranos unha maior axilidade, unha simplificación dos trámites e un menor custo”, sinalou.

    Máis información
  • 05 Marzo, 2014
    Francisco Conde destaca que a aposta polo aforro e a eficiencia ten permitido a Galicia “facer máis con menos consumo enerxético”

    Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2014.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe, durante a inauguración da xornada organizada polo Inega con motivo da celebración do Día Mundial da Eficiencia Enerxética, a importancia de promover actuacións que fomenten un uso racional da enerxía entre a cidadanía, as empresas, e a propia Administración. Neste sentido, Conde subliñou que, a través do esforzo compartido entre os diferentes axentes económicos e sociais, “tense rebaixado a intensidade enerxética galega en case 6 puntos desde o 2010”. Este indicador, explicou, relaciona o PIB co consumo enerxético, de feito que, nos últimos anos, para xerar cada millón de euros do PIB galego, necesítase un 6% menos de enerxía. “Fixemos máis, con menos consumo enerxético”, incidiu.

    Neste contexto, Conde relacionou a importancia da consecución desta cifra coa “creación dunha conciencia colectiva de aforro enerxético” que ten permitido obter os mesmos bens con menos consumo, manter a mesma ou maior calidade de vida dos servizos prestados, e a un prezo inferior.

    Nesta aposta polo aforro e a eficiencia enerxética, sinalou o titular de Economía e Industria, o sector industrial desempeña un papel decisivo ao representar o 45% do consumo final de enerxía en Galicia. Por este motivo, explicou, o Goberno galego leva investidos máis de 45 millóns neste eido, impulsando 600 proxectos desenvolvidos por empresas galegas contribuíndo a reducir a súa factura enerxética nun 15%. “Cooperamos así co tecido empresarial galego na implantación de motores ou maquinaria máis rendible, no aproveitamento da enerxía reactiva, ou no establecemento de fontes limpas e eficientes”, sinalou.


    Pola súa banda, o consumo de enerxía das familias representa xa un 30% do consumo total da enerxía. Sobre esta base, nos últimos anos o Inega promoveu entre a cidadanía distintas actuacións encamiñadas a mellorar a conciencia colectiva sobre a importancia de aforrar enerxía, e apoiar aos galegos na implantación deste tipo de medidas. Deste xeito, apuntou o conselleiro, desenvolvéronse programas para a substitución de farois ou equipos de climatización por outros máis eficientes, realizáronse máis de 3.000 inspeccións en instalacións térmicas de edificios, e puxéronse á disposición das familias distintas ferramentas para que coñezan o seu consumo e poidan implantar medidas de aforro e eficiencia.

    Todas estas accións, apuntou Conde, compleméntase coas levadas a cabo pola propia Administración, “que ten a obriga de ser un exemplo que trace o camiño polo que debemos transitar”. Neste sentido, o Goberno galego está a desenvolver o Plan de aforro e eficiencia enerxética da Administración pública galega. A través desta estratexia desenvolvéronse xa actuacións de mellora da iluminación pública exterior en 170 municipios galegos diminuíndo a factura eléctrica das zonas beneficiadas en máis dun 50%. Ademais, activouse a nova Rede de Enerxía de Galicia –Redexga-, un pioneiro sistema co que Galicia aforrará 14 millóns na factura eléctrica dos próximos 4 anos.

    “Este traballo compartido entre familias, empresas e Administración pública xa está a ofrecer importantes resultados, permitíndonos aforrar nestes momentos 81 millóns ao ano”, destacou Conde. Unha cifra que, proseguiu, Galicia aspira a incrementar a través de novas medidas de eficiencia enerxética que permitan acadar un aforro económico de máis de 550 millóns de euros ata o ano 2020.

    Uns datos que levan aparellado un claro beneficio ambiental ao evitarse a emisión á atmosfera de máis de 310.000 toneladas de CO2 ao ano. “Camiñamos, así, cara ao desenvolvemento dunha economía verde que aproveita dun modo máis responsable e sostible os nosos recursos naturais”, apuntou o titular de Economía e Industria. Neste campo, desempeña un papel fundamental o impulso das fontes renovables, unha aposta na que a Xunta segue a traballar facendo este ano un esforzo especial no eido da biomasa. Así, estase a consensuar co sector unha estratexia integral de impulso da biomasa forestal con fins térmicos que suporá importantes melloras no medio rural beneficiando tanto á cidadanía, como á Administración pública e ás empresas galegas.

    Máis información
  • 01 Marzo, 2014
    Preto de mil escolares galegos participan no concurso de consumo responsable Consumópolis

    Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2014.- Preto de mil escolares galegos de primaria e secundaria, un 20% máis que o ano pasado, están a participar no concurso de consumo responsable Consumópolis, coordinado en Galicia polo Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellería de Economía e Industria, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

    Tras completar a primeira etapa, consistente nun percorrido dun xogo on line sobre consumo responsable e calidade de vida, preto de 200 equipos de toda a comunidade están a traballar xa na segunda fase do certame, que este ano leva o lema “Consumir entre pantallas”.

    O alumnado está agora a elaborar un traballo en grupos de cinco coordinados por un docente, que consistirá na redacción dun “tweet” (non pode superar os 140 caracteres de extensión) cun consello ou mensaxe sobre consumo responsable en relación co uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC). Esta mensaxe, dirixida ao alumnado da mesma idade, irá integrada nun cartel cunha imaxe que apoie o texto e reflicta o contido da mensaxe.

    Na fase autonómica establécense tres categorías por idades, con premios para os tres primeiros clasificados en cada unha delas que veñen de ser convocados a través do Diario Oficial de Galicia, cunha contía total de 5.700 euros para material didáctico. Ademais, os gañadores representarán a Galicia na fase nacional, organizada polo Instituto Nacional de Consumo.

    Os escolares galegos son dos que en máis ocasións foron gañadores dos premios nacionais en distintas categorías, o que amosa a gran preparación do alumnado galego e a gran labor desenvolvida neste ámbito desde o Instituto Galego de Consumo, que forma parte desde o seu inicio do equipo de traballo a nivel nacional que desenvolve a estrutura pedagóxica do certame cada ano.

    Coa posta en marcha desta iniciativa a Xunta continúa a traballar na mellora da formación dos máis novos en consumo, co obxectivo de aumentar o coñecemento e a defensa dos seus dereitos neste eido.

    Máis información
  • 28 Febreiro, 2014
    A Xunta activa o luns a campaña Máis que Comercio! en Caldas e en Pontevedra impulsando as vendas no comercio de proximidade

    Pontevedra, 28 de febreiro de 2014.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentou esta mañá en Caldas de Reis e en Pontevedra a nova campaña de dinamización comercial Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, unha iniciativa coa que a Consellería de Economía e Industria reforza o comercio de proximidade ao tempo que incentiva as vendas nas vilas e cidades galegas.

    Tal e como explicou Vázquez Abeal, a campaña percorrerá Galicia durante todo o ano, celebrándose cada mes en cinco localidades, comezando o vindeiro luns, ademais de no centro comercial aberto (CCA) de Caldas, no CCU Zona Monumental de Pontevedra e os CCA de Ribadeo, O Carballiño e o Calvario (Vigo).

    Os clientes dos comercios asociados aos CCA recibirán por cada 5€ de compra un cupón para participar nun xogo en liña na web www.maisquecomercio.com, no que, votando ao seu establecemento favorito, poderán conseguir un premio en metálico de 200 euros e outros dous de 100, ademais de outros agasallos achegados polos comerciantes como vales de compra, ceas ou lotes de produtos. Ademais, ao remate do mes que durará a campaña, o establecemento escollido polos clientes que participen na iniciativa en cada CCA recibirá un recoñecemento público ao seu labor.

    A directora xeral de Comercio salientou que un dos obxectivos desta nova campaña, que resalta os valores do comercio de proximidade, como a calidade, o trato ao cliente, a diferenciación e a variedade, é impulsar o asociacionismo, apoiando o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos, unha fórmula que permite o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade.

    Neste sentido, lembrou que a Xunta vén de activar o programa de apoios para as asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e as prazas de abastos, dotado con 2,2 millóns de euros, e do que o ano pasado se beneficiario o CCA de Caldas e o CCU Zona Monumental de Pontevedra.

    Sol Vázquez Abeal fixo tamén fincapé no novo programa de axudas de ata o 50% e ata 10.000 euros para a apertura de novos establecementos comerciais posto en marcha pola Consellería de Economía e Industria, co que se incide no impulso ao emprendemento no tecido comercial, complementando as iniciativas fomentadas na nova Lei do emprendemento e da competitividade de Galicia, entre as que destacan a simplificación administrativa grazas á eliminación con carácter xeral das licencias municipais de obra e actividade.

    Máis información
  • 26 Febreiro, 2014
    Francisco Conde salienta a defensa que está a realizar a Xunta dos consumidores máis vulnerables fronte aos prezos da enerxía

    Santiago, 26 de febreiro de 2014.- O conselleiro de Economía, Francisco Conde, salientou hoxe, durante unha intervención no Parlamento, a defensa que está a realizar a Xunta dos consumidores máis vulnerables fronte aos prezos da enerxía, desde medidas de inclusión dos colectivos máis desfavorecidos ata a protección dos consumidores e a mellora da eficiencia enerxética.

    “Este Goberno ten unha fonda preocupación pola situación dos colectivos máis vulnerables de Galicia”, dixo Conde, que no primeiro ámbito destacou o traballo que está a facer a Consellería de Traballo e Benestar a través da Risga –cun investimento só este ano de case 60 millóns de euros-, e resaltou tamén o labor do Goberno central na regulación do bono social. Neste senso, sinalou que o novo bono consistirá nunha rebaixa do prezo aplicable aos consumidores vulnerables, que se identificarán a partir dun umbral de renda e de número de membros da familia.

    Ademais, Conde fixo tamén referencia ao novo sistema de fixación do prezo da electricidade e subliñou que, se se cumpren as previsións do Goberno, os consumidores eléctricos verán minorada a súa factura nun 3%, o que reducirá o impacto nas familias galegas.

    Por outra banda, o Goberno galego, resaltou o conselleiro, está a facer importantes esforzos na defensa dos consumidores eléctricos. Neste senso, concretou que a Xunta ten detectado –na súa labor de control e supervisión do traballo das empresas e de defensa dos consumidores- casos como facturacións incorrectas, imputación de servizos non contratados, ou barreiras á modificación de contratos. Todas elas circunstancias que incrementan os custes do consumidor final e que dificultan a eficiencia do mercado. Neste senso, Conde destacou que, desde 2009, o Goberno galego levou a cabo máis de 475 expedientes sancionadores ás eléctricas que motivaron 3,5 millóns de euros en sancións, datos que contrastan cos do anterior executivo autonómico, que entre 2005 e 2009 abriu 9 expedientes sancionadores a empresas eléctricas por un importe global de cerca de 100.000 euros.

    Ademais, o conselleiro subliñou o traballo de impulso do aforro e a eficiencia enerxética, onde a a Xunta está a facer importantes esforzos de cara a rebaixar a necesidade de enerxía tanto nos edificios públicos e concellos como nas propias vivendas privadas e pequenas e medianas empresas.
     

    Máis información
  • 25 Febreiro, 2014
    O Instituto Galego de Consumo activa unha nova campaña para garantir a seguridade de disfraces e outros produtos de entroido

    Santiago, 25 de febreiro de 2014.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, está a desenvolver un ano máis unha campaña específica de información e control destinada a garantir a seguridade nas compras de produtos como disfraces e máscaras cuxa venda se intensifica durante a tempada de entroido.

    Así, estanse a intensificar as inspeccións nos establecementos para comprobar que os artigos que están á venda non presentan ningún risco e cumpren coa normativa, ademais de tomar mostras de produtos para a súa análise no Laboratorio Galego de Consumo.

    A iniciativa céntrase nos artigos destinados aos nenos, por ser o colectivo máis vulnerable, e nestes momentos xa se está a analizar no Laboratorio de Consumo unha primeira partida de vinte mostras de artigos destinados a menores de 7 anos, entre os que se inclúen disfraces, máscaras, antefaces, perrucas e barbas.

    No caso de que se detecte que algún destes produtos presenta riscos, procederase a notificar á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticios (SIRI), un sistema de información que funciona a nivel nacional e europeo e que permite a rápida adopción de medidas de reacción coordinadas para garantir a seguridade dos consumidores, como a inmobilización do produto, a retirada do mercado ou a modificación daquelas características que o converten en inseguro.

    A posta en marcha desta iniciativa enmárcase na intensa labor do mercado que realiza durante todo o ano o Instituto Galego de Consumo. Neste sentido, Galicia é a comunidade que máis produtos industriais perigosos detecta cada ano, xa que é tamén a que máis investiga neste terreo.

    No tocante aos produtos de entroido e disfraces, como resultado das actuacións que o Instituto Galego de Consumo levou a cabo ao longo do ano pasado comunicáronse á Rede de alerta nacional un total de 15 produtos que non cumprían cos requisitos de seguridade establecidos na normativa, tras analizar un total de 38 mostras no laboratorio. Desde o ano 2009, o total de disfraces alertados foi de 95.

    Consellos á hora de mercar
    A campaña que está a desenvolver o Instituto Galego de Consumo tamén inclúe accións de información, distribuíndo a través de internet e entre colectivos de consumidores diferentes consellos e recomendacións. Así, desde o IGC recoméndase facer un consumo responsable ao mercar máscaras, disfraces e cosméticos como medida de prevención de accidentes, con especial atención aos produtos que van destinados aos máis pequenos.

    Desde o Instituto recórdase que os disfraces para nenos teñen a consideración de xoguete, polo que teñen que cumprir os requisitos de seguridade que marca a normativa e incluír na súa etiqueta a marca CE, a idade recomendada, as instrucións e advertencias na súa utilización, así como o nome e marca do produto, razón social e enderezo do fabricante ou importador. Recoméndase gardar tanto a etiqueta como a factura, necesaria para realizar calquera reclamación posterior.

    Os disfraces dos nenos non deben levar cordóns na zona do pescozo nin botóns ou outros compoñentes perigosos que poidan provocar asfixia. Tampouco se permiten cordóns, fitas, etc, que colguen por debaixo das dobras inferiores da peza. Recoméndase elixir materiais non inflamables, e atender ás indicacións da etiquetaxe neste aspecto, así como manter os nenos afastados de calquera fonte de calor intensa.

    Os traxes que non sexan axeitados para nenos menores de tres anos deberán indicalo explicitamente a través dunha advertencia, na que se explique o risco específico que motiva a exclusión. No tocante ás máscaras, hase de comprobar que os orificios son suficientes para permitir unha axeitada ventilación. Con respecto á maquillaxe, deberá ser axeitada para a pel dos nenos, e deberá probarse antes nunha zona da man ou do brazo. Ademais, despois hai que quitar a maquillaxe axeitadamente.

    Máis información
  • 25 Febreiro, 2014
    O IGC achega aos consumidores de Pontevedra a campaña “Dálle luz á túa factura” para facer máis comprensible o recibo eléctrico

    Pontevedra, 25 de febreiro de 2014.- O Instituto Galego de Consumo ofrecerá mañá mércores unha xornada informativa en Pontevedra para achegar aos consumidores e usuarios a nova campaña Dálle luz á túa factura, unha iniciativa de divulgación, formación e sensibilización coa que a Consellería de Economía e Industria persegue facer máis comprensible a factura da luz ao resolver as dúbidas da cidadanía e fomentando, ao mesmo tempo, o aforro enerxético.

    O encontro celebrarase a partir das 18 horas na sala de conferencias da Delegación Territorial da Xunta (Fernández Ladreda, 43). Na xornada presentarase o simulador eléctrico, unha aplicación que permite aos usuarios obter información sobre cada un dos elementos que conforman a factura eléctrica, personalizala e adaptala ao seu caso concreto recomendando unha potencia a contratar. Esta ferramenta separa, tamén, o consumo do fogar, determinando o equipamento eléctrico co que conta a vivenda e as posibilidades de optimizar o seu consumo.

    Os asistentes poderán consultar as súas dúbidas a respecto da factura eléctrica e resolver diferentes casos prácticos, así como obter información sobre as distintas vías para darlle solución ás súas reclamacións. Ademais, recibirán consellos sobre como reducir o consumo de enerxía no fogar.

    Máis información
  • 24 Febreiro, 2014
    A Xunta activa a campaña Máis que comercio! co obxectivo de incentivar as vendas e reforzar o comercio de proximidade

    Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2014.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentou esta mañá en rolda de prensa a nova campaña de dinamización comercial Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, coa que a Consellería de Economía e Industria reforza o comercio de proximidade ao tempo que incentiva as vendas nas vilas e cidades galegas.

    Tal e como explicou Vázquez Abeal, a campaña percorrerá Galicia durante todo o ano, celebrándose cada mes en cinco localidades, nas que os clientes dos comercios asociados aos centros comerciais abertos recibirán por cada 5€ de compra un cupón para participar nun xogo en liña na web www.maisquecomercio.com, no que, votando ao seu establecemento favorito, poderán conseguir diferentes agasallos e premios en metálico para mercar no pequeno comercio.

    “O noso obxectivo é, por unha parte, dinamizar a actividade comercial, e ao mesmo tempo, resaltar os valores do pequeno comercio, como a proximidade, a calidade, o trato ao cliente, a diferenciación e a variedade” remarcou a directora xeral, quen engadiu que esta iniciativa supón “un impulso ao asociacionismo, apoiando o traballo dos centros comerciais abertos”.

    Neste sentido, Sol Vázquez Abeal destacou que estas asociacións, que permiten o deseño de estratexias comerciais de forma conxunta no pequeno comercio, son clave para mellorar a súa competitividade, lembrando que a Xunta vén de activar o programa de apoios para as asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e as prazas de abastos, dotado con 2,2 millóns de euros.

    O impulso ao asociacionismo é un dos eixos da estratexia específica de apoio ao sector comercial que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, na que o fomento do emprendemento desempeña tamén un importante papel. Neste sentido, vénse de poñer en marcha un novo programa de axudas de ata o 50% e ata 10.000 euros para a apertura de novos establecementos comerciais, co que se incide no impulso ao emprendemento no tecido comercial, complementando as iniciativas fomentadas na nova Lei do emprendemento e da competitividade de Galicia, entre as que destacan a simplificación administrativa grazas á eliminación con carácter xeral das licencias municipais de obra e actividade.

    A campaña Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que botará a andar o vindeiro luns nos centros comerciais abertos (CCA) de Ribadeo, O Carballiño, Caldas de Reis e do Calvario (Vigo), así como no CCU Zona Monumental de Pontevedra, inclúe en cada CCA un premio en metálico de 200 euros e outros dous de 100, ademais de outros agasallos achegados polos propios comerciantes. Ao final de cada mes, o establecemento escollido polos clientes en cada localidade recibirá un recoñecemento público ao seu labor.

    Máis información
  • 21 Febreiro, 2014
    A comisión xestora da Cámara de Ferrol decide na súa sesión constituínte abrir a inscrición ao censo electoral

    Ferrol, 20 de febreiro de 2014.- A Comisión Xestora da Cámara de Comercio de Ferrol, cuxa principal tarefa é a convocatoria de eleccións co obxectivo de restituír a gobernabilidade do ente e a estabilidade das súas funcións, decidiu esta mañá na súa sesión constituínte abrir a inscrición ao censo electoral.

    O empresariado ferrolán poderá inscribirse a este censo a partir do próximo xoves e durante un prazo de quince días. Posteriormente, e unha vez cumpridos os diferentes pasos e prazos recollidos pola normativa, procederase ao trámite das candidaturas e á convocatoria de eleccións.

    Na reunión celebrada hoxe, á que asistiu a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, en representación do organismo tutelante, acordouse tamén analizar as contas da Cámara para coñecer de xeito claro a súa situación económica, e poder así avaliar como facer fronte cos propios recursos da Cámara ás distintas obrigas e necesidades do ente.

    Á reunión asistiron os sete membros da Comisión Xestora nomeados polo organismo tutelar en representación da Administración entre funcionarios vinculados coa materia, que decidiron nomear como presidenta da xestora á subdirectora xeral de Comercio, Marta López Quintás.

    A Dirección Xeral de Comercio realizará as xestións oportunas para cubrir os postos dos representantes das cámaras de comercio galegas na Comisión Xestora que continúan vacantes.

    A Xunta, que como órgano tutelar se implicou desde o primeiro momento na busca de solucións para a Cámara de Ferrol, aposta por Cámaras de Comercio solventes e que presten servizos de calidade ao empresariado, que está chamado á participación no proceso electoral do ente cameral.

    Máis información
  • 20 Febreiro, 2014
    Silleda e Cruces reciben máis de 30.700 euros en favor do comercio

    A Consellería de Economía e Industria otorgou 30.738 euros aos concellos de Silleda e Vila de Cruces no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013 para a revitalización do comercio de proximidade e a potenciación de unha rede galega de mercados de abastos excelentes. O Diario Oficial de Galicia publicou onte a resolución, do pasado 31 de xaneiro, na que figura a relación de municipios beneficiarios.

    No primeiro caso, loa aportación é de 28.015,90 euros e foi otorgada para o proxecto denominado 'Mellora do mercado tradicional ambulante de A Bandeira e dinamización comercial'. Os 2.722,96 euros restantes pertencen a Vila de Cruces e destináronse á adquisición de lonas techo para o marcado ambulante, según recolle o anuncio oficial. Son os únicos concellos da zona que figuran no dito listado, no que se incluen outros de toda Galicia.

     

     

     

     

     

    Máis información
  • 12 Febreiro, 2014
    O IGC achega aos consumidores de Ourense a campaña “Dálle luz á túa factura” para facer máis comprensible o recibo eléctrico

    Ourense, 12 de febreiro de 2014.- O Instituto Galego de Consumo ofrecerá mañá xoves unha charla informativa en Ourense para achegar aos consumidores e usuarios a nova campaña Dálle luz á túa factura, unha iniciativa de divulgación, formación e sensibilización coa que a Consellería de Economía e Industria persegue facer máis comprensible a factura da luz resolvendo as dúbidas da cidadanía e fomentando, ao mesmo tempo, o aforro enerxético.

    O encontro, que contará coa participación da Asociación Provincial de Amas de Casa e Consumo Montealegre e a Asociación de Consumidores e Usuarios do Ribeiro Acur, celebrarase a partir das 18 horas no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta (avenida da Habana, 79). Na xornada presentarase o simulador eléctrico, unha aplicación que permite aos usuarios obter información sobre cada un dos elementos que conforman a factura eléctrica, personalizala e adaptala ao seu caso concreto recomendando unha potencia a contratar. Esta ferramenta desglosa, tamén, o consumo do fogar, determinando o equipamento eléctrico co que conta a vivenda e as posibilidades de optimizar o seu consumo.

    Os asistentes poderán consultar as súas dúbidas a respecto da factura eléctrica e resolver diferentes casos prácticos, así como obter información sobre as distintas vías para darlle solución as súas reclamacións. Ademais, recibirán consellos sobre como reducir o consumo de enerxía no fogar.

    Máis información
  • 12 Febreiro, 2014
    A Xunta acorda co sector as liñas estratéxicas para impulsar a artesanía galega nos próximos tres anos

    Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2014.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo esta mañá un encontro con representantes das principais asociacións de artesáns galegas co obxectivo de presentarlles o futuro Plan de Artesanía de Galicia 2014-2016 e acordar con eles as principais liñas estratéxicas e as prioridades para impulsar a artesanía galega nos vindeiros anos.

    A captación de talento; o reforzo da marca Artesanía de Galicia; a innovación, o deseño e a cooperación; así como a mellora continua e a excelencia son os retos sobre os que pivota o plan, co obxectivo de continuar a impulsar a mellora da competitividade do sector a través de liñas de actuación concretas.

    No encontro, ao que tamén asistiron a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, participaron responsables da Asociación Galega de Artesáns; a Asociación Galega de Artesáns Tradicionais; a Asociación de Oleiros de Buño; a Asociación de Artesáns de Ourense; o Colexio Oficial de Xoieiros de Galicia e a Federación Galega de Xoieiros, Prateiros e Reloxeiros; así como da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira.

    O conselleiro tivo a oportunidade de escoitar as súas achegas, que serán incorporadas a un plan que parte dunha análise previa sobre a situación da artesanía galega, tendo en conta a información achegada polos principais axentes do sector e un constante diálogo con estes.

     
    Máis información
  • 08 Febreiro, 2014
    Francisco Conde avalía cos representantes do Consello Galego de Consumidores e Usuarios novas liñas de traballo conxunto

    Santiago, 8 de febreiro de 2014.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro coa presidenta do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, Rosa Celia Otero, e o vicepresidente do mesmo, Miguel López Crespo, para avaliar novas liñas de traballo conxunto na protección e defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios.

    Trátase do primeiro encontro institucional entre o conselleiro e os representantes do principal órgano de representación e consulta e de representación institucional das organizacións de consumidores e usuarios ante a Administración autonómica trala renovación dos seus membros a finais do mes de outubro pasado.

    A colaboración coas organizacións de consumidores e usuarios para a posta en marcha de diferentes iniciativas é fundamental no traballo que desenvolve o Instituto Galego de Consumo, cuxos principais eixos de actuación se centran no control e vixilancia do mercado, a formación e a información ou a aposta pola mediación e arbitraxe.

    Na reunión, na que tamén participou a presidenta do Instituto Galego de Consumo e directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, salientouse a implicación das asociacións de consumidores en iniciativas como a campaña Dálle luz á túa factura, posta en marcha polo IGC para facer máis comprensible aos consumidores o recibo da luz e fomentar o aforro de enerxía.

    Máis información
  • 04 Febreiro, 2014
    Hoxe publícase no DOG a Orde de subvencións para a apertura de novos establecementos comerciais

    Hoxe publícase no Diario Oficial de Galicia a Orde do 27 de decembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a apertura de novos establecementos comerciales e se procede a súa convocatoria para o ano 2014 (Código do procedemento IN217A).

    Máis información
  • 03 Febreiro, 2014
    O IGC achega aos consumidores de Lugo a campaña “Dálle luz á túa factura” para facer máis comprensible o recibo eléctrico

    Lugo, 3 de febreiro de 2014.- O Instituto Galego de Consumo ofrecerá mañá martes unha charla informativa en Lugo para achegar aos consumidores e usuarios a nova campaña Dálle luz á túa factura, unha iniciativa de divulgación, formación e sensibilización coa que a Consellería de Economía e Industria persegue facer máis comprensible a factura da luz resolvendo as dúbidas da cidadanía e fomentando, ao mesmo tempo, o aforro enerxético.

    No encontro, que se celebrará a partir das 19 horas na sede de Conumar (Asociación de Consumidores e Usuarios en Marcha), na rúa Músico Falla, 20-21, presentarase o simulador eléctrico, unha aplicación que permite aos usuarios obter información sobre cada un dos elementos que conforman a factura eléctrica, personalizala e adaptala ao seu caso concreto recomendando a potencia a contratar. Esta ferramenta separa, tamén, o consumo do fogar, determinando o equipamento eléctrico co que conta a vivenda e as posibilidades de optimizar o seu consumo.

    Os asistentes poderán consultar as súas dúbidas a respecto da factura eléctrica e resolver diferentes casos prácticos, así como obter información sobre as distintas vías para darlle solución as súas reclamacións. Ademais, recibirán consellos sobre como reducir o consumo de enerxía no fogar.

  • 29 Xaneiro, 2014
    Cores Tourís comproba o remate das obras de potenciación do comercio local en Silleda

    Silleda, 29 de xaneiro de 2014.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Silleda para comprobar, en compaña do alcalde da localidade, Manuel Cuíña, o remate das obras de potenciación do comercio local deste municipio, executadas a través dunha subvención da Consellería de Economía e Industria.

    No acto estiveron acompañados polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, así como polo portavoz do PP da localidade, José Luis Espiño.

    Cores Tourís recordou que os traballos que hoxe visitaron son unha realidade grazas ao interese da Consellería de Economía e Industria de traballar en pro da revitalización do comercio de proximidade e da creación dunha rede galega de mercados de abastos excelentes.

    “Seguindo esta liña de actuación, a Consellería concedeu unha subvención a Silleda encamiñada a executar melloras na área na que se desenvolve o mercado tradicional ambulante de Bandeira e favorecer así a afluencia das familias da contorna a este espazo comercial, fomentando, á vez, as compras no comercio local”, explicou Cores Tourís. O proxecto presentado polo municipio roldou os 33.500 euros, dos cales, o 75% (algo máis de 25.000 euros) foi aportado pola administración autonómica.
    As obras acaban de rematar e supuxeron a mellora da iluminación, a reparación do pavimento e a instalación de novo mobiliario urbano no entorno onde se celebra o mercado ambulante tradicional.

    O alcalde de Silleda agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia nesta obra xa que “para este concello é moi importante adaptar e mellorar este entorno, ao tratarse dunha zona de grande pulo comercial”.

    Tamén fixo referencia o rexedor ao feito de que dous días ao mes, Bandeira conta cun mercado tradicional “ao que acoden veciños de todos os concellos limítrofes, polo que contar cunha zona adecuada e atractiva axudará a que se animen a permanecer máis tempo na localidade e facer aquí as compras que necesiten”.

    Pola súa banda, o delegado territorial destacou que “a adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio. Para estes efectos, as actua¬cións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles. É preciso, polo tanto, acondicionar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores”, apuntou.

    A maiores, o concello de Silleda tamén investiu outros 7.500 euros de cara á dinamización comercial do municipio, grazas á colaboración económica da Consellería de Economía e Industria que aportou o 40% deste montante que tivo como obxectivo a posta en marcha de diversas iniciativas para a atracción de novos consumidores, a sensibilización implicación da poboación para dinamizar o consumo local nos núcleos de Bandeira e Silleda e a colaboración coas asociacións para potenciar o pequeno comercio local.

    Esta orde de axudas destinou 4,5 millóns de euros a toda Galicia, dos que 1,5 millóns corresponderon a provincia de Pontevedra, “o que significa o 32,5% do total”, destacou o delegado territorial.

  • 26 Xaneiro, 2014
    A aplicación “Servizos no mapa” da web corporativa da Xunta facilita xa a localización de máis de 6.300 recursos públicos da Comunidade

    Santiago, 26 de xaneiro de 2013.- A aplicación do portal da Xunta “Servizos no mapa” dispón xa de máis de 6.300 equipamentos e servizos da Administración pública (culturais, educativos, sanitarios...) tanto autonómica coma estatal e local. O acceso a “Servizos no mapa” está dispoñible no portal corporativo, en eServizos! ou na ruta http://www.xunta.es/servizos-no-mapa.

    Desde a súa posta en marcha en setembro incorporáronse a esta ferramenta máis de 2.000 recursos, incrementado o tipo de servizos de 13 a 21 a día de hoxe. “Servizos no mapa” permite localizar de xeito sinxelo os distintos servizos realizando buscas por palabras, provincias e concellos, tipos de servizos e temáticas destes.

    Ademais, para cada tipo de servizo, dispón de iconas específicas sobre as que se pode premer para consultar os datos relacionados con cada recurso (enderezo, teléfono, correo electrónico, páxina web, horario...).

    Novos servizos e funcionalidades
    Servizo no mapa ofrece ao usuario unha nova funcionalidade que permite coñecer a posición física do cidadán (xa sexa a do seu ordenador ou a dun dispositivo móbil) para informalo de cales son os servizos ou equipamentos que están máis cerca do lugar no que se atopa.

    Os novos servizos incorporados permiten acceder a información detallada e datos de contacto das oficinas de emprego, as casas consistoriais, os edificios da Administración de Xustiza, centros sociais, centros para persoas con discapacidade, para a infancia, para persoas maiores ou para a inclusión social.

    Estes datos súmanse aos que xa ofrecía “Servizos no mapa” sobre centros educativos; farmacias; centros de saúde; de hospitais e centros de especialidades; a Rede de Arquivos de Galicia; da Rede de Aulas da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), da Rede de Bibliotecas de Galicia; das Oficinas de Rexistro e Información da Xunta de Galicia; dos museos e coleccións visitables do Sistema Galego de Museos; das oficinas de turismo; dos Centros de Información á Muller e das oficinas do Instituto Galego de Consumo.

    Novas incorporacións
    Entre os novos recursos que se facilitarán proximamente a través desta a aplicación están, os puntos limpos do Sistema de Información de Residuos de Galicia, as estacións de autobuses e trens, as Oficinas Agrarias Comarcais e as Estacións de Inspección Técnica de Vehículos.

    Máis de dez millóns de visitas a www.xunta.es en 2013
    A incorporación deste novo servizo á www.xunta.es enmárcase no novo concepto de web corporativa que se impulsou en 2011 tras a renovación do portal, deixando atrás o concepto de web institucional para converterse nun espazo de información e servizos máis orientados ao cidadán.

    Este portal recibiu en 2013 máis de 10 millóns de visitas de 140 países, e é o terceiro máis accesible de todos os portais corporativos das Comunidades Autónomas, segundo o último informe do Observatorio de Accesibilidade do Ministerio Política Territorial e Administración Pública.

  • 23 Xaneiro, 2014
    Hoxe publícase no DOG a Orde de subvención ás asociacións de comerciantes sen fins lucrativos para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia.

    ORDE do 14 de xaneiro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro, para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia e se procede á súa convocatoria (IN219A).

  • 21 Xaneiro, 2014
    A Xunta impulsa o importante papel que desenvolven as asociacións de comerciantes coruñesas na dinamización do sector

    A Coruña, 21 de xaneiro de 2014.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantiveron esta mañá un encontro de traballo con representantes de centros comerciais abertos e asociacións das prazas de abastos da cidade da Coruña para presentarlles a nova convocatoria de apoios da Consellería de Economía e Industria específica para estas entidades, coas que se impulsa a importante labor que desenvolven na dinamización do comercio de proximidade.

    O programa, que se publicará nos próximos días no Diario Oficial de Galicia e que está dotado con 2,2 millóns de euros, permitirá atraer nova clientela e mellorar os servizos que se ofrecen a través da posta en marcha de campañas de dinamización, sistemas de fidelización de clientes ou proxectos de sinalización comercial externa. Tamén se concederán axudas para o funcionamento das unidades xerenciais e, no caso das asociacións das prazas de abastos, melloras en instalacións e equipamentos.

    As axudas, das cales se beneficiaron na anterior convocatoria tres entidades da cidade herculina, poderán solicitarse durante o prazo dun mes a partir da súa publicación, e poden chegar no caso dos centros comerciais abertos ata os 40.000 euros e alcanzar o 80% do investimento subvencionable, en función da poboación dos concellos nos que están situados e do número de establecementos asociados. No caso das asociacións das prazas de abastos, a porcentaxe de axuda é do 70%, podendo alcanzar a subvención un máximo de 9.800 euros.

    O programa para os centros comerciais abertos e as asociacións das prazas de abastos enmárcase dentro da aposta polo impulso ao asociacionismo comercial que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, dentro do cal se levan destinado nos últimos cinco anos máis de 6 millóns de euros ás asociacións de comerciantes da provincia da Coruña a través de diferentes convocatorias.

    Entre os criterios de valoración para acceder ás axudas das que se informou hoxe prímase o autofinanciamento das asociacións, a través da captación de socios, as actuacións que sexan máis novidosas, que teñan un maior alcance e impliquen un maior número de comercios, así como as que supoñan beneficios para o ambiente ou as familias numerosas.


    Ademais do respaldo ao asociacionismo comercial, na estratexia específica da Xunta para impulsar o comercio de proximidade como creador de riqueza e emprego e un importante dinamizador das vilas e cidades galegas e mellorar a súa competitividade incídese en eixos como o emprendemento, a innovación, o relevo xeracional ou a potenciación das prazas de abastos.


  • Páxina 23 de 84

  • Mostrando do 441 ao 460 dun total de 1672 rexistros